Compostela Cultura programa 32 espectáculos de Artes Escénicas no primeiro semestre de 2023
Teatro, danza, circo e espectáculos familiares, cunha sección especial para bebés, que se poderán ver no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal, nun total de 43 funcións. As entradas para todos os eventos poderán mercarse a partir de mañá venres día 2, tanto na páxina web compostelacultura.gal como no despacho de billetes da Zona C, na praza de Cervantes
A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron esta mañá a programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre do 2023. Fixérono acompañados do director de AGADIC, Jacobo Sutil, pois algúns dos espectáculos están enmarcados dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Outros espectáculos enmárcanse dentro dos ciclos PLATEA e Danza a Escena do INAEM do Ministerio de Cultura e Deporte e a programación conta tamén co apoio do Consorcio de Santiago e da Deputación da Coruña.
Son un total de 32 propostas de teatro, danza e circo, cunha programación especial En Familia dentro da cal temos o #PorVezPrimeira, espectáculos dirixidos a bebés. As funcións serán 43 e poderemos velas no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal. As entradas poden mercarse a partir de mañá, venres 2 de decembro, ás 11.00 h tanto na páxina web compostelacultura.gal como na Zona C, na Praza de Cervantes, no seu horario habitual: de martes a sábado, de 11 a 14 h e de 16 a 19 h. Ademais, poderán mercarse os días de espectáculo na sala na que se celebren, desde unha hora antes do inicio do evento.
As entradas terán un prezo de 10, 12 ou 14 euros, co desconto do 50% para os colectivos habituais: persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas. Os espectáculos familiares terán un prezo único de 3 euros por entrada.
32 espectáculos, con 6 estreas
A programación comezará o 21 de xaneiro no Auditorio de Galicia con ‘Los Santos Inocentes’ de Miguel Delibes nunha proposta de Javier Hernández Simón que protagoniza, entre outros, Javier Gutiérrez, para continuar os días 26 e 27 no Teatro Principal coa estrea absoluta de ‘Pussy Cake’, o novo traballo de Matarile Teatro, dirixido por Baltasar Patiño e con coreografía de Nuria Sotelo e Rut Balbís.
En febreiro teremos ata nove funcións de cinco propostas diferentes. Malasombra presenta os días 2 e 3 ‘Vox Populi’, unha ópera rock con música e letras orixinais arredor do auxe da ultradereita na época actual, e o día 4 teremos ‘Buho’ de Titzina Teatro, con idea, dirección e interpretación de Diego Lorca e Pako Merino. Os días 9, 10 e 11 poderemos gozar de novo de Mofa e Befa, PT Excéntricas, que nos presentan ‘Pirolíticos’, unha guía sobre as novas masculinidades que propón aos homes que fagan unha correcta pirólise en 10 pasos sinxelos. Os días 23 e 24 teremos a estrea absoluta da versión de ‘Hamelin’ de Redrum Teatro, con dirección e tradución de Álex Sampayo e o 25 de febreiro, a estrea en Galicia de ‘Safo’ de Focus, un espectáculo de Christina Rosenvinge, Marta Pazos e María Folguera. Todos os espectáculos deste mes serán no Teatro Principal agás ‘Safo’ que será no Auditorio.
Marzo tamén será un mes cargado de propostas xa que poderemos elixir entre sete espectáculos. Inversa Teatro preséntanos os días 3 e 4 ‘O péndulo’, unha obra de teatro-documento que nos amosa como se desenvolveu a sublevación militar do 36 e o inicio da Guerra Civil en Galicia baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio. O día 9 Unhahoramenos ofrece dous pases de ‘Moria’, teatro inmersivo no que o público se mergulla na trama mediante a proximidade ás actrices no interior dunha haima situada no escenario. ‘Moria’ foi merecedora do Premio Max ao mellor labor de produción en 2022. O día 10 De&Con e Belén Pasqualini presentan ‘Christiane. Un bio-musical científico’, que nos conta a vida de Christiane Done Pasqualini, unha figura fundamental a nivel internacional na investigación da leucemia. O día 11 poderemos gozar de ‘Todas las canciones de amor’ con dirección de Andrés Lima e Eduard Fernández en escena e o 17 Teatro do Noroeste presenta ‘Último verán en Santa Cristina’ con autoría e dirección de Eduardo Alonso. Pechamos o mes os días 24 e 25 coa estrea absoluta de Códice-K, de Ainé Producciones, e o día 31 con ‘Mi hijo sólo camina un poco más lento’, espectáculo no que Tanttaka Teatroa fala da vida arredor da historia da familia de Branko, que ten unha enfermidade dexenerativa.
