fbpx
CompostelaCulturaGaliciaNovas

Galicia lidera un proxecto internacional con teatros públicos e privados para promover as linguas minorizadas

Presentación do proxecto no Museo do Pobo Galego.
Presentación do proxecto no Museo do Pobo Galego.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez, presentaron Phōnē, o proxecto que o Goberno galego lidera xunto a nove socios internacionais co obxectivo de contribuír á salvagarda da diversidade cultural e lingüística en Europa conectando as persoas a través do teatro.

O proxecto,  no que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades participa de xeito transversal a través dos seus departamentos de Política Lingüística, Cultura e Industrias Culturais, con especial protagonismo do CDG, supón a primeira gran colaboración internacional de teatros públicos e privados traballando polas linguas minorizadas e, cun horizonte en 2024, prevé obter como resultado máis de 170 accións culturais vencelladas ao mundo teatral.

Neste sentido, o responsable de Política Lingüística destacou “a importancia de programas como este en que a lingua galega se internacionaliza en espazos europeos onde hai sensibilidades por linguas coma a nosa”. Ademais, “é clave contar cun centro teatral de referencia que nos permite proxectarnos e intercambiar coñecemento con tan prestixiosas entidades”, engadiu Valentín García.

Presentación do proxecto no Museo do Pobo Galego.
Presentación do proxecto no Museo do Pobo Galego.

Proxección exterior do teatro galego

Pola súa banda, Fran Núñez incidiu na “importancia da lingua como eixe vertebrador da nosa cultura” e no “Centro Dramático Galego como unha ferramenta fundamental ao servizo da internacionalización do noso teatro”.

No acto de presentación, que acolleu o Museo do Pobo Galego, tamén participaron a presidenta do dito museo, Concha Losada; a representante da Federación Galega de Teatro Afeccionado FEGATEA, Chelo Pampillón, e algúns dos artistas participantes neste proxecto, como Tamara Canosa ou Rafael Rey. Ademais, a xornada estivo amenizada pola actuación musical do compositor Xosé Lois Romero.

Con esta colaboración internacional, enmarcada na estratexia da Xunta por promover a cultura e lingua galegas no exterior, preténdense crear máis de 170 accións culturais de distinta índole tales como 16 producións teatrais, 16 co-producións de lecturas dramatizadas con elenco bilingüe, oito festivais e eventos internacionais, unha coprodución multilingüe baseada no traballo dos oito grupos comunitarios, oito residencias de creación dramatúrxica, 60 podcast a partir dos obradoiros de escrita nos grupos de teatro comunitarios, 70 vodcast realizados polos participantes no proxecto e unha publicación que recolla metodoloxías e boas prácticas para a difusión mediante o teatro de linguas minorizadas como base para crear unha rede de teatros.

Idiomas implicados

Para sacar adiante o proxecto Phōnē, o Goberno galego traballa man a man xunto a nove socios internacionais. Dunha banda, as compañías teatrais Fryske Toaniel Stifting Tryater (Países Baixos), Deutsch-Sorbisches Volkstheater Bautzen (Alemaña), Teatrul Evreiesc de Stat (Rumanía), Stadttheater (Italia), Fibin Teo (Irlanda), Teatr piba (Bretaña / Francia) e Itu teatteriforeeninki (Noruega). Ademais, tamén  participan as institucións académicas Universität Leipzig (Alemaña), que conta cun departamento de estudos sobre minorías lingüísticas na sociedade, e a Stichting Hanzehogeschool Groningen (Países Baixos). Deste xeito estarán representados xunto co galego o frisón, o alto e o baixo sorobio, o yiddish, o ladino, o gaélico, o bretón e o kven.

O proxecto, que xa está en fase de desenvolvemento tras arrancar o pasado mes de xuño, prevé de cara a este 2023 un encontro interxeracional en Irlanda para abordar o proceso de creación de teatro comunitario, un encontro de profesionais sobre as linguas en Alemaña e, finalmente, un encontro dos equipos de dirección que acollerá Galicia.

Xa para o 2024, Italia será sede dun encontro de grupos amadores e, co gallo do 40 aniversario do Salón Teatro de Santiago de Compostela, a Xunta traballa nunha acción especial no marco deste proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.