fbpx
CompostelaCulturaNovasSilvia Castiñeiras

Mulleres con retranca: Carla Núñez, de Todo Mal, e Lucía Aldao e María Lado, de Aldaolado

Por Silvia Castiñeiras

“O benquerer(se)” é o espectáculo de Aldaolado que este ano forma parte da programación polo 8M da Deputación da Coruña.

O pasado mes de marzo celebramos o Día Internacional da Muller e aquí na Pincha, que somos moi de poñernos en valor como mulleres, sobre todo nos eidos que máis nos competen, o da cultura e gastronomía, non podíamos deixar de abordar o tema. E é que calquera mes ou calquera día é bo para falar do importante. E de falar saben moito as protagonistas desta reportaxe. Cada unha ao seu xeito, xogan coa palabra e coa ironía. Elas teñen a voz… e a retranca!

Carla Núñez

Fai sete anos que Carla Núñez aproveitou a súa vea chistosa para dedicarse profesionalmente a falar das cousas da vida cun punto retranqueiro, pero non hai moito que se decidiu a poñerlle ton, voz e expresión ás súas propias ocorrencias. Dende hai uns meses esta moza de Dodro, guionista de televisión, vén pisando forte nas redes sociais e curiosamente case sen guión. Os vídeos nos que reflexiona sobre todo tipo de situacións tirando de ironía cada vez teñen máis seguimento en Instagram ou Tik Tok, algo no que axudou a mesmísima Shakira. “Eu digo que é a nosa madriña, porque foi facer un vídeo á galega sobre a súa famosa canción e empezar a subir centos de reproducións”, di entre risas Carla.

A canle Todo Mal, explica, xurdiu “como unha vía de escape para min, despois de levar moito tempo traballando para outra xente. Pensei que tiña que facer un proxecto propioe se meto a pata, métoa eu”. E nisto axudou moito o seu compañeiro de traballo, MarcosLópez, que é a outra clave do tándem de Todo Mal. “El foi quen me animou a isto definitivamente e eu cando solto algunha frase, antes de que conteste, xa sei o que vai dicir”, afirma.

Ás veces as gracias que inventa soan doutra maneira na súa cabeza, outras melloran en boca allea, recoñece. E de aquí a probar por ela mesma. “É a primeira vez que fago algo así, poñerme diante das cámaras, aínda que sexa a través da pantalla do ordenador. Antes o meu traballo dalgunha maneira xa se mostraba, pero sempre a través de alguén. Apetecíame ver como reacciona o público cando algo, ademais de estar escrito por min, tamén está dito por min”.

Carla Núñez e Marcos López forman ‘Todo Mal’. Foto: Iván Barreiro

Todo mal e todo ben

Pois á vista está pola cantidade de interaccións que reciben nas redes que iso de Todo mal en realidade está saíndo todo ben. Aclara Carla que o título “vén de moitas conversas entre Marcos e eu que sempre remataban coa mesma frase, todo mal. O nome foi un pouco pola broma e tamén porque non enganamos a ninguén, non pretendemos facer algo perfecto tipo programa de televisión. Xa che estou dicindo que todo mal, se entras aquí xa sabes o que hai” (risas).

Unha pregúntase de onde lle vén tanta inspiración para poder estar creando contido que enganche continuamente e de maneira que pareza tan doado. Carla ten algunhas claves para explicar isto. “Eu xa de pequena era pallasa, non porque me gustara contar chistes, máis ben polo ton de retranca que teño, pero tamén penso que a comedia é un músculo que tes que traballar e levo anos practicando día a día”.

Ela non é só unha muller poñéndolle humor ao que pasa, é tamén unha muller falando galego e facéndose entender a través desa poderosa ferramenta que é facer gracia. “Hai unha cousa moi boa, que vivimos en Galicia e facer comedia aquí é relativamente fácil, porque moitas cousas que pasan xa de por si teñen algo de comedia, ou se colles un tema de fóra e o traes a Galicia dá moito xogo. Por exemplo, traes a Tamara Falcó ou a Shakira e o contraste xa é divertido. Para min, o contexto no que vivimos é moi agradecido para a comedia”, argumenta.

