fbpx
CulturaDe librosGaliciaNovas

5 libros para agasallar este Nadal

Se tiveramos que facer un ranking do mellor en libros de 2021, dende logo que non sería un autor nin unha novela, senón unha sensación: a volta “relativa” á normalidade. Cando parecía que todas as presentacións estaban destinadas a facerse online, na primavera timidamente volveu a vida literaria á rúa: feiras do libro, presentacións con público… Aínda que con redución de capacidade e todas as medidas de seguridade anti-COVID imaxinables, regresamos á ledicia de tocar libros e falar en directo cos nosos autores favoritos. Algúns deles e delas xa visitaron esta sección e volveron felizmente neste 2021 con novela nova.

Amosámosvos a continuación as novidades de cinco autores: Arantza Portabales, Berta Dávila, Javier Peña, Diego Ameixeiras e Francisco Castro. De paso, cóntannos as súas impresións deste ano que remata e o que desexan para o futuro.

Arantza Portabales (“A vida secreta de Úrsula Bass”)

De que trata o libro?

Úrsula Bas é unha escritora de éxito que vive co seu marido e a súa filla en Santiago de Compostela. Un venres de febreiro sae da súa casa para dar unha charla e xa non volve. Os policías Abad e  Barroso, consumidos por unha relación marcada pola desconfianza e a atracción que senten, deberán esforzarse máis que nunca en separar a súa vida persoal dos seus deberes profesionais para atopar a Úrsula nunha trepidante carreira contrarreloxo, que conectará a desaparición da escritora coa da pontevedresa Catalina Fiz hai máis de dous anos.

Cres que en 2021 comezou a superarse a crise do sector editorial?

Non sei se superou a crise, pero o que si teño claro é que a pandemia puxo en valor a literatura. Moita xente se reencontrou con ela e atopou acougo nos libros.

Como cres que será 2022?

Agardemos que volvan escenas de normalidade. Feiras, presentacións, clubes de lecturas e actividades que propicien a interacción co lector e favoreza a promoción das nosas obras.

Berta Dávila (“Illa Decepción”)

De que trata o libro?

“Illa Decepción” é unha novela difícil de concretar. É un libro sobre a observación do mundo inmediato e do presente desde o doméstico, sobre buscar refuxio na literatura.

Cres que en 2021 empezouse a superar a crise do sector editorial?

Teño a sensación de que a previsión era peor do que logo foi o ano. É difícil opinar sobre o que significan as cousas que van pasando en relación ao futuro, en todos os ámbitos.

Como cres que será 2022?

Agardo que sexa un ano no que sexa máis doado facer plans que ata agora.

Javier Peña (“Agnes”)

De que trata o libro?

O punto de partida de “Agnes” encaixa moi ben con estas datas, posto que a protagonista, Agnes, mete a pata co seu xefe nunha cea de Nadal. Por culpa diso, vese obrigada a escribir a biografía de Luis Foret, un autor moi exitoso e famoso… pero que ninguén sabe quen é. A medida que indague na vida deste escritor, irá descubrindo segredos que desexaría non ter descuberto. (Así que coidado nas ceas de Nadal!)

Cres que en 2021 empezouse a superar a crise do sector editorial?

O sector editorial é un dos poucos do eido cultural que puido capear a crise da covid-19: semella que os libros están nun bo momento. A pregunta é se sucede o mesmo cos escritores e escritoras. Véndense máis libros, si, pero tamén publícanse moitos máis títulos, co cal, a parte do pastel para cada un é menor. Sería importante que se puidese traballar para profesionalizar un pouco máis a creación literaria.

Como cres que será 2022?

Pois haberá que ver que sucede coa crise anunciada de desabastecemento e encarecemento das enerxías e materias primas, pode ser unha nova reválida para o sector. Pero máis aló diso, son optimista con respecto ao libro, que unha e outra vez nos amosa a súa resistencia. Os seres humanos contamos historias, é a nosa esencia, e creo que é difícil que iso vaia desaparecer. O libro está aquí para quedar.

Diego Ameixeiras (“O cervo e a sombra”)

De que trata o libro?

Conta a historia de Mateo, un pequeno vendedor de droga que lembra os derradeiros días da súa vida e sobrevive con traballos de todo tipo. É unha novela sobre o perdón e a necesidade de abrazar unha esperanza.

Cres que en 2021 empezouse a superar a crise do sector editorial?

Se te refires ás vendas do sector editorial en Galicia, penso que a situación nunca está para demasiadas celebracións. Pero supoño que, en comparación co sucedido en 2020, as cifras serán mellores.

Como cres que será 2022?

Non sabería dicirche. Oxalá puidese facer predicións certeiras. Con que non haxa outra pandemia, a min xa me serve.

Francisco Castro (“O cemiterio de barcos”)

De que trata o libro? 

O libro trata dúas temáticas que están relacionadas coa trama: por unha banda, unha relación tóxica entre unha parella adolescente e por outra a cuestión, tan presente na miña obra, da memoria histórica. Os personaxes están vivindo unha historia de amor, por unha banda, tóxica, por outra, o descubrimento dun asunto do pasado que quedou sen resolver e que vai cambiarlles a vida, un tema da guerra civil, da represión que tivo que aturar o bando vencido.

Cres que en 2021 empezouse a superar a crise do sector editorial?

Todas as cifras din que si. Non só en Galicia senón no conxunto do estado, as cifras son boas e anteriores á pandemia. Sen embargo, nós temos outra crise, que é a perda de falantes ano tras anos. Esa é a verdadeira crise.

Como cres que será 2022?

Pois espero que sexa un ano tranquilo. Con iso xa me conformo. Logo da que nos caeu enriba, que sexa un ano calmo, para min xa é mel sobre filloas.