Gabriel Alén Castro, director xeral de Comercio e Consumo: “Quen descobre a artesanía a través das mans, engánchase”

En abril fará un ano desde que Gabriel Alén Castro asumiu o cargo de director xeral de Comercio e Consumo. Uns meses nos que decidiu escoitar o sector para dar forma ao plan estratéxico que guiará o departamento ata o 2030. Entre as súas competencias, atópase a Fundación Pública Artesanía de Galicia, na que traballan para conquistar á mocidade apostando pola innovación, sen esquecer, iso si, o respecto ás raíces e á tradición.
Que balance fas destes primeiros meses como director xeral de Comercio e Consumo?
O que quixemos facer desde o minuto un foi un proceso participativo. Unha escoita activa do sector. En primeiro lugar, achegándonos ás prazas de abastos, federacións, asociacións, distribuidoras, a todos os comercios que puidemos... Froito desas conclusións, queremos presentar un plan estratéxico que nos dea as pautas a seguir do 2025 ao 2030. Eu, que veño do municipalismo porque fun alcalde, creo que é importante aterrar sobre o territorio, escoitar e, sobre esa base, tomar as mellores decisións.
Ese proceso foi moi importante, pero iso non quita que non sigamos poñendo proxectos en marcha, como os Premios do Comercio, que recuperamos despois de moitos anos, para darlle visibilidade ás boas prácticas.
Outro exemplo é a iniciativa ‘Artesanía, saber e sabor’, que se celebrou en decembro con moito éxito en Ribadavia, con actividades de Artesanía de Galicia e de Artesanía Alimentaria; que nos vai dar pé a un proxecto piloto: ‘Vilas vivas’. O que pretendemos é recuperar a actividade comercial daqueles pobos nos que hai anos funcionaba moi ben, pero nas que caeu por diferentes circunstancias; e facelo con comercio efémero en fins de semana. Suporía ademais recuperar baixos comerciais, alugalos, rehabilitalos e poñelos a disposición (en rotación ou non, dependendo da demanda que teñan) para artesáns e artesás, para o propio comercio local da contorna ou para outlets.
Outros dos eixos nos que temos unhas expectativas moi grandes é nas prazas de abastos, para promover o produto local e de proximidade. Nós temos un selo, o de ‘Mercado excelente’, ao que lle queremos dar unha reflexión. Queremos pontencialo porque temos só tres prazas co selo en toda Galicia. O produto galego é moi bo, o servizo tamén; e temos boas infraestruturas, pero temos que aumentar exponencialmente ese número de mercados excelentes. Sería ademais un recurso turístico máis para dinamizar eses ámbitos comerciais.
E no ámbito de consumo?
Penso que se está a facer un traballo extraordinario na defensa do dereitos das persoas consumidoras, pero si que creo que hai que darlle moita máis visibilidade. Iso fixémolo conmemorando o trinta aniversario do Instituto Galego de Consumo e da Competencia e do Laboratorio de Consumo de Galicia, que é todo un referente nacional e internacional.
En que punto se atopa a Fundación Pública Artesanía de Galicia?
Marcha moi ben, non só polos premios que reciben os nosos artesáns e artesás, senón polo equipo, encabezado pola súa xerente. Son tamén un referente en toda España. E fóra. Hai grandes empresas e deseñadores de máis alá do Atlántico que se interesan polos produtos de Artesanía de Galicia. Estamos tamén potenciando a visita de prescritores e establecendo cada vez máis contactos lonxe do noso territorio.
Creo que a Fundación vai polo camiño correcto e por iso queremos apostar por ela, pero sobre o que xa está feito. Actualmente hai arredor de 800 obradoiros inscritos. É unha cifra viva porque é moi exixente tanto para o acceso como para o mantemento. Nos últimos anos obsérvase unha renovación, máis xente nova... Eu creo que é froito do bo facer á hora de recuperar as tradicións, pero desde un punto de innovación e modernización, e dun produto contemporáneo que está destacando a nivel nacional e internacional.
Precisamente un dos retos da artesanía galega é lograr a remuda xeracional. De que maneira se está a traballar neste sentido?
O fundamental é que se entenda que é un produto contemporáneo, que teñamos unha Fundación viva. Vese, de feito, nos premios a nivel nacional e internacional que temos entre os artesáns galegos e galegas.
Tamén en canto á formación, unha das iniciativas que hai é a chamada ‘Aprender da tradición’, na que artesáns de primeiro nivel, que teñen técnicas propias que se perden cando se xubilan, transmiten os seus saberes. Estes cursos están tendo unha acollida impresionante. Esgótanse sempre todas as prazas.
Ademais, a través do programa de ‘Artesanía na escola’ estamos levando a artesanía ás escolas, para descubrir novos talentos. Tamén nos obradoiros que se organizan en feiras como a de ‘Corazón de artesanía’ en Agolada ou no evento ‘Artesanía de Galicia no Courel’.
Por outra banda, este ano imos implantar campamentos xuvenís de artesanía, nos que durante eses días de convivencia a mocidade poderá practicar as súas habilidades en diferentes obradoiros e descubrir a súa vocación.
Porque a xente nova ten que saber que da artesanía tamén se pode vivir, non?
Totalmente! Temos casos de xente que iniciou a súa carreira profesional por outras vías, na universidade por exemplo, e descubriron despois que o seu era a artesanía.
Logo, na parte máis formal, co cambio estrutural na Xunta, estamos na Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e hai unha aposta decidida pola remuda xeracional; a través dos polos de emprendemento no rural, nos que facemos unha intermediación entre aquel que quere deixar o seu negocio por xubilación ou porque cambia a súa actividade profesional e aquel que quere emprender por eses ámbitos. Tamén a través de liñas de axuda, que se van reforzar neste 2025.

E desde o punto de vista do consumo, como se pode atraer a mocidade para que merquen produtos de Artesanía de Galicia?
O mellor xeito de darlle valor ao produto artesán é a través dos obradoiros, nos que podemos descubrir como se fan as pezas e practicar para facelas nós mesmos. É algo que pode parecer que é para a cativada, que é algo lúdico, pero non é así; está funcionando tanto para persoas adultas como para os nenos e nenas. Quen descobre a artesanía a través das mans engánchase. Debemos seguir apostando por iso.
Desde fai unha década, Artesanía de Galicia aposta tamén pola relación coa restauración a través de Artesanía no Prato. Continuará o proxecto neste 2025?
Claro, a gastronomía galega temos que prestixiala tamén co prato no que a servimos. Estamos vendo a chefs de recoñecido prestixio, incluso Estrelas Michelín, que o están a facer así. E está transcendendo. De feito, o proxecto Artesanía no Prato foi fiinalista nos anos 2019 e 2020 dos Premios Nacionais de Artesanía e no 2021 foi recoñecida como proxecto de boas prácticas no programa europeo Crafts Code. E dado ao éxito que tivo, fixemos unha reedición do libro que publicamos no 2023 e que presentamos en Fitur 2025.
Cara a onde debería evolucionar a artesanía galega?
Na liña do que falabamos, dende o rural, dende as raíces, dende a tradición, pero a través da innovación para chegar a un produto contemporáneo. Porque ten que ser un produto que triunfe no mercado para ser sustentable economicamente. Está moi ben o fin de conservar a tradición, as técnicas e demais, pero tamén hai que vendelo. Temos que incidir nese camiño.