fbpx
GaliciaGastronomíaNovas

Granja Campomayor, Río de Galicia, CienPorCel, El Nogal e Bico de Xeado reciben os IX Premios Galicia Alimentación

A innovación e o compromiso co sector da alimentación volveron ser recoñecidos polo Clúster Alimentario de Galicia. Clusaga entregou os IX Premios Galicia Alimentación que, nesta ocasión, recaeron en mans de Granja Campomayor, Río de Galicia, CienPorCel, El Nogal e Bico de Xeado.

Como vén sendo habitual, a entrega dos premios foi o broche de ouro do VIII Foro Galicia Alimentación e o responsable do peche foi o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Á cita asistiron, ademais, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos, e o director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Norberto Penedo, entre outras autoridades. Por parte de Clusaga, interveu o actual presidente, Juan José de la Cerda, que agradeceu aos patrocinadores e a todos os candidatos a súa participación.

O Clúster bateu, este ano, un récord con 99 candidaturas: 28 na de Produto Innovador, 36 na de Produto Excelente, 18 na de Estratexia de Mercado e 17 delas na categoría de Proxecto Sectorial.

Tras a deliberación do xurado, a relación de galardoados é a que, a continuación, se indica:

Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador. Nesta categoría galardóanse produtos caracterizados pola súa innovación, potencial comercial, deseño, posibilidade de agregar valor aos produtores galegos e con especial atención á relación entre nutrición e saúde. Na presente edición resultaron premiadas as seguintes firmas ex aequo:

Granja Campomayor, pola gama de produtos Wovo. Inclúe produtos sorprendentes e únicos no mercado procedentes da clara de ovo. Trátase dunha alternativa aos lácteos e ás bebidas de orixe vexetal, tanto pola súa textura e sabor como polas súas propiedades. De orixe 100% natural, é un alimento saudable e nutritivo.

Río de Galicia, polo seu leite Opti+Plus. É o primeiro leite reducido en azucre do gran consumo nacional. A través do innovador e exclusivo proceso de ultrafiltración, conséguese concentrar en maior cantidade as proteínas e o calcio do leite, á vez que se reducen os seus azucres naturais.

Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente. Esta categoría recoñece a incorporación nos produtos de valores tradicionais adaptados ao momento actual, o deseño diferencial ou o uso de materias primas locais na súa elaboración. Resultou gañador: CienPorCel, polo seu Paté de Porco Celta “Cunca e Cortizo”. Elaborado con fígado e ingredientes de calidade diferenciada de orixe local e aderezado con viño Treixadura da D.O. Ribeiro de Adegas do Rexurdir e coa IXP Mel de Galicia de Doce de Bágoa, o Paté de Porco Celta “Cunca e Cortizo” é un produto sen conservantes nin colorantes engadidos, sen glute e sen lactosa.

Premio Galicia Alimentación á Estratexia de mercado. Unha categoría para poñer en valor e premiar o esforzo das organizacións da industria de alimentación e bebidas para acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. Alzouse co galardón: El Nogal, pola creación da súa marca de exportación El Nogal Welleness Nuts. A empresa puxo en marcha un plan de exportación, centrado na creación de marca en EE.UU. e Canadá. Grazas á súa estratexia de creación da marca El Nogal Wellness Nuts, lograron entrar no mercado e estar presentes en importantes cadeas de distribución, así como en plataformas en liña dos principais importadores de produtos españois.

Premio Galicia Alimentación ao Proxecto sectorial. Esta categoría recoñece, dentro do sector da alimentación, aqueles proxectos destacado ou singulares que se caractericen pola súa innovación na organización, na produción e/ou no modelo de negocio, así como por estar aliñados cos ODS. Este ano resultou gañador: Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña, polo seu proxecto Bico de Xeado. Bico de Xeado merece este recoñecemento pola súa capacidade de engadir valor ao produto final, recuperando a elaboración tradicional do xeado, con leite procedente das granxas que conforman a Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña como materia prima.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou a importancia dos Premios Galicia Alimentación, que serven de “agradecemento a un sector que move Galicia”. Rueda subliñou o compromiso da Goberno galego con esta actividade, así como coas empresas e produtores, incidindo en que se “a eles lles vai ben, a Galicia tamén lle irá ben”.

