Crusat & CostasGaliciaGastronomíaJosé CrusatLorena Costas

Crusat e Costas: Lousas “Viñas de aldea” 2023

ENVÍNATE: o Equipo A do viño

E de súpeto xa estamos no 2025! Ano novo, viños novos que probar e coñecer e dos que escribir en Pincha; mais o viño e a adega da que vos imos falar non é nova nin elabora viños nunha zona pouco coñecida: máis ben todo o contrario. Ribeira Sacra é, sen dúbida, unha zona que non necesita presentación. Que ten de particular entón a historia deste número da revista? Pois, aínda que para os xa iniciados no mundo do viño o nome de Envínate é máis que coñecido, cremos que merece a pena que vos falemos destes catro rapaces, cada un dunha parte de España.

Roberto Santana, Alfonso Torrente, José Ángel Martínez e Laura Ramos coñecéronse estudiando enoloxía en Elche alá polo 2004. Foi alí onde descubriron que compartían unha visión moi similar do viño, dando como resultado o proxecto Envínate. Neste proxecto tamén fan asesoramento enolóxico a outras adegas, precisamente das zonas onde tamén eles elaboran viños. Así, poderedes catar viños de Tenerife (Taganana, Santiago del Teide, etc), Estremadura, Montilla, Almansa e, como non, Ribeira Sacra. Non é sinxelo atopalos xuntos, como moito nalgunha feira, pero aínda que se encontren en lugares xeográficos moi lonxe uns dos outros, manteñen contacto e ideario común nas súas elaboracións.

Un dos compoñentes, Alfonso, é galego e lucense, polo que unha das zonas presentes no seu portfolio tiña que ser, como xa adiantei, a Ribeira Sacra, fundamentalmente representada pola predominante Mencía, en combinación con variedades minoritarias. Esta foi a primeira zona do proxecto, onde mercaron a primeira parcela, e teño que dicir que cada vez conseguen viños máis afinados. A súa filosofía baséase en buscar frescura nas súas elaboracións, pouca intervención e traballo con variedades autóctonas. Sempre buscan viñedos singulares (se tedes ocasión de visitar Taganana en Tenerife, non vos deixará indiferente esa paisaxe), e na Ribeira Sacra a verticalidade dos viñedos cumpría á perfección o pretendido.

No caso de Lousas 2023 (como xa sabedes, lousa é o vocábulo galego para referise a “pizarra” en castelán), do que Crusat vos contará máis aspectos de elaboración, colleita, etc., falamos dun viño tinto elaborado fóra da D.O. Ribeira Sacra en parcelas de Amandi, Quiroga, Ribeiras do Sil, onde, nos conta Alfonso, o tempo, a choiva e as extremas temperaturas de finais de agosto condicionaron completamente a vendima, que comeza a finais dese mes e que debe pararse varias veces en setembro pola choiva. Lousas fermenta e críase en depósitos de formigón e barricas de carballo de diferentes tamaños, onde permanece ata o seu embotellado. Poderedes notar algo de redución no nariz cando a abrades, pero cun suave meneo da copa vaise e deixa lugar a un viño moi fresco, fluído, elegante, que invita a beber e que nos traslada de inmediato a eses montes e fragas galegas polos aromas balsámicos que desprende.

Un compendio de Ribeira Sacra que NON é RS

Arrancamos o novo ano cun viño tinto galego do equipo Envínate, que coma o propio grupo é una mestura, por unha banda eles mesmos; pero se falamos deste viño que nos ocupa, trátase dun viño de diversas parcelas de diferentes lugares da zona da Ribeira Sacra, aínda que por decisión propia fóra de DO. Esta diversidade de parcelas tamén se reflicte no tipo de rochas dos chans, con lousas (de aí o nome), granito e gneis. E tamén a condución das videiras de 60 anos ou máis en vaso e máis espaleira.

Mestura tamén en canto ás variedades empregadas, que se ben o Mencía é a uva maioritaria, tamén entran na elaboración outras castes tintas propias da zona coma a tinturera, o grao negro, merenzao e brancellao. E a cousa non queda aquí, xa que tamén as brancas destas parcelas entran na ecuación, godello e jerez.

E segue a festa na adega. Onde os viños con lévedo natural ferven en depósitos de formigón e cubos abertos. Despois críase en depósitos de formigón nun 30% e o 70% restante en barricas de diversos tamaños de carballo. Esta crianza e afinamento realízase por 11 meses nas súas propias lías, sen trasegos nin filtradora, para embotellarse o fin cunha pequena adición de sulfuroso final.

Que máis exemplo podemos ter de toda una rexión xeográfica!

Coma nota de cata podemos dicir que se trata dun viño de capa baixa, cor vermello picota. No nariz é froita vermella fresca, notas de formigón e herbas frescas. Na boca é un viño áxil, fácil de beber, fresco con froita, acidez media e mineralización.

A maridaxe, sen dúbida, neste caso, éche ben fácil. Andamos en tempos de porcos mortos, polo que vos propoño como prato tradicional unhas androllas con pataca cocida e un chourizo de aceite de Quiroga. Agora ben, se preferides o prato máis elaborado, que tal uns cabelos feitos con filloas recheos de faceiras de porcos sobre unha cama de puré de castaña, xugo concentrado de caldo de ósos e unha trufa negra laminada por riba?

FICHA DO VIÑO

Adega:
Envínate
D.O.: __
Variedades:
80 % Mencía, 20% outras variedades (Brancellao, Merenzao, Alicante, grao negro, Mouraton, jerez godello, etc.))
Grao: 12,5º
Colleita: 2023
Prezo: Sobre 21

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.