fbpx
A CoruñaCulturaGastronomíaNovasReportaxes

Un ano dando vida ao Soho Orzán

Imaxe dunha das Feirrarúas que organizou o Soho Orzán. Foto: Carmen Martínez

Todas as cidades teñen lugares especiais. Na Coruña un deles é, sen dúbida, o Soho Orzán. Abonda con dar unha pequena volta para descubrir ese encanto que só pode aportar o comercio local. Aquel no que te reciben co teu nome. No que atopas produtos únicos. No que te podes fiar do negocio do lado para que te recolla un paquete. E no que pola rúa sempre hai xente saudando cun sorriso.

Hai un ano que Mónica Borrás decidiu darlle un impulso ao barrio no que ten o seu negocio, a galería e tenda ‘Ese Sitio’. Así, despois de reunir a un grupo de locais de comercio, hostalaría e servizos da zona, e con ela como presidenta, reactivou a Asociación de Comerciantes que levaba un tempo sen facer nada. De seguido puxéronse mans á obra e en novembro do 2022 organizaron a primeira Feirarrúa, grazas a un convenio co Concello e a Federación Unión Comercio Coruña.

Exposicións de arte, música, obradoiros e outro tipo de actividades lúdicas forman parte da programación dos Feirarrúa, que se celebran desde entón o primeiro sábado de cada mes. “Temos moitas peticións para participar. Sempre queda algunha fóra. Eu intento equilibrar, que haxa un pouco de todo: artesanía, alimentación...”, explica Mónica. E proximamente están a traballar nunha dedicada á arte urbana. “Ábrese a convocatoria unha vez que remata a anterior. Informamos de todo a través da nosa conta en instagram
@feirarrua.soho.orzan”, sinala.

Ademais, desde a Asociación de Comerciantes Soho Orzán tamén traballan por conseguir melloras para a zona. Unha das súas principais reclamacións é concienciar á veciñanza e turistas de que estamos nun espazo peonil. “Só hai un garaxe con sete coches na mesma rúa. Teríase que controlar máis o tráfico”, apunta Mónica. Por iso cre que debería establecerse sinalética de zona peculiar.

Tamén lles preocupa rebaixar o desnivel que hai coa beirarrúa “porque da pé a caídas dos nosos clientes” e poñer máis contedores de reciclaxe e subterráneos. “A media tarde xa están coas tapas abertas co lixo e dá moi mala imaxe”, lamenta a presidenta. Así mesmo, opina que faltan elementos decorativos e arranxar a instalación de cables da rúa.

Por outra banda, lanza ao Concello a idea de “fomentar en publicacións turísticas a propia identidade de moitos barrios”. Porque efectivamente, como dicía ao principio, o Soho Orzán é un lugar diferente. A continuación, imos coñecer a algunhas das súas xentes.

Mónica Borrás | Ese Sitio

“Somos como unha pequena aldea dentro da cidade. Hai ese trato próximo”

Que ofrecedes en Ese Sitio?

Eu comecei nun coworking nun edificio en San Andrés que se chamaba ‘No importa’, como profesional do marketing dixital. Sempre estivera vinculada con eventos artísticos, exposicións, temas de cultura e arte... Así que empecei a responsabilizarme dos eventos que se facían na planta baixa do edificio. Pasaron os anos e no 2019 pechou. Pero a min apetecíame seguir e a rúa Orzán sempre me gustou.

En ‘Ese Sitio’ comezamos albergando microteatro, encontros de poesía, un coworking de mañá... pero coa pandemia deixouse de facer. Agora é unha galería e tenda de ilustración, agasallos, libros...

Por que decidiches coller as rendas da Asociación de Comerciantes Soho Orzán?

