fbpx
CompostelaReportaxes

EFECTO DOMINÓ: A desesperada situación da hostalaría pola pandemia da Covid-19 arrastra a provedores, distribuidores, músicos…

Carlos Arévalo, Pablo Lodeiros, José Luis Guerra e Lucía Vázquez. Foto: Iván Barreiro

Como se de fichas a piques de caer polo efecto dominó se tratase, a crise que atravesa a hostalaría por mor da pandemia da Covid-19 non só afecta aos empresarios e traballadores do sector. Son milleiros os negocios que dependen da súa supervivencia. Son produtores, provedores, distribuidores, músicos... a cadea é interminable. Son as mariscadoras que en pleno confinamento pediron non ser consideradas servizo básico e deixar de traballar. Porque sen a hostalaría estaban facéndoo en balde. Porque non vendían. Porque o tipo de consumo que a xente fai dentro da casa non é o mesmo que fai fóra. Porque se cae unha peza, detrás van todas as demais.

Nesta reportaxe imos falar de catro historias. A de Lucía Vázquez, propietaria do café bar Bicoca e presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago. A de Pablo Lodeiros, de Bodegas Lodeiros; a do músico Carlos Arévalo e a de José Luis Guerra, da empresa de material de hostalaría Utimaq. Son catro de moitas. Así resisten e así encaran uns meses cheos de incerteza.

Lucía Vázquez, no Bicoca, que está situado na Rúa de Entremuros. Foto: Iván Barreiro

Lucía Vázquez, presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago: “Soportamos normas moi restritivas, que levan á ruína a moitas familias e que non son eficaces contra o virus”

Fai sete anos e medio que Lucía Vázquez tomou como moita ilusión as rendas do Bicoca, un café bar situado na entrada da zona vella Compostelá que, co paso do tempo e por petición da clientela, foi derivando máis nun bar de comidas que nun de copas. Aínda así, e ata que a Xunta decretou o peche do ocio nocturno e o horario límite á 1 da madrugada para todos os locais de hostalaría, seguía funcionando moito como lugar onde tomar algo a primeira hora da noite.

Tras uns inicios complicados, o Bicoca estaba asentado por fin na oferta gastronómica de Compostela pero chegou a pandemia e mudouno todo. “Nós xa fechamos un día antes de que o fixera a Administración porque había pánico xeral. Cando xa nos confinan a todos e pasan dúas semanas, decidimos solicitar un ERTE. Reabrimos o 4 de xuño. Era un momento no que podiamos traballar coa terraza e cunha porcentaxe no interior, sen barra pero co teu horario normal de licencia. É dicir, mellor que agora”, conta. E é que Lucía, que é presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, segue sen comprender o porqué das restricións ao ocio nocturno. “Non sei se o virus se fai máis forte a partir das doce da noite. A min estrañaríame porque non é un Gremlin!”, ironiza

A súa entidade, xunto coa Asociación Hostalaría Compostela, levan tempo reclamando que a Xunta os escoite. “O diálogo co Concello, tanto co Goberno como coa oposición, deuse e se sigue dando. A nivel galego, tamén falamos coas forzas da oposición. O que non temos é diálogo precisamente cos que están poñendo as normas a base de decretazos. É a institución a que decide con quen fala e ao resto non lle dá cabida a pesar de que se pide por favor a entrada nas reunións”, sinala.

“Dá a sensación de que todo o Covid-19 sae dunha barra dun bar, ou dunha mesa dun restaurante, ou dunha copa dun pub. É a realidade non é así. Os datos indican que os gromos de contaxio prodúcense principalmente nas reunións familiares e de amigos. Hai tamén grandes focos noutros sectores, en ximnasios, en conserveiras... e as medidas que se toman aí son racionais: desinfección, probas PCR, corentena e de volta ao traballo inmediato. A nós estásenos tratando por outro baremo”, opina. “Por que?”, pregunto.  “En creo que se debe a que somos a industria máis potente do estado español pero tamén a máis disgregada. Aquí non hai un ou dous ou tres grandes empresarios ou empresarias que controlen o sector. Somos miles de pequenos autónomos que a nosa primeira ocupación é traballar no noso establecemento. E iso fainos moi débiles”.

Despois dun verán duro, o outono e inverno preséntase moi incerto para o sector, con moitos peches estacionais, tanto en hoteis como en bares e restaurantes, e con máis que probables feches definitivos de moitos locais. “Estamos pasando un momento durísimo, é evidente que ten que haber medidas sanitarias e así o asumimos desde o primeiro momento. Pero non podemos aceptar a aplicación dunhas medidas tan restritivas, que levan á ruína a moitas familias, e que a día de hoxe, vemos que son completamente ineficaces na contención do virus”.

