Lorenzo Design: “No noso oficio hai unha parte de arte, artesanía e deseño”
Lorenzo Design é unha cooperativa dedicada a crear instrumentos personalizados en madeira para a alta cociña. Fernando Sangiovanni, un dos seus fundadores, cóntanos como chegaron a traballar con Estrelas Michelin e foron capaces de sortear a pandemia da covid-19.
Dinos, como naceu Lorenzo Design?
Somos unha cooperativa de seis persoas. Traballamos a madeira para a alta gastronomía e o interiorismo. Comezamos no ano 2015 con xoguetes e mobiliario nunha pequena tenda no casco vello de Santiago de Compostela.
No 2017, a raíz do encontro ‘Artesanía no Prato’ que organizou a Fundación Pública Artesanía de Galicia, vimos a posibilidade de traballar para a gastronomía, especialmente para alta gastronomía. Foi entón cando coñecemos a grandes cociñeiros, como Javier Olleros do restaurante Culler de Pau. Desde entón traballamos para toda España e Europa.
Como é a vosa relación cos cociñeiros e cociñeiras?
Preocupámonos de colaborar con eles e elas en función do que necesitan. Tamén nos fixamos no tipo de material que utilizamos e no deseño. As nosas pezas son recoñecibles. A xente dáse conta de que son de Lorenzo Design.
Adaptámonos en función da estética de cada restaurante, de cada prato e de cada necesidade. Sempre dicimos que noso traballo hai unha parte de arte, artesanía e deseño.
Que tipo de materiais e técnicas empregades?
Empregamos madeira de nogueira, carballo, cerdeira ou freixo porque ao queimala resalta todas as veas. Aínda así, non estamos pechados a traballar coas madeiras que necesite cada restaurante. Iso si, todas teñen que ser certificadas.
En canto ás técnicas, empregamos a talla, o torno ou o carbonizado. Traballamos en función das necesidades de cada peza.
Estamos vivindo tempos moi complicados para a hostalaría. Como sobrevivistes vós á pandemia da covid-19?
Durante a pandemia só deixamos de traballar durante unha semana. É certo que moitos pedidos pararon, pero outros seguiron porque traballamos a nivel global. Fomos axustando como puidemos. Seguimos traballando con restaurantes e particulares que querían pezas decorativas.
Que supón para vós contar coa marca de Artesanía de Galicia?
A certeza de que temos un respaldo institucional para o noso traballo. Somos artesáns, pero á vez pertencemos a un colectivo en que podemos colaborar e unidos nunha Fundación.
Onde podemos adquirir os vosos produtos?
Na nosa tenda en Santiago (Rúa Ponte de San Lázaro, 7) ou na web lorenzodesign.es