Porque “me va la marcha” (risos). Porque para min sen cultura ou sen provocar algún diálogo ou debate de ideas e propostas, non hai nada. Por iso na primeira Feirarrúa que fixemos decidimos apostar non só pola parte comercial, senón tamén por eventos artísticos. Aquí aínda estando en pleno centro coruñés, non hai grandes cadeas, é comercio local. Somos como unha pequena aldea dentro da cidade. Hai ese trato próximo.

Patricia Rico López | Arela Deco

“A idea é que cando alguén entre, o que vexa non o atope noutro lugar”

Que ofrecedes en Arela Deco?

Vendemos un pouco de todo. Chámase ‘Arela’ porque significa desexo en galego. Empezamos vendendo mobiliario. Traiamos mobles antigos de China. Despois tivemos que diversificar porque chegou a crise económica. Empezamos a traer fulares chineses, como o fular de bambú, que se chama Pili, porque foi a miña nai a que me deu a idea.

Agora vendemos un pouco de todo. É como un bazar. A idea da tenda é ter cousas especiais, roupas exclusivas, que cando alguén entre, o que vexa non o atope noutro lugar.

Que supón para vós pertencer á Asociación Soho Orzán?

Cando abrimos no ano 2010 aquí existía unha asociación na que participei de forma activa. Despois deixou de funcionar, ata que chegou Mónica e empezou a sacar esta rúa para arriba. Estámoslle todos moi agradecidos. Nótase moitísimo. A Asociación axuda moitísimo ao comercio. Por exemplo, facer os Feirarrúas fai que nos coñeza a xente. Nós levamos abertos máis dunha década, pero aínda hai moi xente que nos descubriu así.

Susana Lata | Bombonaría Praliné

“Esta é unha zona da Coruña que está por descubrir, pola súa orixinalidade e carácter diferente”

Que ofrecedes na Bombonaría Praliné?

Somos un obradoiro artesá de bombenaría. Formámonos na Chocolate Academy, en Barcelona. E temos como complementos galletas e tartas. Fixémonos coñecidos a raíz dunha tarta que decoramos con flor prensada natural, a tarta Frida. Fíxose viral nas redes sociais e empezaron a chegar pedidos de toda España.

Diferenciámonos doutras bombonarías da Coruña porque traballamos sempre con empresas que teñan certificado B Corp, que quere dicir que son sostibles, teñen unha responsabilidade ética, non usan man de obra infantil, e con chocolate cen por cen de alta calidade.

Que supón para vós pertencer á Asociación Soho Orzán?

Fai unha gran aportación a nivel cultural para levantar unha zona de Coruña que está por descubrir, tanto pola súa variedade de produtos, orixinalidade... Incluso o carácter da zona e da xente é diferente. Entón que me supón a min pertencer a ela? Dar visibilidade a unha zona chulísima da cidade que a xente ten que coñecer.

Jordi Pallarés | Bar Trece

“Non hai competitividade. Queremos que os nosos compañeiros e compañeiras saian adiante”

Que ofrecedes no Bar Trece?

Levamos abertos sete anos. Elixín este local porque estamos nunha zona histórica. Aquí comezou a marcha da Coruña. Agora é unha zona moi bonita, moi interesante e onde hai mil cousas para facer. Somos unha cervexería de tarde-noite. Ofrecemos tamén cafés e infusións. Temos ademais xogos de mesa un pouco distintos, un espazo para exposicións... Temos feito tamén algunha presentación de libros, poesía...

Que supón para vós pertencer á Asociación Soho Orzán?

É moi importante tratar cos veciños e veciñas. Ti formas parte deste colectivo e véñenche a contar o que lles pasa... Non hai competitividade. Aquí queremos que os nosos compañeiros e compañeiras saian adiante e que funcione.

Cando eu cheguei a vivir aquí hai vinte anos a cousa estaba moi complicada. Era un barrio vermello. E agora hai familias con nenos. É un lugar moi agradable con moitas opcións de negocios. A pena é que hai un montón de baixos que seguen pechados. Sobre todo porque son edificios antigos que implican uns gastos que moita xente non pode asumir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.