Pablo Lodeiros pertence á cuarta xeración das Bodegas Lodeiros. Foto: Iván Barreiro

Pablo Lodeiros, de Bodegas Lodeiros: “Saímos adiante reestruturando o negocio”

Bodegas Lodeiros é un negocio familiar, fundado polo bisavó de Pablo. Aínda que a empresa naceu nunha parroquia de Ordes, pronto a familia estableceuse en Compostela. Eran arrieiros, ían ao Ribeiro polo viño, traíano á cidade e vendíano nun pequeno despacho na rúa de San Pedro. Pouco a pouco, foron evolucionando e comezaron a elaborar os seus propios produtos -viños e vermú principalmente- e a distribuílos en Santiago e tamén fóra.

Hoxe a empresa, como tantos outros produtores e distribuidores, sofre os envites dunha pandemia que está sendo especialmente cruenta cun dos seus principais clientes: a hostalaría. Aínda así son optimistas e, con imaxinación e moitas ganas, están seguros de que sairán desta.

Como estades a levar en Bodegas Lodeiros a crise da Covid-19?

Temos en xeral unha situación bastante volátil. Hai moita incerteza. A saúde é moi importante e o principal é ter unha seguridade, pero hai un problema moi grande, moita desinformación. Non sabes que vai pasar a semana que vén. E así é difícil establecer unhas estratexias ou uns obxectivos.

Como vos afecta a situación tan crítica que atravesa a hostalaría?

Pasamos momentos de estrés e momentos de calma. Hai picos de consumo. No confinamento, sendo a hostalaría o 80% da nosa clientela, foi un golpe duro. Saímos adiante polo que iamos vendendo fóra, o que traballaban os distribuidores nas súas respectivas prazas... E fomos reestruturando o negocio: aproveitamos para facer a tenda online, intentamos acceder a pequenas tendas como ultramarinos -nas que si que notamos un aumento do consumo- e sacamos formatos máis pensados para o sector da alimentación que o da hostalaría.

Só uns días antes do confinamento, presentastes Camiño Natural, un novo proxecto co que cambiou a imaxe do vermú Lodeiros e que tiña como base o compromiso medioambiental e a produción sostible. Puidestes seguir para adiante?

Si, está funcionando moi ben. Por un lado, utilizamos o produto e os envases o máis ecolóxicos posible. E por outro lado, reinvestimos unha parte dos beneficios en proxectos ecolóxicos en Galicia. O primeiro é a repoboación dun bosque autóctono na Agolada, en colaboración con ADEGA. Temos que ver como imos realizalo coas medidas de seguridade e hixiene que nos obriga a pandemia pero si que cara finais de outubro esperamos comezar. O covid non puido con este proxecto! (Sorrí).

E de cara ao futuro? Sodes optimistas?

Si, nós somos optimistas por natureza. Xa pasamos moitas crises e situacións complicadas. Quen nos coñece sabe que con nós sempre encontra unha palabra amable ou un sorriso. A nosa filosofía é que máis que un negocio somos unha familia. Levamos traballando nisto toda a vida. Estamos preparados para aguantar. Iso si, estamos dándolle unha volta á nosa liña de negocio, enfocándonos máis aos nosos produtos, que era algo que xa tiñamos antes en mente, pero que a rutina non nos permitía facer. Aproveitamos un pouco esta ruptura para tomar esas decisións que viñamos postergando. E démonos de conta que ese é o camiño.

O negocio de José Luis Guerra, Utimaq, ten xa case vinte e cinco anos. Foto: Iván Barreiro  

José Luis Guerra, xerente de Utimaq: “Se o restaurante non funciona, nós non funcionamos. Se nós non o facemos, o fabricante, tampouco

Ata a chegada da crise da Covid-19, o 60% das vendas de Utimaq –unha empresa compostelá con case vinte e cinco anos de historia- relacionábase coa hostalaría. O outro 40% repartíase entre o sector alimentario (carnicerías, comedores dos colexios, etc.), o sanitario e o cliente particular.

O seu catálogo inclúe vestimenta e calzado especializado, utensilios de cociña, coitelería, máquinas de envasado... e actualmente moitos produtos de desinfección que son os que os están axudando a saír adiante. “As vendas en hostalaría baixaron moito. Hai un cambio moi importante porque no confinamento estivo todo parado. Cando rematou, empezou a ir a cousa mellor, abriron moitos locais e notábase algo de alegría, pero agora volveu a pararse”, explica o seu xerente, José Luis Guerra.

O empresario está seguro de que, se non se controla a pandemia ou melloran as condicións dos locais, o que resta de ano será moi complicado para moitos negocios. “Todo isto leva unha cadea detrás, desde o fabricante ao comercial, etc. Se o restaurante non funciona, nós non funcionamos. Se nós non o facemos, o fabricante, tampouco. A nosa cidade vive moito do turismo e se falla, vense todo a abaixo”, lamenta.

