fbpx
Crusat & CostasGastronomíaNovas

Os mellores viños para este Nadal segundo Crusat & Costas

Nadal 2021: As festas do reencontro

Por Lorena Costas @lorena_costas

Aquí regresamos o Cru e mais unha servidora, como se dunha caixa de manteigados se tratase, cheíños de propostas vinícolas para este Nadal que se achega rápido e sen tempo a pensar moito. O ano pasado, desgraciadamente moitos de nós non puidemos celebrar cos nosos como nos tivera gustado, posto que as restricións polo COVID-19 aínda eran moi altas. Mais, con fortuna, a cousa ten mellorado bastante, así que este ano non hai escusas par non poñer un bo viño na mesa (quen di un, di sete). Velaí vai a miña proposta:

Gorgola Escumoso, elaborado pola adega Cabana das Bolboretas (D.O. Rías Baixas), un 100% albariño escumoso feito ao xeito tradicional ou “champenoise”. As burbullas non poden faltar nas mesas do Nadal acompañadas dunhas boas cigalas!

Vimbio ACL, curmán do máis coñecido Vimbio, un viñazo elaborado por Adega do Vimbio, de Patricia e Martín Crusat (terá algo que ver con noso Crusat?, pode ser): Albariño, Caíño Branco e Loureiro, castes clásicas deste Rias Baixas da Subzona do Rosal. Nada mellor para acompañar un peixe ao forno, eh?

Como o meu compañeiro, con moi bo criterio, falaravos de dous rosados, para darlle un pouco de visibilidade a un estilo de viño inxustamente subestimado, continuaremos con algún tinto, mais deses tintos que parecen ter un buraco no fondo da botella, Fedellos do Couto Bastarda, elaborado 100% con uva bastarda (ou merenzao) entre o Val do Bibei e o Sil: unha marabilla para beber a litros: fresco, mineral, que a min me presta moito cun polbo á feira.

Imos agora cara o Ribeiro (aínda que sen D.O.), cos amigos de Cume do Avia e este Colleita nº7, un plurivarietal de Caíño longo, Brancellao, Sousón, Merenzao e Carabuñeira; un viño ecolóxico, intenso, complexo e expresivo que acompañaría estupendamente un bo cabrito ao forno.

Continuamos viaxando polo mapa galego, e marchamos cara o Salnés cun viño que nunca deixa indiferente: ou gusta ou non gusta. A min encántame e por iso o recomendo. Trátase de Crisopa, de Nanclares y Prieto Viticultores, persoas as que aprecio de corazón, pola súa sensibilidade á hora de traballar. Unha rareza non fácil de atopar, pero se buscades ben encontrarédela: 100% albariño, fai a fermentación coas súas peles, o que o converte nun viño con moitísimos matices e complexidade; unha xoia que ben podedes beber porque si, sen maridaxe.

Finalizo a miña proposta cun viño doce. Haberá que acompañar a sobremesa, ou? Se sodes coma min, haberá máis cousas das que sodes capaces de comer! Dulce Lexítimo de Bodegas Rinlo, elabora 100% con Branco Lexítimo de vendima tardía e botrytis nobre, un viño espectacular; tal vez non vos soe moito, pero merece a pena deixarse mergullar no seu universo de aromas e sabores: pel de laranxa, froita cristalizada, orellóns de melocotón, marmelo...

Dixen que finalizaba, pero non hai sobremesa galega na que non falte un licor; e eu, como boa ourensá recomendo un licor café e, se se trata do Bocabajo de Adegas Castro Brey, non falamos dun licor café calquera: feito con café blue montain de Jamaica, resulta aditivo... Coidadiño!

Nadal 2021: A miña primeira listaxe para papar e beber a rebentar

Por José Crusat @choumimx

Pois si, dende a dirección desta revista veñen a propoñernos a elaboración non dunha cata dun viño, senón que preparemos unha listaxe de recomendacións de viños para desfrutar nestas vindeiras festas do Nadal (tamén podedes seguir dándolle despois das festas que o viño é festa de por si). Trátase da miña primeira listaxe, e prepareina coa intención de que polo menos comades ben e bebades aínda mellor durante polo menos unha das paparotas deste vindeiro Nadal.

Comezo por un viño dos chamados desamparados, deses que non queren ou non poden estar protexidos por ningún paraugas de calidade excepto o propio viño en si. E vou cun viño rosado elaborado na comarca do Barbanza aínda que non recollido pola IXP. O viño en cuestión é o Orballo Rosado de Antonio Saborido. Un rosado fresco elaborado coas uvas Caíño e Mencía que nos encaixaría perfectamente cunhas ostras de Abanqueiro ou do Freixo.

Da zona xeográfica da Ribeira Sacra imos con outro rosado que tamén está fóra da DO, pero neste caso é toda a adega a que non está. Silice Rosado trátase dunha mestura de mencía brancellao e palomino, con moi pouca maceración para non coller moita cor. Cunha táboa de queixos galegos nos que non poden faltar queixos dos novos valores coma Bisqato, Cortes de Muar, Touza Vella e Airas Moniz.

De seguido, un Ribeiras de Armea Branco Lexitimo elaborado por Casa Beade dentro da IXP Viño da Terra de Betanzos. Branco Lexitimo fermentado e criado en barrica seminova, mineral untuoso, cítrico e moi fresco. Largarémoslle ao corpo unhas ameixas á mariñeira coma acompañamento.

A Veiguiña de Jose Luis Aristegui na Rúa é un dos novos viños deste elaborador que para min e de referencia na DO de Valdeorras. Godello antigo de cepas en vaso tradicional que nesta elaboración se traballa nun depósito de cerámica. Recoméndovos tomalo cun bacallau con pasas.

Burbujas de Baladiña é un viño escumoso da adega Lagar de Besada na DO Rias Baixas, elaborado con albariño. Adega pioneira nos escumosos nesa DO, presentando este ano a súa 15 elaboración. Un brut nature con 30 meses de crianza en lías complexo e maduro. Como maridaxe, propoño que o tomedes cun porquiño ao forno, xa que a acidez e as burbullas limparanvos a boca para poder seguir rillando nel e non se vos fará pesado.

Quinta da Muradela Castrillón de Jose Luis Mateo na D.O. Monterei. Mestura de uvas procedentes dun só viñedo vello con Mencia, Garnacha Tintorera, Merenzao e algunha branca polo medio tamén. Un viño enorme, amplo, redondo e longo. Un dos mellores viños que se elaboran en Galicia por un dos grandes mestres interpretando a uva e o terreo. Un viño de perfecto acompañamento para un tradicional capón recheo de Vilalba.

E para o remate cos típicos polvoróns, unha rosca ou periquito, como se chama na miña zona, aposto polo Wish de Xose Lois Sebio Viños de Encostas. Froito de uvas tintas de cepas moi vellas, fresco e floral no linde da D.O Ribeiro.

E felices festas a todos e todas!