A estrea absoluta de ‘The Great Greta’ é a primeira das propostas que poderemos ver en abril, o día 14, cun espectáculo multidisciplinar que combina danza, humor e circo para levar á escena unha oda á xente rara. Continuamos o día 21 con ‘Nó’ de Elahood, unha proposta escénica contemporánea que invita á reflexión colectiva das preocupacións actuais para seguir o 22 con ‘Tercer Cuerpo’, texto e dirección de Claudio Tolcachir e un elenco no que atoparemos a Natalia Verbeke, Carmen Ruiz e Carlos Blanco, entre outros. A programación de abril complétase o día 27 con ‘Transmissions: conferencia bailada sobre danzas urbanas’ con Javier Casado e Guillermo Vidal Ribas e o día 28 coa estrea de ‘O que non se ve’ de Et Suseia Danza.
Talía Teatro é a primeira proposta do mes de maio os días 12 e 13 con ‘Unha inimiga do pobo’ de Henrik Ibsen, en versión de Vanesa Sotelo e Tito Asorey. O día 18 chega a Compostela Carles Sans con ‘¡Por fin solo!’, o espectáculo que todos os seguidores de Tricicle quererán ver porque é como un making of da vida da compañía. O 25 de maio A Feroz presenta ‘ Do pracer e da morte’; o 26 teremos ‘Amantis, selfies, sexting e outras formas de amar(se)’ de Rebordelos, con autoría de Tamara Canosa e Xacio Baño; e o día 27 Amor Producciones presenta ‘Freak’ un texto directo e liberador de Anna Jordan.
Péchase a programación o 21 de xuño con ‘Elisa e Marcela’ de A Panadaría. Por esta montaxe, unha reconstrución irreverente da historia de amor a contratempo de Elisa e Marcela, A Panadaría recibiu catro Premios María Casares, entre o que se atopa o de mellor espectáculo, e unha ampla lista de premios máis. Celebraremos o peche dun dos fitos teatrais da década con esta función especial no Teatro Principal.
En Familia e PorVezPrimeira
O programa conta cun apartado especial dedicado ás familias con cinco propostas de danza, circo e teatro e dúas máis específicas para bebés. O 28 de xaneiro Zum-Zum Teatre presenta ‘Soy una nuez’ e o 15 de abril chega ‘Latas’ de D’Click. Ambas dirixidas a nenos e nenas de 5 anos en diante e ambas no Teatro Principal. O 16 de abril teremos a cita xa anual coa Gran Gala de Circo de Compostela, da man de Pistacatro, no Auditorio de Galicia. E a danza será a protagonista o 29 de abril con ‘Nataman’ de Da.Te Danza e o 27 de maio con ‘Loop’ de Aracaladanza.
PorVezPrimeira presenta un programa dedicado á primeira infancia co obxectivo de que o Teatro Principal e o Auditorio de Galicia se convertan no lugar da primeira experiencia cultural dos nosos e das nosas novas veciñas. O 5 de maio O baúl da tía Tola presenta ‘Tilintilonia’ no Teatro Principal, dirixido a nenos e nenas de 6 meses a 3 anos e o 6 de maio Projecte Nius presenta ‘Nidos (Nius)’ unha invitación para toda a familia a vivir a arte cos cinco sentidos, dirixida especialmente para a cativada de ata os 2 anos.
#posfunción
Nalgúns dos espectáculos, haberá #posfunción ao remate. En total será trece as ocasións nas que, cando baixe o pano, conversaremos con membros do equipo de cada espectáculo arredor da temática e a experiencia de traballo do mesmo. A partir de aí, o debate estará aberto ao público asistente.