Opinión: Espertando despois da pandemia
Por Javier Pereira Gasamáns
A pandemia mandou o tecido cultural da cidade á UVI, deixándonos imaxes para o esquecemento como os concertos na praza de María Pita durante o Noroeste Pop-Rock do ano pasado. Mais segundo as restricións foron desaparecendo, A Coruña foi recuperando o seu habitual pulo cultural; unha forza que provoca que máis dun fin de semana desexemos o don da ubicuidade para poder asistir a todo o ofertado.
As salas de concertos recuperaron a súa programación habitual, nalgúns casos dun xeito case que obsesivo como no caso da Filomatic, que está a acoller os sons máis duros e ofrecendo un espazo para que as bandas locais dean os seus primeiros bolos. A Mardi Gras, pola súa banda, sigue sendo o auténtico templo do rock na Coruña. Lembrade que durante todo o mes de novembro celebra o seu aniversario, vinte e tres anos que serán festexados con bandas internacionais como The Meanies, Bart Davenport ou The Commoners. Outro clásico da cidade é o Jazz Filloa, un referente nacional no que se refire ás salas de jazz, que está a vivir unha segunda, terceira ou cuarta xuventude da man dunha nova xeración de músicos. O seu constante apoio aos artistas locais, ademais de garantir a boa saúde do tecido cultural, demostra que sempre paga a pena apostar polo noso.
Desafortunadamente non todo son boas noticias. Polo camiño, por mor da pandemia, quedou a Sala Baba Bar, máis o testemuño da súa heteroxénea programación foi recollido polo Ateneo e máis polo Universal. Estes dous locais son os primeiros cafés culturais da Coruña, unha tipoloxía de local que xa abunda en cidades como Santiago, pero que aínda non fixeran acto de presenza por estas terras. A súa é unha programación na que teñen cabida tanto a danza, a improvisación, os monólogos, a música e máis a poesía. Sexan benvidos!
Outra lamentable desaparición foi a do Centro Cultural Autoxestionado La Nave. Neste caso o omicron non leva a culpa, senón que foi sacrificada, como símbolo dos tempos que vivimos, en favor da alta velocidade ferroviaria. A súa filosofía do “faino ti mesmo” foi herdada polo colectivo Acéfala. Instaladas ao carón do mercado de Montealto, a xente da Acéfala brinda unha oferta cultural que defende os valores da diversidade e a igualdade, e que se materializa en obradoiros, concertos, “perreos ceives”, foliadas, clubes de lectura e proxeccións.
Outra alegría para a vida cultural da Coruña é a continuidade e a aparición de novos ciclos e festivais. Hai que constatar a boa saúde da que goza o ciclo de danza TRC Danza, grazas o cal nos podemos asomar ás tendencias da danza contemporánea dende o Teatro Rosalía de Castro. Do mesmo xeito, saudamos a consolidación de eventos como o Modulartec, un encontro que celebrou a súa quinta edición e que ten por leit motiv a música electrónica xerada a través dos sintetizadores modulares, toda unha revolución para a música contemporánea.
E se falamos de música electrónica, é ineludible citar o Fanzine Fest. Este festival de música electrónica de vangarda acada a súa oitava edición o vindeiro mes de decembro. Durante seis días e en cinco localizacións diferentes traerá unha estupenda selección de artistas de primeiro nivel nacional e internacional. O bo facer da xente do Fanzine conseguiu que este sexa o festival de música electrónica de referencia para todo o noroeste. Un aturuxo para todo o equipo.
Non podemos rematar sen facer referencia a todos eses proxectos e iniciativas que colaboran no espertar cultural da cidade. Quitámonos o chapeu ante o Festival de Música e Artes Contemporánea Resis, o novo ciclo Ephemeros adicado aos “secret shows”, que na súa primeira edición presentou ao gañador dun Grammy, Jonathan Hulten; e como non, ante os responsables das espectaculares exposicións retrospectivas do artista galego Víctor Moscoso e da actriz galega María Casares. Apertas a todos os que botades un cable para manter viva a cidade.