fbpx
GaliciaGastronomía

Aberto ata o 10 de maio o prazo para presentar candidadutas aos Premios Galicia Alimentación 2023

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) convoca por noveno ano consecutivo os Premios Galicia Alimentación, que teñen como obxectivo recoñecer e visibilizar as accións do sector alimentario con impacto na calidade, a excelencia, o emprendemento, a dixitalización, a innovación, a sustentabilidade, o marketing e a internacionalización.

A presentación de candidaturas aos Premios Galicia Alimentación 2023 debe realizarse a través da web de Clusaga e o prazo para facelo permanecerá aberta durante 45 días naturais, dende o 27 de marzo ata o 10 de maio de 2023

As catro categorías ás que se pode optar na IX Edición dos Premios Galicia Alimentación son: Produto Innovador, Produto Excelente, Proxecto Sectorial e Estratexia de Mercado.

  • Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador. Enfocado a premiar os produtos galegos que salienten pola súa innovación, potencial comercial, deseño, posibilidade de agregar valor, ou pola súa adaptación ás demandas do consumidor.
  • Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente. Recoñece a incorporación de valores tradicionais adaptados ao momento actual cun deseño diferencial e empregando produtos e materias primas locais, polo que esta categoría diríxese a alimentos e bebidas con calidades organolépticas superiores, poñendo especial atención aos produtos ecolóxicos e gourmet.
  • Premio Galicia Alimentación ao Proxecto Sectorial. Galardoa proxectos innovadores, institucións, organizacións ou empresas de especial relevancia, destacada ou singular, que se caractericen pola súa innovación na organización, produción e/ou modelo de negocio; desenvolvan produtos ou servizos innovadores no ámbito da cadea de valor dos alimentos e bebidas, incluíndo o desenvolvemento tecnolóxico cara a fábrica do futuro 4.0 e o cumprimento dos ODS; ou que salienten polo seu carácter emprendedor e cooperativo e a súa visión estratéxica.
  • Premio Galicia Alimentación á Estratexia de Mercado. Galardoa o esforzo de empresas e organizacións da industria de alimentación e bebidas para acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. Valorarase o seu plan de marketing no posicionamento en novos nichos de mercado e a orientación ao consumidor, así como a implementación de campañas de marketing. Ademais, terase en conta a evolución continua e o dinamismo das exportacións na súa estratexia de internacionalización.

Requisitos, prazos e forma de presentación de solicitudes

Poderán participar nos Premios Galicia Alimentación 2023 persoas físicas, autónomos, micro, medianas e grandes empresas que teñan sede social, centros produtivos ou exerzan a súa actividade comercial ou transformadora en Galicia, así como institucións galegas ou situadas fóra do territorio que teñan desenvolvido actividades en favor dos produtos alimentarios galegos, tendo estes orixe ou transformación en Galicia ou na flota pesqueira dunha empresa galega.

Para presentar a candidatura debe cumprimentarse o formulario correspondente dos que aparecen a continuación. Cabe destacar que as categorías Produto Innovador e Produto Excelente comparten o mesmo formulario, tendo que indicar dentro do mesmo se a candidatura se presenta a unha ou outra categoría, ou a ambas.

Unha mesma entidade pode presentar candidaturas a máis dunha categoría, así como presentar máis dunha candidatura na mesma categoría. Por outra banda, as entidades que resultaran premiadas en edicións anteriores poden volver a presentar candidatura na mesma categoría da que resultaron gañadoras, ou en calquera outra.

A todas as entidades que presenten candidatura á Categoría de Produto Excelente requiriráselles o envío de mostras, previa notificación, para que o xurado dos Premios Galicia Alimentación poida levar a cabo a avaliación de dito produto.

O prazo de presentación de candidaturas finaliza o 10 de maio de 2023. O resultado de cada candidatura será comunicado á entidade responsable da súa presentación a fins do mes de maio.

Acto de entrega e máis información

As entidades gañadoras daranse a coñecer publicamente o 14 de xuño de 2023 no evento anual Foro e Premios Galicia Alimentación organizado por Clusaga, un acto que conta co apoio institucional da Xunta de Galicia e o Patrocinio Ouro de Caixa Rural Galega, Gadis e Vegalsa Eroski.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.