CompostelaCulturaDe libros

Neves Rodríguez, autora de ‘Cuspindo miserias’: “Todo o que non se saca para fóra termina por podrecer”

Neves Rodríguez e María Solla, durante a presentación do poemario ‘Cuspindo miserias’. Foto: Iván Barreiro

A Neves Rodríguez (Donostia, 1969) témola visto moito enriba dun escenario, nas nosas pantallas de televisión; tamén levando a cabo diferentes proxectos relacionados coa banda deseñada... Pero o que aínda non coñeciamos dela era a súa faceta como escritora. ‘Cuspindo miserias’ (Galaxia, 2024) é un berro que dá voz ás dores mudas. Pura poesía en coiros, honesta e visceral.

Antes de entrar en materia, unha cuestión, naciches en Donosti, de adolescente viñeches a Tui; pero despois de 25 anos vivindo en Compostela, xa podemos chamarte picheleira?

(Risos) Non sei... Non é que non queira ser picheleira, pero ao mellor se cadra é algo moi íntimo dos composteláns. A min faríame moitísima ilusión! Ti es compostelá? Se ti consideras que eu podo considerarme picheleira, grazas! É unha inmensa honra. A miña relación con Compostela vén do ano 1993 por temas de traballo. Despois no 2001 empecei a vivir aquí e para min foi un renacemento como muller. Acolléronme moi ben, nun momento moi enfastiado para min e foi a miña táboa de salvación.

Imos agora falar do teu primeiro poemario, ‘Cuspindo miserias’. Despois da túa longa traxectoria como comunicadora e actriz, por que decides lanzarte a escribir?

Non foi algo premeditado. Este poemario arranca do máis íntimo, como penso que pasa con todos os poemas; pero este é algo visceral. Foi un proceso que levou anos, unha vía de escape para a miña propia saúde mental. Non estaba pasando por un bo momento por múltiples razóns, profesionais e persoais, e axudoume moito empezar a escribir. Foi unha necesidade íntima, que me salvou nun momento moi enfastiado da miña vida. Primeiro eran ideas soltas, unidas por un fío condutor, que despois deron en poemas porque me sentía moito máis cómoda.

Falas nel, por exemplo, das “dores mudas”, ás que lle queres dar voz.

Si, as dores mudas son aquelas miserias que temos dentro e que non somos moitas veces capaces de exteriorizar pola presión social que se exerce sobre as persoas. É tamén como unha rebeldía contra este sistema no que vivimos no que o único que se valora e se admite como politicamente correcto é que esteas moi ben sempre, e que non hai lugar a ter miserias na túa vida. Ou, polo menos, se as tes, que sexa intimamente na túa casa e non a soltes para fóra. E moito menos nas redes sociais! Por iso o poemario ten tamén ese punto fodido e de ir á contra do rollo ‘Mr. Wonderful’; isto de que todo é bonito, brilli-brilli...

Doulle voz a esas dores mudas, a iso que estiven mastigando e tragando durante moito tempo eu soa e que me estaba podrecendo por dentro; porque todo o que non se saca para fóra termina por podrecer.

Unha presión social que é aínda maior contra as mulleres...

Si, claro! Estamos nun momento moi bo co feminismo e cos movementos que nos levan a ir dando pasiños nesa dirección de pedir a igualdade real, de loitar contra o heteropatriarcado que nos asfixia... Pero a min paréceme que ás veces fannos crer que eses pasos son xigantes e en realidade son cada vez máis pequeniños. Ou a min é a sensación que me dá desde o meu curruncho. Por exemplo, aínda seguimos con ese rollo de que as mulleres sempre temos que estar perfectas. Sempre temos que ter un sorriso na boca. Sempre temos que ser os piares. Se non tes esa actitude positiva, parece que es unha apestada. A min directoras de casting dixéronme: “Si no estás trabajando, no lo digas. Di que estás between jobs”. Así, en inglés, para que quede máis bonito. “No digas que estás mal porque eso ahuyenta a la gente”. Hostia, tío! Por iso despois tes esas miserias dentro removéndote; porque non es quen de dicirllas a ninguén, porque tes medo de que te expulsen, de non pertencer ao grupo...

E unha vez que xa saíron á luz estas miserias, segues escribindo? En que andas?

