A Revista Pincha, Moksín e Dinahosting recibiron os Premios Manuel Beiras 2020
O Teatro Principal de Compostela acolleu a gala de entrega dos Premios Manuel Beiras 2020 que na súa vixésimo primeira edición foron para a nosa Revista Pincha e para as empresas Dinahosting e Moksín.
Estes galardóns, organizados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago, teñen o obxectivo de achegar un recoñecemento público ao uso do galego no ámbito empresarial, como eido de gran relevancia no proceso de normalización do uso social da lingua galega. Coa súa denominación queren lembrar a figura do histórico comerciante compostelán Manuel Beiras García (1904-1996), destacado loitador da nosa cultura e da nosa lingua que foi membro das dúas institucións organizadoras.
Tras examinar as corenta e dúas propostas de empresas candidatas e das deliberacións oportunas, o xurado resolveu conceder os seguintes galardóns:
- Na categoría de nova incorporación ao galego á empresa Revista Pincha, da que destaca o enfoque fresco e moderno para tratar na nosa lingua contidos de amplo interese social como a cultura e a gastronomía e achegalos especialmente ao público novo.
- Na categoría de empresas cun uso continuado do galego, a Dinahosting, por poñer o galego nas tecnoloxías da información e da comunicación e contribuír a dotalo de ferramentas que o sitúen no panorama dixital, un dos retos principais da nosa lingua.
- Na categoría de empresa cunha comunicación innovadora, á zapataría Moksín, por implantar unha semente de lingua no corazón comercial de Compostela e no sector da moda e arrequentala cuns escaparates onde tradición e vangarda se colocan ao servizo dun relato que nos explica.
Nos seguintes vídeos podedes ver a gala e a presentación de Pincha: