Taberna Triay, Roots, Intenso e Ajetreo, gañadores do XVIII Concurso de Tapas Picadillo
O XVIII Concurso de Tapas Picadillo viviu hoxe o seu peche coa entrega de premios ás mellores propostas das diferentes categorías desta edición. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, agradeceu, un ano máis, a alta participación dos establecementos de hostalería da cidade e destacou a calidade das tapas elaboradas. Taberna Triay, Roots, Intenso e Ajetreo son os gañadores desta edición, con mencións especiais a Taller de Sastrería (unha mención) e Casa Surrey (dúas mencións).
A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, o concelleiro de Turismo e presidente do Consorcio de Turismo e Congresos de A Coruña, Juan Ignacio Borrego, a neta de Picadillo e membro da Academia de Gastronomía de Galicia, Carmen Fernández-Gago Puga, e o Relacións Públicas de Hijos de Rivera, Sergio Castellanos, entregaron os premios no acto celebrado esta mañá. Inés Rey subliñou o alto nivel do concurso de tapas máis antigo dos que se celebran en Galicia, que nesta edición cumpre a súa maioría de idade. “Este concurso contribúe a facer que a nosa cidade sexa referente na gastronomía do noroeste de España”.
A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu ao xurado a súa participación, tanto ao xurado profesional (encargado de seleccionar as propostas premiadas) e á súa presidenta, Chau Fernández-Gago Puga (neta de Picadillo), como ao xurado inicial, responsable de evaluar as 60 tapas participantes nesta edición e de elixir as finalistas. “Cónstame que tivo un arduo traballo para poder ditaminar as tapas premiadas”, asegurou.
A rexedora tamén puxo en valor a identidade diversa do concurso, “no que participan todos de igual a igual, desde os establecementos máis pequenos aos máis grandes ou desde os máis novos aos máis tradicionais. É un un escenario imprescindible no que, ano a ano, o tecido gastronómico da nosa cidade amosa o seu inmenso potencial”.
Premiados
Na categoría Mellor Tapa Receitario Picadillo, unha modalidade nova nesta edición, resultou gañador o establecemento Taberna Triay, coa súa tapa “Soldadiños de Pavía”. O Premio á Mellor Tapa Creativa foi nesta edición para Roots, coa súa creación: “Gyoza de chocos na súa tinta”. Ambos galardóns foron elixidos por un xurado profesional. Tamén houbo premios por votación popular. Intenso é o gañador do Premio na Categoría de Maridaxe con Cervexa Estrella Galicia 1906 coa súa tapa: “Croqueta esférica de lumbrigante galego”. Ademais, o Premio Picadillo 2022 da Cidade da Coruña recaeu nesta edición en Ajetreo, coa súa creación: “Pequena cana con aroma de óso de cana rechea de tenreira sobre crema de allo porro e pataca”.
As mencións especiais foron, nesta edición, para Taller de Sastrería, coa tapa “Brioche KmC” e a cervexa Estrella Galicia 1906. Este establecemento recibiu a Mención Especial Categoría de Maridaxe con Cervexa Estrella Galicia 1906 (por votación popular). Casa Surrey obtivo dúas mencións especiais, na Categoría Premio Tapa Receitario Picadillo, coa tapa “Mexillóns compostos”; e na Categoría Premio Tapa Creativa, co “Brioche de carne”.
Nas categorías de Mellor Tapa Receitario Picadillo e Mellor Tapa Creativa cada premio é de 1.000 euros e nas categorías de Maridaxe e Cidade da Coruña, de 500 euros respectivamente.
Nesta edición do Concurso de Tapas Picadillo participaron 52 establecementos da cidade con 60 tapas.
Greca gaña a VII edición de Boucatise
Greca Bar gañou por partida dobre o Boucatise, o VII Festival Bocata Gourmet A Coruña, celebrado esta fin de semana no Mercado de San Agustín. Como resultado da votación popular, a proposta ‘Chapata de cerdo al estilo Shin Chan’, de Greca, fíxose co premio “Mellor Bocata Boucatise 2022” e tamén co galardón “Mellor Bocata Boucatise-Maridaxe Estrella Galicia”.
Participaron nesta edición de Boucatise, organizado cada ano polo Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos, 12 establecementos coas súas propostas de bocadillos ideados en exclusiva para este evento: Asador Gonzaba, Cantón 23, Intenso, La Conquista, La Esquina de Valentina, Greca Bar, La Mansión 1783, La Teresa, Millo Orzán e Roots. Na planta baixa do mercado: Habaziro e Café Veracruz, coas súas propostas de doce e café. Os prezos dos bocadillos situáronse entre os 4,50 e os 6 euros.