Agora mesmo estou inmersa nunhas oposicións que teño en xuño. A xente pregúntame por que o fago. Pois porque levo seis meses sen currar e teño que facer algo! En teatro pechamos ‘Invisibles’ no mes de abril despois de cinco anos de xira e teño outra obra que queremos estrear en outubro; pero estou cansada de vivir na precariedade, que é outra das miserias que arrastramos. Esa puta precariedade da cultura que non es capaz de ver o futuro máis aló de quince días! Iso non é vivir, é sobrevivir. Cando es máis nova, tes máis forza, non tes tanta responsabilidade e non estás tan cansa,  tiras para adiante co que sexa. Pero chega unha idade na que tes medo. Entón non é cuestión de non facer o que che gusta, pero si de ter unha estabilidade.

Sigo cos poemas porque me gusta. Mais sen presión. Para min non é un medio de vida, pero teño pensado seguir facéndoo. É certo que non estou escribindo por falta de tempo, pero si que recollo en notas de voz cousas que me asfixian, me oprimen, ou que me interesan, me obsesionan ou me gustan; e déixoas aí para despois traballar sobre elas. Creo que nunca escribirei sobre algo premeditado. Os libros que saian de min, se publiquen ou non, ou se autoediten -porque é algo que tamén me gustaría facer- sairán sempre das miñas vivencias de todos os días.

Neves Rodríguez, co seu poemario ‘Escupindo miserias’. Foto: Iván Barreiro

Unha presentación moi especial no novo salón de peiteado María Solla

Despois de moitos anos traballando en Fontiñas, o salón de peiteado María Solla trasladouse en decembro á rúa Gómez Ulla, 11. Un amplo espazo reformado totalmente no que esta profesional compostelá segue a demostrar o ben que se lle dá manexar a tesoira.

Neves Rodríguez, clienta habitual e amiga, escolleu este lugar para a presentación en Santiago do seu poemario ‘Cuspindo miserias’, nun acto que serviu tamén como inauguración do salón.

Por que escolliches este espazo tan especial para presentar ‘Cuspindo miserias’?

Eu tiña claro que a presentación en Santiago quería facela dunha maneira distinta. E María, que é amiga, estaba a piques de abrir o seu novo salón de peiteado. Cando o vin, flipei por como era! E ademais, cando me dixo que ese local antes fóra unha imprenta, pensei: “Xa está!”. E despois, quen non cuspe miserias coa súa perruqueira!

Pero sobre todo, porque penso que este poemario gustaríame presentalo en sitios distintos e que non teñan nada que ver cunha librería; por como naceu, por como se desenvolveu, polo seu contido...

Foi ademais unha presentación moi orixinal non só polo espazo, senón pola cantidade de compañeiras e compañeiros de profesión (Monti Castiñeiras, Mela Casal, Sheyla Fariña, etc.) que te acompañaron cunha performance...

Si, eu teño moita sorte. Son unha persoa que non son nada de pertencer a grupos, pero teño moi bos amigos e moi boas amigas. Xente coa que non falo todos os días, pero que cando levantas o teléfono, aí están. Igual que eles e elas tamén poden contar comigo cando o precisan.

E que che comentaron da túa faceta de poeta?

Non o sei porque non lles pregunto. Todo o mundo intimamente quere que guste o que fai; ostras, porque estamos criados no éxito e non no fracaso. Esa pedagoxía do erro aínda non se instaurou, nin somos capaces de vivir con ela. E deberiamos. Entón, non é algo que me preocupe. Eu son das que digo que se a min me gusta algo, sexa de quen sexa, voucho dicir. E se non me gusta, prefiro calar. Teño colegas que, sen eu dicirlle nada, dixéronme que o leran e lles gustara, aínda sen ser lectores de poesía; xente que me pregunta onde pode mercalo porque quere regalalo -que para min é a mellor crítica que me poden facer; xente que o comprou e sei que o leu e non me dixo nada (risos) e unha persoa que me escribiu e dixo: “Lin o poemario, non vai comigo, gocei moito lendo certos poemas, con outros non conectei”. ¡Ole tus huevos! Esa valentía e esa honestidade é a que pido eu.

Un momento da performance para a presentación de ‘Cuspindo miserias’ no salón de peiteado María Solla. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.