CompostelaNovas

Case trinta artistas en oito escenarios composteláns na IV edición do Melona Fest

Presentación do Melona Fest. Foto: Concello de Santiago
Presentación do Melona Fest. Foto: Concello de Santiago

Santiago acolle do 3 ao 6 de abril a cuarta edición do Melona Fest, un dos festivais máis alternativos que se celebran en Galicia, cun cartel cheo de artistas que non adoitan aparecer nos eventos máis comerciais.

Case trinta artistas, e oito escenarios repartidos por toda a cidade configuran o cartel da cuarta edición do Melona Fest, que arrincará o mércores na Sala Riquela cunha presentación oficial a partir das 21:30 horas. Será xusto antes do primeiro grande espectáculo do evento: o proxecto Live Pixel, da artista visual Marta Verde e o artista multimedia Juanma Lodo. Antes, ás 19:00 horas na Casa do Matadoiro, está prevista a actuación do galego Adrián Barreiro, que mostrará o seu particular estilo que se nutre da música da India, os mantras tibetanos, o canto harmónico mongol ou os ritmos sufíes.

Xa o xoves 4, o epicentro do Melona Fest trasládase á sede da Fundación SGAE e coa participación de Cult Of Auspex, Babykatze, Blanco Palamera e Trifulca. Ao día seguinte, o venres 5, o Melona Fest desenvolverá a súa parte musical en tres escenarios. Ás 20:30 horas, o compostelán Nico Casal estreará no Teatro Principal o seu primeiro disco que, baixo o título Alone, supón un punto de inflexión creativa para o artista gañador dun Oscar pola banda sonora da curtametraxe Stutterer. Na Fundación SGAE, ás 21:30 h, comezará unha nova sesión na que participarán Sta, Vulk, Cave Story e Artur M. Puga. A xornada do venres pecharase no Ruta, a partir das 3:00 horas, co proxecto de música electrónica de Emilio Horyaans, PV3000, e coa actuación de Miravalles, residente do Encarta Club de Bilbao, e un dos referentes da música electrónica experimental.

A do sábado será a xornada máis intensa dentro do Melona Fest, con música dende as tres da tarde ata as cinco da mañá en diferentes escenarios. Pola praza de Feixóo pasarán, dende as 15:00 ata as 19:30 horas, Mundo Prestigio, Tulip, Adriana Proenza e Candeleros. Na Sala Malatesta a música comezará ás 21:00 horas, con algúns dos nomes máis relevantes desta cuarta edición do festival. Un deles é o da chilena Soledad Vélez, que chega a Santiago despois de ter participado nos festivais máis prestixiosos e de ter realizado máis de 600 concertos en España, Portugal, Reino Unido, Chile, Ecuador ou México. Tras dela, actuarán Pantis, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba e Pony Bravo, un grupo que representou unha nova etapa para a música independente andaluza e que é unha das propostas máis agardadas do festival. A sesión na Malatesta pecharaa Akkan, o resultado da unión entre dous dos artistas máis prolíficos da escena barcelonesa: BeGun e Ocellot.

Xa na discoteca Ruta, a última xornada do Melona Fest deixará a actuación de Ana Helder, DJ e produtora de Rosario que mestura house, disco e acid techno con sons que lembran os inicios da electrónica.

Actividades paralelas
Nesta cuarta edición do Melona Fest reforzáronse as actividades paralelas que enriquecen o festival, e que xa arrincaron o sábado na Casa do Matadoiro coa inauguración da exposición de White Collective, unha galería independente de Vigo especializada en fotografía contemporánea. A mostra poderase visitar ata o 6 de abril.

Para o mércores 3 de abril está prevista a proxección de Criando ratas, unha longametraxe dirixida por Carlos Salado que narra as peripecias de delincuentes de barrio baixo en España. Será na Sala Riquela a partir das 17:00 horas. A axenda de actividades paralelas continúa o xoves con dúas propostas no Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC: un encontro sobre voluntariado en iniciativas culturais, e o workshop “Ti flipas”, dirixido por Kika Ramil e Victoria Blanco. O venres, as actividades trasládanse á escola Unitaria, cun coloquio con Rocío Quillahuaman, debuxante de fanarts e creadora de vídeos animados para Internet; e cunha conferencia de Antropoloops, un proxecto de Rubén Alonso e Esperanza Moreno que parte dun achegamento creativo e amateur á etnomusicoloxía.

O sábado 6 de abril, as actividades paralelas desenvolveranse a pé de rúa, na praza de Feixóo. A partir das 13:30 h está previsto un Showcooking con Jorge Gago, chef do restaurante A Maceta; e a partir das 14:00 h comezará dende a praza o programa de radio A Toba II, coa participación de Nico Casal, Melania Freire e Derby Motoreta’s Burrito Kachimba.