Guerra ten claro que a solución para sobrevivir pasa por reinventarse e potenciar a venda online. “Dentro do malo, durante o confinamento nós traballamos bastante ben porque xa desde sempre vendemos material de protección como luvas, batas, gorros... e tiveron moita demanda porque neses momentos había moita escaseza. Foi o que nos salvou neses meses. Tivemos incluso pedidos a nivel nacional. Despois fomos ampliando a nosa oferta con máscaras, xeles hidroalcohólicos, produtos desinfectantes e virucidas, de limpeza de cámaras... Todos autorizados por Sanidade”, explica.

E que pasa co mundo da artesanía? Aféctalles a eles tamén o grave crise económica da hostalaría? Si, pero en moita menor medida. Isabel, de Lorenzo Design, unha empresa compostelá que conta coa marca de Artesanía de Galicia e que se dedica ao deseño, elaboración e comercialización de pezas en madeira para a alta gastronomía e o fogar, explica que si que notaron o parón de pedidos durante o confinamento pero que a situación mellorou coa nova normalidade. “Nós non facemos grandes cantidades e os tempos de creación son máis longos”, sinala. Ademais, os seus principais clientes son restaurantes con Estrela Michelin que xa antes tiñan poucas mesas nos seus locais e non lles afectan tanto as restricións de capacidade e distancia social como pasa noutro tipo de establecementos de hostalaría.

Carlos Arévalo toca actualmente en varias formacións como ‘Banda de Nash’ ou ‘Eclektic Pajaro’s Band’. Foto: Iván Barreiro

Carlos Arévalo, músico: “Hai que concienciar ás administracións de que os concertos son sitios seguros”

Carlos Arévalo é un músico cunha longa traxectoria ás súas costas. Naceu en Montevideo (Uruguay) e xa de mozo trasladouse a Madrid e posteriormente a Compostela. Amigo de Manolo Tena, tocou con el na banda ‘Cucharada’. Despois chegaron moitos outros grupos xa en Galicia como ‘Laser’, ‘The Funkles’ e ‘Banda de Nash’, cos que o batería continúa batallando. Ademais acaba de comezar a ensaiar cun novo proxecto: ‘Eclektic Pajaro’s Band’, no que xunto con Antón Torroncho (baixo), Iván Barreiro (guitarra) e Alejandro Casquero (teclados) versiona temas de grupos como Génesis, The Police ou Creedence, entre outros.

O sector cultural é outro dos máis prexudicado pola crise sanitaria e económica da Covid-19. Como che está a afectar a ti coma músico?

No confinamento parouse absolutamente todo. Fixemos moitos vídeos, reuniámonos con músicos a través da pantalla... Despois puiden empezar a tocar cun dueto e un trío acústico en dous locais de Teo nas fins de semana. Tamén estou en xira cun show tributo a Michael Jackson e co espectáculo Film History Music, que se basea nas bandas sonoras de películas. Poder estrear nestes tempos xa é moito! Dentro do que hai, síntome un privilexiado. Vexo a moitos outros amigos músicos que non poden facer nin o mínimo que é isto.

Creo que hai que concienciar ás administracións de que os concertos e os teatros son sitios seguros. Non se ten en conta que a cultura non é só o que sae enriba do escenario tocando ou facendo un monólogo, senón que detrás hai moita xente. É o que fai o traxe ao músico, o que pon a luz, o que enchufa a corrente, o produtor... E cada un deses seres humanos ten a súa familia.

Como ben dicías, este verán puidestes tocar en dous locais de hostalaría de Teo, como respondeu o público?

Moi ben. Na primeira actuación que tivemos estabamos como moi metidos para dentro. Eu que son moi comunicativo tiña medo de falar. Empezamos a tocar e a xente estaba caladiña... Ata que no segundo tema, todos respiraron. Cando terminamos todo foron agradecementos, como dicindo por fin! A verdade é que foi moi máxico. Non se pode bailar, nin saltar, nin saír da mesa, pero pódese cantar con nós, dar palmas... Aínda que sexa o mínimo, desfrútase moito.

Ata agora tocabamos en terraza, pero no outono-inverno será con menos asiduidade porque dentro dos locais limítase máis a capacidade. Sempre que toco penso: hoxe pode ser o último día porque se aparece algún infectado, cortaríase todo. É un vivir ao día.

Cando non é polos ruídos, é pola pandemia... Os músicos estades acostumados a sobrevivir...

Os músicos sempre estamos na corda frouxa. Tampouco estamos lexislados como deberiamos. Hai mil buratos negros no que respecta á cultura. Estamos na loita continua. Está claro que nestes tempos temos que reinventarnos e baixar cachés. Pero o que é músico vaino ser toda a vida e vai tirar para adiante co que sexa.

Dou ás grazas aos hostaleiros que están apostando pola música en directo. Pídolles que sigan, e que os músicos fagan forza para que volvan a abrir as salas, que nos adaptemos, igual temos que facer formatos máis acústicos... ata que cheguen os bos tempos novamente. O que non se pode é parar.