CulturaGaliciaNovas

Konichi guau!, primeiro cómic da ferrolá AraCaeli

Araceli Paz, máis coñecida en redes como AraCaeli, publica o seu primeiro cómic titulado Konichi guau!

A ilustradora galega que fai menos dun ano encargouse de ilustrar a planta de urxencias pediátricas do Hospital Teresa Herrera da Coruña, sorprende de novo coa publicación do seu libro Konichi guau!, unha historia de humor sobre os dramas ao independizarse da xeración millenial: a precariedade laboral, os animais como membros oficiais da familia, maior liberdade, menos rutinas, pero moito amor.

Un día, de súpeto, es adulta, independizácheste, e caes na conta de que tes a túa propia familia, unha familia millenial. Toca pagar facturas, o alugueiro, comer comida de dubidosa procedencia, montañas de roupa sucia que nada teñen que envexar ao Everest… pero á vez, a felicidade de empezar o teu propio camiño.

O libro, publicado por Penguin Random House, reflicte un novo modelo de familia, afastado de estereotipos de xénero. Un núcleo familiar formado por unha parella e a súa cadela protagonizan esta historia coa que é imposible non sentirse identificado.

As responsabilidades comezan, por moito que tentes evitalas, e será necesario afrontalas cunha boa dose de humor. “Familia, amigos, agora que imos vivir xuntos, queremos deixar claro que non queremos ter plantas”.

Araceli Paz, natural de Ferrol (1994) comezou na ilustración de maneira case casual, cando no 2018 subiu a súa primeira ilustración a Instagram. Desde entón foi aumentando popularidade en redes superando os 85 k de seguidores e acumula numerosos proxectos como Dario, escrito por Sara Aramburu. Fisio de-mente, como ilustradora oficial da marca, entre outras moitas colaboracións para grandes marcas e editoriais.