Responsabilidade dende o humor

Que che siga tanta xente ten o seu aquel, pero tamén é unha responsabilidade, e máis cando te enfocas moito na xuventude. Calquera cousa que digas ou fagas pode ter unha certa repercusión. Neste senso, Carla pensa que “non imos salvar o mundo, ao final facemos comedia, pero onde máis responsabilidade noto é no idioma, por aquelo de mesturar o galego da casa, que non é normativo”. Unha mostra máis da súa naturalidade e de que non engana a ninguén. Por outra banda, continúa, “hai temas serios, como ofeminismo, que si poden implicar unha responsabilidade”.

Como muller teno claro. “Eu son feminista e penso que non vou educar a ninguén, pero se coas miñas bromas, a miña maneira de ser e co que fago estou chegando a ti e che gusta, tamén che podo facer reflexionar. Se o consigo xa me dou por satisfeita. Non creo que haxa que botarlle reprimendas á xente”. E como humorista tamén ten clara a súa posición con respecto a quen cuestiona a retranca feminina: “Creo que hai que normalizar. Hai unha muller facendo comedia que te está a entreter todos os días, coa que te ris, con isto xa che desbloqueo calquera dúbida sobre a capacidade da muller para facer humor”.

E é que non é a primeira vez que escoita comentarios de mal gusto, así que puntualiza: “Chegamos á comedia máis tarde que os homes e hai temas que eles xa trataron e nós temos que tratar outra vez, por perspectiva. Igual levan falando de ir de festa durante 20 anos e nós chegamos agora e temos que falar diso porque necesitamos expresar o noso punto de vista, e tamén pode ser igual de gracioso. Igual que outros temas moi propios das mulleres, necesitamos que se fagan eses contidos. Eles levan media vida falando das mulleres, nós tamén podemos falar de como son os homes e de nós mesmas”. Así sentencia Carla.

Artellando Feminismo en Compostela

Carla Núñez é unha das participantes do programa Artellando Feminismo, do Concello de Santiago. O seu cometido é todo un reto para esa idea que xa comentaba antes, a de conseguir que a xente reflexione. Entre marzo e abril anda pola rúa como reporteira tratando de que a cidadanía, sobre todo a mocidade, se exprese sobre a situación das mulleres en diversos ámbitos co obxectivo de analizar as súas respostas cunha perspectiva de xénero.

“Máis que expectativas sobre como vai reaccionar a xente, téñoas cara min, sobre se o farei ben, porque é unha experiencia profesional nova, falar con xente diante, non a través de internet”, recoñece Carla, que tamén ten moita ilusión. “O tema motívamemoito. Espero que se anime a xente a reflexionar. Se se pode meter un pouco decomedia para dixerir mellor as cuestións, estupendo. A clave está no ton, que non sexa algo tipo telexornal”.

O 25 de abril, no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, onde precisamente charlamos con Carla, co acompañamento caladiño de Marcos, celébrase un encontro onde se sacarán conclusións a esas respostas por parte de profesionais da psicoloxía.

Lucía Aldao e María Lado levan trallando xuntas 18 anos.

Lucía Aldao e María Lado

Un día que lin o seu nome artístico pensei que dicía “A do lado”, debe ser cousa disto da lectura en diagonal. Non pretendo eu ser graciosa, e menos neste contexto, pero despois de falar con elas volvín reparar nesta idea, porque ben se poderían chamar así por esa forte unión que mostran cando falan do seus proxectos e a súa amizade, sempre ao lado.

Elas son Lucía Aldao e María Lado. Forman Aldaolado (non fai falta máis explicación) e este ano fan a maioría de idade co seu dúo poético, musical e humorístico. Lucía é da Coruña e María de Cee e coñecéronse nun congreso en Mondoñedo ao tempo que o Prestige naufragaba na Costa da Morte hai 21 anos. Di María que pouco despois comezaron a traballar xuntas porque “tiñamos un concepto moi semellante do que queríamos que fosen os recitais, un evento que a nós mesmas nos divertise”.

Apunta Lucía que son “profesionais da escrita” porque todos os seus traballos “están relacionados coa palabra. Literatura, dramaturxia, música… pero todo unido pola palabra. Chegamos a un punto que xa somos case unha marca.” Así, escriben por encarga, presentan eventos, galas, fan obradoiros, compoñen discos ou idean as súas funcións. Non me estraña que digan que practican o “todoterrenismo”. Iso si, sempre dentro do seu eido, porque “igual gañabamos máis cartos noutra cousa, pero somos unhas apaixonadas do noso traballo”, aclaran con graza.

