CompostelaDe baresGastronomíaJessica PintorNovas

Queres comer comigo? A declaración de amor que queremos!

Iván Nieto leva 11 anos dirixindo a cociña da Casa da Viña, en San Lázaro. Foto: Iván Barreiro
Iván Nieto leva 11 anos dirixindo a cociña da Casa da Viña, en San Lázaro. Foto: Iván Barreiro

En tempos modernos, onde abonda e desborda a cultura do instantáneo, da variedade, do movemento, do nomadismo, de estar a varias bandas, de non comprometerse, de vacilar, de comer unha e contar corenta, de non aprender ningún nome... De si te vin, non me lembro! E se non me lembro: non pasou! Habemos os que seguimos pensando coa panza! Sep. Eses seres... Que andamos a outro ritmo, ao ritmo dos pucheiros. Necesitamos tempo. Necesitamos sosego, reflexión e sobremesa. Comemos como amamos! Ou amamos como comemos.

Por iso, para falar de amor, de bandullos cheos é de agasallar co inmaterial, con emocións profundas, que provocan e alborotan todos os sentidos: é necesario entrar nunha cociña! Nada máis real que o lume dos fogóns, o fío dos coitelos, os olores, as cores e os sabores, para namorarnos e re-namorarnos, unha e outra vez.

A velocidade do remexido nunha pota e a precisión de chegar ao punto de cocción exacto nunha tixola, semellan os riscos da vida. A precisión que require unha decisión importante. A consecuencia de elixir, ben ou mal, con moita velocidade. Ese sabor de boca do final...

A pesar de ser bastante incrédula e de saber que é un día inventado polo capitalismo, por uns grandes almacéns ou polos pais! Veño aquí a reivindicar un agasallo co estómago e para o estómago este San Valentín. Pero non só o día dos namorados, non é pola data... Váleme o Día da Nai; o Día do Pai; os aniversarios; a data de remate do curso ou dun doutorado; o prazo final logo de acabar de pagar unha hipoteca; un reencontro; un desencontro; mesmo un divorcio... Que tes un mal día: celebremos todo cunha boa comida! Unha desas que nos fai pechar os ollos e apertalos; que nos fai respirar profundo; que provoca saborear durante un anaco... E rememorar salivando. Xa vos dixen hai tempo que a min as bolboretas na barriga revólvenseme cando como ben!

Por iso vin a Casa da Viña. Aquí concluímos que a fidelidade é a base. “Tratar ben ao cliente é facer que volva! (Que se namore  Chisco, chisco) Poden vir os seus traballadores, compañeiros, amigos, familias... Saber que un comensal novo vén dende a outra punta de España e vén recomendado por outro, pois é un orgullo. Porque hai moitos restaurantes en Santiago!”. Así pensa Iván Nieto.

O 21 de marzo, cumprirá 11 anos dominando a cociña deste restaurante da rúa de San Lázaro. “Traballamos en función do mercado, pero se encontramos algo especial, algo diferente, un produto que non se adoita traer, intentamos mercalo e darlle unha voltiña, para que a xente lle chame atención para vir aquí! Para que se sorprenda. Segundo o que veña, traballamos no momento! Hoxe, por exemplo, entrou puntilla, a de aquí é impresionante! É un produto que non hai que manipular moito... En breves, virá a tempada do atún vermello... Agora por encargo comezamos co cocido, logo as uñas de San Lázaro...”.

Iván fala poesías deliciosas, con moita calma e moita humildade. Sorrí moito, ao detallar as peripecias do día a día no local. Non é doado. Nós só vemos o resultado! Case lle saen as cores cando lle pides que revele os seus segredos ou para explicar ás razóns da fidelidade.

Iván asegura que en datas sinaladas como o Día da Nai, San Valentín, cada vez máis agasállase ir a Casa da Viña. Foto: Iván Barreiro

-Tes unha cociña moi versátil! (Ri. Rimos.)

