CompostelaCulturaNovas

Womarts, unha rede profesional europea a prol da igualdade de xénero nas artes liderada desde Santiago

Mercedes Rosón e Xaquín López. Foto: Concello de Santiago

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e Xaquín Lopez, xerente do Auditorio de Galicia, presentaron womarts.net, unha plataforma en liña que pretender servir de espazo para a visualización dos traballos de creadoras europeas e tamén dos seus perfís.

Wom@rts é un proxecto europeo liderado polo Auditorio de Galicia, que conta con financiamento de Europa Creativa e que procura unha presenza igualitaria das mulleres nas artes.

Con este proxecto, sinalou a concelleira, preténdese “pór fin á invisibilidade das mulleres na contorna artística”. Nesta tarefa, indica, “para alén de denunciar a situación de desigualdade de oportunidades na que se atopan as artistas respecto aos seus colegas e reivindicar que elas son imprescindibles para termos unha contorna cultural europea diversa e forte, Wom@rts procura sentar chanzos e promover accións reais que poñan fin a esa dinámica de desigualdade e muden o estado das cousas”.

A plataforma womarts.net iniciou a súa andadura o día 8 de marzo e xa permite visualizar os perfís e traballos de moitas das creadoras que participaron nas residencias artísticas e nos obradoiros desenvolvidos no marco do proxecto. Entre elas, Eva Antelo, Haya Blanco, Teresa Búa, Laura Carrillo, Laura Currais, Julia Lago, Charo Lopes, María Meijide, Mónica Mura, Mery Pais, Acacia Ojea, Candela Piñeiro, Iria Ribadomar, Denisse Vacarello ou Xulia Vicente. Neste momento a plataforma permite visualizar a 45 creadoras de 16 países con 105 tipos de traballo artístico.

Mercedes Rosón sinalou que “para que chegue a moitas máis e para que esta iniciativa cumpra co fin co que foi creada, pedimos a vosa colaboración na súa difusión e tamén a dos colectivos, asociacións e entidades culturais de Compostela”.

A plataforma está aberta a todas aquelas artistas consolidadas ou emerxentes que ben sexan orixinarias dalgún dos países do ámbito europeo ou se desenvolvan nel. Para sumarse, abonda con cumprimentar un formulario sinxelo. Segundo destacou Rosón, está pensada para que sexan as propias creadoras as que a enchan de contido, escollendo a maneira na que queren presentar os seus traballos. Unha vez aberta, no lado dereito, hai un incono feminino onde hai que calcar para rexistrarse e crear unha conta.


Wom@rts
Xaquín López explicou que o proxecto Wom@rts, do que se pode atopar información na web womarts.eu, persigue a presenza equitativa das mulleres nas artes, en termos de visibilidade, promoción e acceso ao mercado.

En concreto, ten como obxectivo resltar e apoiar a creatividade das mulleres desde unha perspectiva intersectorial, centrándose nos sectores das seguintes Industrias Culturais e Creativas (ICC): literatura/ publicación / cómics; belas artes e artes visuais, artes escénicas e cine.

Segundo explica a web, as creadoras e artistas son claras contribuíntes á diversidade cultural de Europa e, dacordo cos obxectivos xerais de Europa Creativa, Wom@rts debe contribuír a salvar e promover eses valores. Nese marco, o proxecto tamén está en liña con algúns obxectivos específicos do programa europeo, tales como:

Apoiar a capacidade dos sectores culturais e creativos europeos para operar transnacionalmente (internacionalización, networking, novos modelos de negocio). Grazas ás actividades de capacitación, a creación dunha plataforma electrónica como nova ferramenta de negocio e mercadotecnia para promover aos artistas, e a unha estratexia a medio prazo, Wom@rts ten como obxectivo fortalecer a capacidade do sector. En particular, e en liña coas prioridades do Subprograma Cultura, o proxecto ten como obxectivo apoiar accións que permitan ás mulleres artistas internacionalizar as súas carreiras e aproveitar mellor as tecnoloxías dixitais.

Promover a circulación transnacional de obras e operadores culturais e creativos para chegar a novas audiencias en Europa e máis aló, en particular a través da mobilidade de “Masters”, artistas femininas en residencias, itinerancia da exposición ou participación en eventos especiais e festivais.

Apoiar a cooperación política transnacional co fin de fomentar o desenvolvemento de políticas, a innovación, a creación de audiencia e novos modelos comerciais.