fbpx
CompostelaNovas

Volve Curtocircuíto do 3 ao 11 de outubro

Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine celebrará a súa 17ª edición do 3 ao 11 de outubro nun ano no que o cinema necesita máis apoio que nunca debido ao gran reto que está a supoñer a actual situación sanitaria. Na presentación, que tivo lugar onte no Concello de Santiago de Compostela, participaron Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago; Xosé Lois Penas, deputado de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña; Jacobo Sutil, director da AGADIC; e Pela del Álamo, director de Curtocircuíto. Durante 9 días, a cidade converterase en punto de referencia de profesionais e afeccionados ao cinema cun completo programa de actividades que gravitarán arredor das últimas tendencias cinematográficas e das artes visuais.

Anunciáronse tamén os últimos detalles da programación, entre os cales destacan o Foco dedicado á figura imprescindible do director e actor Dennis Hopper; a sección Longas x Curto que mostrará os primeiros ou segundas longametraxes de cineastas consolidados e próximos ao festival como son Lois Patiño, Camilo Restrepo, Oskar Alegria ou Jessica Sarah Rinland; a recuperada sección Playlist, co documental que retrata á banda de rock industrial SWANS; os concertos e performances A/V de artistas singulares como Javier Diez Ena, Julián Mayorga, Elías Merino ou Amorante; e todo un conxunto de entrevistas e mesas redondas online que, desde calquera dispositivo dixital, nos permitirán achegarnos ao universo de personalidades como Alex Cox, Carla Simón, John Alan Simon, Eva Sangiorgi, Cristina de Middel, Celia Rico, Oliver Laxe, Carlos Muguiro ou Ricardo Cases, entre outros moitos.

Dennis Hopper: un foco imprescindible
Dennis Hopper foi un recoñecido actor, cineasta, realizador, fotógrafo e artista estadounidense, considerado unha das figuras máis icónicas e influentes do cinema contemporáneo. A súa primeira película como director, Easy Rider (1969), foi premiada no festival de Cannes e foi unha peza crave na substitución xeracional que se deu en Estados
Unidos, abrindo paso a unha nova onda de creadores e cineastas.

Ademais de cineasta, Hopper foi recoñecido polo seu traballo diante das cámaras , que comezou na súa etapa universitaria grazas ao seu interese polo teatro. Tras o seu debut en 1954 como actor na recoñecida película Johnny Guitar , Hopper traballou xunto a un dos seus ídolos, James Dean , en Rebelde sin causa (1955) e Gigante (1956). Aos poucos foise facendo un oco en Hollywood e conseguiu papeis en películas tan destacadas como Apocalypse Now (1979), Terciopelo Azul (1986) ou Amor a quemarropa (1993).

Curtocircuíto dedicaralle un foco durante o festival mostrando unha selección de películas na súa faceta de director e activista contracultural, entre as que atopamos The Last Movie (1971), Out of the Blue (1980), The American Dreamer (1971), Straight to Hell Returns (2010) e Easy Rider (1969).

Entre a selección de películas de Hopper cabe destacar Out of the Blue xa que Curtocircuíto estreará en España a copia restaurada en 4 K. Os artífices desta versión son os produtores estadounidenses John Alan Simon e Elizabeth Karr que, co apoio de personalidades como Chloë Sevigny, conseguiron o financiamento necesario para recuperar esta película de culto. A nova versión de Out of the Blue foi estreada no último Festival de Venecia e con esta proxección Curtocircuíto quere render homenaxe á súa carismática protagonista Linda Manz, falecida o pasado mes de agosto. O Foco Dennis Hopper poderase ver ademais a través de Filmin, sede online do festival.

Longas x Curto: Patiño, Restrepo, Alegria e Rinland
Nesta edición Curtocircuíto programa as primeiras ou segundas longametraxes de cineastas que levan moitos anos crecendo á beira do festival. Hai xa dez anos dende Curtocircuíto exhibiu por primeira vez un traballo de Lois Patiño , do mesmo xeito que o festival fixo a primeira retrospectiva de Jessica Sarah Rinland en España hai xa tres edicións, que ademais viña de participar na Sección Oficial un ano antes, onde resultou gañadora.

Igualmente, Curtocircuíto exhibiu con moito éxito as primeiras curtametraxes do colombiano Camilo Restrepo, que estará en Santiago por terceira vez. No caso de Oskar Alegria , aínda que os seus traballos anteriores non formaron parte das nosas programacións, como director do Festival Punto de Vista mantivo unha estreita colaboración con Curtocircuíto. Todos eles son hoxe cineastas recoñecidos no circuíto internacional.

En Longas x Curto exhibiranse Lúa Vermella de Lois Patiño (2020), Los Condutos de Camilo Restrepo (2020), Zumiriki de Oskar Alegria (2019) e Those That, at a Distance, Resemble Another de Jessica Sarah Rinland (2019). Todas elas estreadas en Berlinale, Venecia e Rotterdam, respectivamente.

Playlist: o rock experimental de SWANS feito película
É case imposible contemplar os fenómenos artísticos do século XXI sen comprendelos como un cúmulo de disciplinas converxentes. Músicos, cineastas, artistas visuais ou escritores retroaliméntanse para dar lugar a novos formatos e correntes que avanzan inexorablemente cara a unha renovación dos vellos conceptos que rodean o matrimonio entre música e imaxe.

Na sección Playlist , Curtocircuíto propón Where Does a Body End? (2019), un filme documental que, a través do retrato de Michael Vira, líder de SWANS, nos amosa un retrato íntimo dunha banda única e irrepetible.

Concertos e performances a/v: outras formas de contar
Curtocircuíto celebrará como en anos anteriores unha serie de concertos e performances a/v que se levarán a cabo durante os días do festival. O sábado 3 de outubro , día da inauguración, a Sala Capitol acollerá SYNSPECIES de Elías Merino , artista e investigador que desde diferentes estéticas traballa sobre a instalación, a composición e o son dixital exploratorio. Julián Mayorga presentará o xoves 8 no mesmo espazo o seu novo EP, La Fiesta de Transmigración , concibido durante a corentena global achegando unha nova mirada na escena tropicalista latinoamericana. Por último, o sábado 10 de outubro pecharán estas actuacións en Capitol cos directos deB, amante da improvisación que define o seu proxecto como ‘música tradicional abordada desde un punto de vista contemporáneo’, e Javier Diez Ena , mestre do theremín, un dos primeiros instrumentos musicais electrónicos que se controla sen necesidade de contacto físico do intérprete.