Poesía, música, ironía, pensamento…

Para comprender todo o que podemos atopar nos seus espectáculos, María sostén que “soemos dicir que son recitais de poesía porque é o que é. Polo menos esa é a orixe. Pero o concepto é distinto dun recital habitual porque a nosa presenza é moi próxima ao público, son esas partes que chamamos de humor, que nacen da improvisación e saen moi fluídas”. E así levan anos neste formato. “Faciamos poesía e fomos vendo, por como reaccionaba a xente, esa parte máis irónica ou cómica nosa, que encaixaba perfectamente dentro do recital. Sempre se pensa que o recital de poesía ten que ser algo moi serio e incluso con certa distancia co público. Nós quixemos destruír esa barreira, tamén polo noso carácter”, relata Lucía ao respecto. Coincidiu que ela mesma cantaba e introduciron tamén música e voz.

Mentres me narran a esencia do seu traballo, déixanme caer dúas ideas moi contundentes. Unha sobre ese comentario tan estendido ultimamente de que agora non se pode xa facer chistes de nada. Din elas que non, que efectivamente hai cousas das que non se poden facer chistes. “O humor ten a súa responsabilidade e hai que exercela, non se debe ofender a ningún colectivo, como levamos séculos facendo, nin facer mal uso deste poder”, pensan.

A outra idea ten que ver co xeito no que fan uso do ton humorístico. María di que tratan “temas que nos preocupan e nos interesan utilizando a retranca como ferramenta de reflexión. É o humor que nos interesa facer a nós, conscientes de que transmite contido e pensamento. Xunto coa música son das ferramentas máis útiles para facer chegar unha idea, porque che entra sen sabelo” (por iso tamén se canta a táboa de multiplicar, tíñao que poñer, querida María). A este respecto, Lucía tamén subliña que lles interesa “a reflexión, a crítica, o cuestionable… entón o humor e a música son caramelitos para estas cousas, son superefectivos”.

Muller e igualdade

Lucía dá un dato curioso. “Levamos xuntas 18 anos facendo humor, pero fálase de nós como humoristas ou como persoas que traballamos na comicidade dende hai realmente pouco, porque o humor é dos homes, deses señores que fan os seus monólogos e aí non te podes meter”.

As dúas descubriron ao tempo que algo pasaba e “démonos coa pedrada na cabeza, co feminismo, entón empezamos a crear e vomitar todo tipo de contido sobre o diferente que é ser unha muller no mundo da escena, da literatura e no mundo en xeral, a ser un home”, explican. Por iso, conta María que “intentamos facer un pouco de activismo porque é moi substancioso facelo dende un ambiente que o público percibe como distendido, non como cando che dan unha conferencia e pensas que che queren comer o tarro”. Apuntan, ademais, que falan de temas nos que elas cren como a igualdade e o respecto. “As primeiras das que nos rimos somos de nós mesmas, das nosas propias eivas, carencias e metidas de zoca”, di Lucía.

E é que ao longo dos anos afirman que moitas veces se sentiron menos valoradas que calquera home que con menos traxectoria ou actividade na profesión tiña un sitio no sistema que elas se tiveron que ir “sachando”.

“O benquerer(se)”, espectáculo co que este ano formaron parte da programación polo 8M da Deputación da Coruña, fala precisamente da igualdade. “Era algo do que xa falabamos pero chegou un momento no que lle puxemos ese nome porque é necesario este tipo de espectáculo no que haxa reflexión”, relatan. Aínda así, aclaran que non foi feito adrede para este tipo de programación centrada na muller, senón, din, pola súapropia necesidade persoal.

É por iso que María fai un repaso á súa traxectoria de espectáculos. “Estamos metidas en todo tipo de programacións porque empezamos a recitar xa na adolescencia. Vivimos o momento da poesía dos 90 cando se empezaba a falar da literatura da muller, expresión que afortunadamente se perdeu. Estivemos asociadas sempre dende moi novas a eses espazos que se reservaban para a paridade, pero estamos noutros espazos porque se non, sería un fracaso”.

A Lucía Aldao e a María Lado podedes atopalas, xa vedes, en calquera parte, facendo das súas. Agora teñen un novo espectáculo titulado “Sobre sorpresa” co que estarán en Santiago, na Cidade da Cultura, o 23 de abril. Nel repasan estes anos de carreira xuntas,de éxitos e decepcións, unha ao lado da outra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.