GaliciaNovas

Tres novas producións propias na nova temporada escénica do Centro Dramático Galego

Presentación da nova temporada do CDG.

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, configurou a súa temporada escénica 2020-2021 arredor de tres novas producións propias: O charco de Ulises, Terceiro acto e Serva me, servabo te, doutros tantos espectáculos en réxime de coprodución e de novas iniciativas deseñadas para reforzar a vocación de servizo público e de cooperación co sector no actual contexto sociosanitario.

Distintas accións para impulsar a programación do Salón Teatro no seu centenario, o apoio á creación dramatúrxica actual ou a colaboración coa Escola Superior de Arte Dramático (ESAD) de Galicia son tamén eixos estratéxicos que guiarán a actividade do CDG nos vindeiros meses, poñendo máis que nunca a atención  no apoio á situación laboral dos profesionais da escena a través da creación de emprego directo e de colaboración coas empresas, ao tempo que se proporciona unha oferta teatral variada e de calidade.

Así, o director do CDG, Fran Núñez, deseñou unha planificación centrada na montaxe e distribución de tres espectáculos abertos á diversidade de temas e estilos da escena actual e todos eles, ademais, con dramaturxias contemporáneas: O charco de Ulises, recreación da Odisea de Homero dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso; Terceiro acto, unha homenaxe aos nosos veteráns da escena, a cargo de Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez; e Serva me, servabo te, unha proposta en clave más contemporánea e de hibridación de linguaxes, con dirección de Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta.

Ensaios xa en marcha e estreas en 2021
Nos tres proxectos, mudan os modelos de produción e prazos tradicionais para compoñer un calendario de traballo no que se lles dá prioridade, en termos temporais, ás contratacións de intérpretes e creadores. A asunción conxunta das tarefas de dramaturxia e dirección por parte de cada equipo de responsables artísticos, o adianto durante estes meses dos períodos de ensaios respecto ás datas de estrea (que serán en 2021) e o tecido, xunto con concellos que recibirán os espectáculos nos seus respectivos escenarios, dunha rede de transporte entre localidades próximas que maximizará a rendibilidade social das propostas, constitúen os piares sobre os que asenta a nova temporada do CDG.

Así, Terceiro acto, interpretada por Belén Constenla, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Mabel Rivera, Fernando Morán e Roberto Leal, xa desenvolveu a primeira parte dos ensaios do 3 ao 18   de setembro, estrearase o  vindeiro 15 de abril. Pola súa banda, O charco de Ulises, con Fran Paredes, Óscar Allo, Paulo Serantes, Manuel Millán, Santi Prego, Inés Salvado, Mónica Caamaño, Rosalía Castro, Chusa Pérez e Raquel Espada ensaiarase a partir de outubro para se estrear o  14 de xaneiro do ano que vén.  En Serva me, servabo te, traballarán Olga Cameselle, Cristina Sánchez Legido, María García de las Llanderas, Raquel García Crespo e Cristian Fernández Castro que compartirán escena co equipo de dirección do espectáculo, con ensaios que comezarán en novembro para se estrear e distribuír no segundo semestre de 2021.

Coproducións con espazos creativos de Vigo
En paralelo, o CDG está a participar na produción dos tres vindeiros espectáculos doutros tantos espazos creativos e compañías no ámbito teatral que traballan na cidade de Vigo, como son Nononon.lab coa montaxe de Clásicas desfeitas, Ensalle con Outras miradas e Sala Ártika con Cambio de foco. Ademais de coproducir tres novidosos e proxectos que pasan pola creación colectiva, a investigación escénica e a experimentación, trátase de establecer unha liña de apoio coordenada con estes tres focos de difusión dramática de iniciativa privada, que teñen  gran repercusión na cidade e en toda a súa área de influencia e con crecente proxección tamén fóra dese ámbito xeográfico.

A nova temporada complétase con liñas de acción como o incremento de sinerxías conxuntas coa ESAD, a través do deseño dunsencontros que sirvan de ponte ao alumnado cara á súa integración profesional, así como a recuperación do Proxecto Nós, de intercambio e circulación internacional de estudantes en materias escénicas. No avance da  relación coa escena portuguesa, os lazos continuarán a estreitarse por medio dun programa específico que está a ser artellado xunto ao Instituto Camões.

Nova bolsa de creación e dramaturxia
Continúa tamén o compromiso coa dramaturxia galega actual que preside o  programa Dramaturxente, queserá aínda máis intenso coa convocatoria dunha nova bolsa de creación e dramaturxia que lle achegue ao sistema teatral galego unha ferramenta global. Esta iniciativa nace do impulso do CDG en colaboración con diversos colectivos, que apoiarán un proxecto en cada unha das súas fases, desde a escrita ata á posta en escena.

Tamén se lle está a prestar unha atención especial á actual celebración do centenario do Salón Teatro, sede do CDG, mediante o programa de concertos Mércores de Varanda , que se prolongarán todo o mes de outubro, e unha intensa carteleira que se abre nas vindeiras semanas a citas como a reposición de catro espectáculos de Teatro do Atlántico por mor do seu 35º aniversario, ás funcións da coprodución con A Quintana Teatro O Premio ou varias sesións programadas no marco do I Congreso Internacional do Teatro Galego.