-Coa xente que temos e co produto que traballamos: non te podes nin durmir nin aburrir e non te aburres, literalmente! (Gargalladas ata nerviosas... porque xa é feira na súa cociña...). A base é a mesma, pero segundo o que veña, toca adaptarse ao produto. Adaptámonos nós a el, non o produto a nós. Cada tempada vaime apetecendo facer o que toca: na época de caza, logo do verán, empezas con guisos, con caldos... E co frío agradécese. Gústame tocar todos os paos! Os fríos, ensaladas, mariscos, sobre todo polo Nadal, peixes á prancha con pouca elaboración, carnes e os doces! Porque nesta casa, sabes que é característico e remarcamos niso, porque é un final feliz, é acabar cun bo sabor de boca, ata o final. Intentamos lograr o sabor, o produto e demostrar o que sabemos facer.

É verdade que en datas sinaladas como o Día da Nai, San Valentín, cada vez máis agasállase vir a Casa da Viña. É un restaurante algo diferente ao habitual e o boca a boca funciona, intentamos dar o mesmo servizo todos os días, pero cada vez é máis un regalo nas datas especiais. É un restaurante familiar, sobre todo as fins de semana...

O traballo é o día a día e tes que dar e facelo ao 100%, sexa unha comida de empresa, un evento familiar... Intentas poñerte no pescozo do cliente, para que poida e queira volver, repetir... Queremos que o prezo non sexa unha traba. Que o que buscamos nós por aí, intentalo e melloralo na nosa casa! Que o menú e o servizo sexan acorde ao prezo. Esforzarnos todos os días, para que a xente saia contenta.

Das poucas veces que como fóra busco un bo produto, sen pensar no prezo, pagas pero gozas! Estamos acostumados a traballar con produto moi bo, fresco, da ría. Eu son feliz cun churrasco e ‘pulpiño’! Pero tamén hai que facer comparativas, para ver como mellorar.

- E como podes mellorar?!

- Buf. En moitas cousas. Son moi esixente comigo mesmo. Sempre podo mellorar. Sempre podo estar un punto por riba. (Xa o vexo sufrir. Ai, o amor! O amor pola cociña!)

- Por que volvemos a Casa da Viña?

- Pois... (Titubea, vacila, ri... Sabe a resposta, pero non como explicala... Falan os sentimentos!)  Os que nos coñecedes, vides polo trato familiar... Polo produto, polo traballo, pola cociña, polo servizo, por todos os pasos dende que entras pola porta ata que saes: os tratos todos que se lle dan ao cliente. Eles, vós decidides se paga a pena volver!

Cando volve o camareiro dunha mesa, intento preguntar que tal. Porque pode haber fallos ou para saber a valoración do cliente. É o momento de corrixilos! No momento que se lle pon o prato e o viño: hai que preguntar, para que ninguén marche desgustado, para que poida decidir e poidamos rectificar, cambiar. A atención! É polo que volve un cliente. Tratamos de estar pendentes, non angustialos, pero darlles un trato como merecen. A min gústame saber en todo momento como van as mesas, informarnos dende que entran ata que saen de todo, dende o primeiro prato ata o último. O trato é moi importante. E a fidelidade é a base!

Sempre é un bo detalle sorprender aos teus cunha comida especial en Casa da Viña. Xa sei que San Valentín é un invento… Pero non é moi distinto dos outros todos. Así que vou utilizar o Día dos Namorados para reivindicar o amor polo bo comer, polos bares, polos comensais, polos bos cociñeiros, polos camareiros, por apreciar a compañía máis que o detalle ou a comida máis que a compañía, que carallo!

Porque comer, como amar, é visceral, é pasional, é primitivo. Van da man! Non coñezo a ninguén que sexa quen de rexeitar unha declaración de amor desta calidade... Queredes comer comigo? Ou qui é o que queredes?! 😉

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.