Pola súa parte, o presidente de Clusaga felicitou aos galardoados, aos que cualificou como proba “da potencialidade e da proxección” do sector da alimentación e das bebidas. De la Cerda incidiu en que esta actividade segue sendo “clave” en Galicia, tanto pola súa dimensión, como pola súa transcendencia económica e social. Unha afirmación que o presidente sustentou en varias cifras: nos 7.100 millóns de euros de valor engadido e nos 165.000 postos de traballo que xera o sector.

De la Cerda, que participou por último ano como presidente de Clusaga, concluíu a súa intervención desexándolle “sorte e moitos éxitos” á nova directiva e, en particular, ao novo presidente, Andrés Rodríguez, logo de que fose elixido en Asemblea Xeral de socios de Clusaga.

VIII Foro Galicia Alimentación

Antes da entrega dos galardóns celebrouse o VIII Foro Galicia Alimentación, que este ano se centraba na Alimentación sostible e resiliencia alimentaria: reflexións en torno a unha transición necesaria. Ao redor desta temática reuniuse a expertos e profesionais da industria para analizar e poñer en común as súas reflexións e ideas sobre os retos e o futuro do sector.

En concreto, na primeira mesa redonda sobre a transición cara unha produción máis sostible participaron: o colíder en Planetiers New Generation e INSURE.Hub, Antonio Vasconcelos; a managing partner de Eatable Adventures, Mila Valcárcel; Eva Garrell, que desde B Corp Impact Programs Senior Lead de B Lab Spain asesora no deseño e implementación de estratexias de sostibilidade empresarial; e Adrián Gallero, experto en desenvolvemento rural de Red2Red.

O relatorio principal correu a cargo de Jordi Cuatrecases, director de Desenvolvemento da Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC). A xornada pechouse con outra mesa redonda na que os produtores foron os protagonistas, contando coa participación de Ruy Andrade Pereira, director de Relacións Externas e Desenvolvemento de Negocio de Grupo Pereira; María Fontán, máis coñecida como “Mariscadora 2.0”; a propietaria de Ganadería A Cernada, Ana Corredoira; e o CEO de Kiwi Atlántico, José Piñeiro.

Cóctel de Alimentos e Bebidas de Galicia

Ao remate do Foro e os Premios Galicia Alimentación realizouse un cóctel no que o público asistente tivo a ocasión de degustar algúns dos produtos que se presentaran aos galardóns de Clusaga, así como de entidades socias do Clúster.

Os alí presentes puideron degustar produtos das seguintes categorías e marcas: B. Líquido Gallaecia S.L., Postres Miudiños S.L., Gadisa Retail S.L.U., Grupo Leche Río S.A., Corporación Alimentaria Peñasanta S.A., Innolact S.L., Coop. Vitivinícola Arousana S.C.G., Queserías Entrepinares S.A.U., Cafés Candelas S.L., Viña Costeira S.C.G., Conservas Rianxeira S.A.U., Coorporación Hijos de Rivera S.L., Queixería Barral S.L., Cuevas & Cía S.A., Torre de Núñez de Conturiz S.L., Rivadulla S.L. Consello Regulador das IXP da Carne de Vacún de Galicia, Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta, Bodegas Martín Códax S.A.U., Conservas del Noroeste S.A., Distribuciones Lorri CB, Vinigalicia S.L., Jamones González S.L., Viña Moraima S. Coop. Galega, Airas Moniz S.L., Granja Campomayor S.L., Ecocentro S.C., Clavo Food Factory S.A., Lugar da Veiga S.L.L., Casa Grande de Xanceda S.L., La Despensa del Lujo S.L., Congalsa S.L., Martín Jesús Touceda González, Rosa Paula Patiño Varela e Artio Nutrición S.L.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.