Santiguau amósanos os hoteis, restaurantes e bares da cidade aos que podemos ir con cans

O concelleiro de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, acolleron no Pazo de Raxoi a coñecida cómica, actriz e presentadora Sara Escudero para animar ao sector turístico da cidade a apuntarse ao programa Santiguau, co que Turismo de Santiago quere dirixirse a un segmento de turistas moi concreto de alto valor engadido, o das persoas que viaxan coas súas mascotas, e en particular cos seus cans.
Sara Escudero é a autora do libro “El CaNino de Santiago”, un percorrido emocional xunto a súa cadela Nala a través do Camiño de Santiago.
Precisamente, nos días previos á rolda de prensa Sara Escudero percorreu de novo o Camiño de Santiago, nesta ocasión o Camiño Primitivo. Ademais, é unha persoa moi activa en redes sociais, onde conta con máis de 150.000 de seguidores nas súas contas.
O programa Santiguau, que naceu no 2022, conta cun apartado na páxina web de Turismo de Santiago, onde tanto turistas como composteláns poden atopar os hoteis e establecementos hostaleiros que aceptan cans. Neste primeiro ano xa se inscribiron en Santiaguau 25 aloxamentos, 34 restaurantes e 12 cafeterías. Os establecementos interesados en adherirse poden escribir un correo a promo@santiagoturismo.com.
A sección de Santiguau, ademáis de ter información sobre establecementos, conten tamén información das zonas caninas onde ceibar as mascotas, transportes, plans e itinerarios para facer a pe ou en coche, e praias para ir a pasar o día, sempre acompañados coas súas mascotas.
Segundo un estudo de Dogvivant, case sete millóns de persoas en España conviven cun can e viaxan polo menos unha vez ao ano con el. A duración media das estancias con can é de cinco noites e o gasto medio por noite é superior aos 70 euros, datos superiores ás medias dos turistas españois en xeral. Trátase en especial dun segmento que pode ampliar a estancia media na cidade.
O 93% das persoas que viaxan coa súa mascota, fano para gozar da súa compañía, polo que unha gran maioría das persoas con can buscan destinos adaptados ás súas necesidades. O que máis valora o viaxeiro dos aloxamentos turísticos é que o seu can poida durmir na mesma habitación, algo que consideran imprescindible. Tamén valoran que o establecemento se autodefina como dog-friendly e ofreza información sobre a súa política de acceso a clientes con can.
