Nando Pereiro N O N A U T: “Necesito traballar ao aire libre, no campo, en conexión co cosmos”
Por Inés Silvalde e Marisa Calderón de Os Catro Gatos
Estamos a finais de agosto e trasladámonos a O Romaño, á gorida de Nando Pereiro.
Visitar a un artista sempre produce certa inquietude e nerviosismo polo compromiso de estar á súa altura e transmitir a esencia das súas palabras con rigor e respecto.
Esta vez temos un novo reto, teremos que estar coa máscara posta e a comunicación será un pouco máis complicada.
Ao chegar recíbenos cun sorriso que intuímos ao momento. Semella que a empatía e a amabilidade traspasa esa barreira imposta polas medidas sanitarias. Na súa casa respírase vida e pasado. Un café recentemente feito e empezamos a falar.
Nando naceu nos anos 70, e como todos os nenos desa xeración devorou cómics e películas de ciencia ficción que máis tarde aflorarían desde o inconsciente na súa obra escultórica, eses “alieníxenas entrañables” que xurdiron da súa experiencia técnica e dos seus recordos máis temperáns.
De neno a súa afección a debuxar era permanente, na escola e fóra dela foi unha constante.
Pero decidiu estudar a carreira de Filoloxía e tamén Maxisterio. Abandonou as dúas porque a forza da inquietude artística foi máis poderosa. Despois tentou formarse en deseño gráfico, ata que descubriu a escultura ao matricularse na Escola Mestre Mateo.
A súa primeira exposición de escultura foi nesa mesma escola e deste xeito comezou o seu camiño en solitario.
Nando Pereiro desenvolve os seus proxectos evitando a presión de ter que cumprir cunha data para unha mostra, espazando as súas exposicións e traballando noutras alternativas simultaneamente.
A obra escultórica de Nando Pereiro transmite algo diferente, as súas obras son moito máis que obxectos. Contemplar as súas pezas é ver máis alá, algo que non esperabas ver e que nos mostra para que as descubramos e formen parte da nosa memoria sensible.
“A Arte é unha sorte de alquimia. O artista, un demiúrgo que constrúe nun mundo que destrúe”
Nando Pereiro non busca os materiais que utiliza cando sae ao monte coa súa bicicleta, as pedras atópano a el, e ofrécense para que as converta en arte. Así comeza o proceso de transformación alquímica. O demiúrgo que constrúe nun mundo que todo o destrúe.
Para este escultor o artista é a pedra filosofal que transforma un material en algo que non existía. Prodúcese, dalgunha maneira, un acontecemento máxico.
Nando traballa eses materiais que atopa, faino para el e para quen os contemple, para que susciten emocións e conseguir conexión co público.
A súa obra defende as liñas curvas, sensuais, aerodinámicas… onde o cerebral e o emocional conviven no proceso de construción.
Nando Pereiro debuxa co cicel sobre a pedra nun estreito diálogo coa obra, un latexo ao unísono.
Na Casa Museo Casares Quiroga de A Coruña inaugurou o 6 de marzo unha das súas últimas exposicións que pechou temporalmente polo estado de confinamento da pandemia covid.
Durante este tempo estivo preparando pezas en ágata e seixo, que previsiblemente poderemos contemplar en Carballo proximamente.
O seu proxecto ‘Rotocicletas’ deixámolo en suspenso para vindeira ocasión.
E saímos da casa de Nando, paseniño, para non espantar á pantasma da empatía que se estableceu entre entrevistadoras e estrevistado.
Grazas, Nando, por todo o que nos transmitiches nesta conversa. Grazas polo teu sorriso intuído. Grazas polo bo café. E, sobre todo, grazas pola túa obra.