Cogomelo, chouparro, pan de cobra…
Ai, que ricos están os cogomelos e cantas formas diferentes temos de chamalos en galego! A Real Academia Galega admite como sinónimos para denominar a estes fungos que teñen un pé ou talo rematado nunha especie de sombreiro e que poden ser comestibles ou non todos estes: chouparro, pan de cobra, pan de raposo ou pan de sapo. Ademais, segundo as diferentes especies, tamén poden denominarse choupín, roco, patamela, cerrote, cogordo… A listaxe é inmensa!
E non te equivoques, unha ‘seta’ non é o mesmo. No dicionario da lingua galega esta palabra só aparece co significado de arma consistente nunha barra fina rematada en punta, que ten unha peza feita xeralmente de plumas no outro extremo para manter a estabilidade e que se lanza mediante un arco. É dicir, unha frecha.
Curiosidades
- En Galicia existen especies de cogomelos comestibles moi apreciadas na gastronomía, mais tamén hai outras que son tóxicas e mesmo poden chegar a resultar mortais, polo que saber distinguilos antes de comelos é fundamental.
- A partir do outono, cada ano máis persoas buscan, recollen, cociñan e comen cogomelos silvestres. Ante a dúbida á hora de identificar un cogomelo é mellor non recollelo. As persoas inexpertas deben apañalos acompañados dun experto ou consultar con algún antes de consumilos. Ademais hai que procurar non mesturar as especies no mesmo cesto; non recollelos despois de grandes choivas ou en días de moita auga, xa que isto pode modificar as súas características e dificultar a súa identificación; e non transportalos en recipientes pechados ou bolsas de plástico, para evitar que fermenten.
- Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (sergas.es/Saude-publica/Cogomelos) ofréceselle información á cidadanía sobre como previr as intoxicacións.
ONDE PROBALO?
En novembro celébrase en Riós (Ourense) a Festa da Castaña e do Cogomelo co obxectivo de enxalzar estes dous produtos típicos do outono e da zona. Durante dous días organízanse actividades de tipo cultural e gastronómico; charlas informativas, concursos e casetas expositivas con produtos artesáns… A festa finaliza cun xantar-degustación popular, que conta con grande asistencia de comensais, tanto da veciñanza como de persoas foráneas.
Por outra banda, O Porriño (Pontevedra) acolle todos os meses de abril unha feira anual dedicada aos cogomelos. A ela acoden profesionais do sector para a compra e venda destes produtos, posta en común de coñecementos e experiencias etc.
En Santiago de Compostela recomendámosvos visitar o Bar Gamela, na rúa da Oliveira, no que a especialidade son as racións de cogomelos á prancha acompañadas de diversos xeitos.