Natalia Horschovski e a defensa da muller como creadora
Por Delio Sánchez, Inés Silvalde e Marisa Calderón de Os Catro Gatos
Milladoiro. Unha tarde de setembro. Chamamos á porta. Tras un corredor atopámonos o cuarto no que Natalia Horschovski rompe a súa rutina diaria. Un pequeno espazo exento dos quefaceres da vida cotiá e onde poder evadirse para plasmar libremente todas as ideas que invaden o seu pensamento.
O impulso creativo xa vén dende o berce, herdado da súa nai coa que pasaba as tardes da infancia debuxando baixo o escritorio da matriarca, aínda en terras arxentinas. Co paso do tempo, sendo xa consciente de que quería ser artista, adoptou o nome artístico de Peperina Lapipetuá, como aínda se lle coñece nas redes sociais.
A figura humana é o elemento máis recorrente na súa obra, principalmente mulleres da súa contorna, ás cales representa a través dun patrón inspirado en trazos faciais xerais e expresivos que as definen. Mulleres que á vez son ela mesma como modo de coñecerse e recoñecerse. Un proceso de catarses a través da arte e da poesía, medio de expresión que tamén emprega. Estes medios ás veces aparecen mesturados nalgún dos seus traballos.
Natalia comeza o seu proceso de creación nun caderno que porta na súa mochila para despois plasmalo en papel, lenzo ou en algunha das súas decoracións sobre louza tan divertidas.
O contraste é un compoñente que define o seu traballo. A través da técnica mixta, principalmente acuarela, tinta e acrílico, forma composicións nas que a liña conxuga coa mancha, a carga de pigmento coa aguada e o xesto groso cunha liña máis sutil. Todo cun gran respecto ao baleiro, ao branco dos fondos.
Unha das series máis significativas do seu traballo é ‘Canto pesas?’, que foi exposta no 2017 en Os Catro Gatos. Pezas que Natalia define como capítulos, reflexiona acerca do peso medido en recordos e pensamentos que cada quen porta, co fin de definir como transcorremos o presente condicionados polo noso pasado, ou as nosas obsesións… Nos últimos tempos traballa nun proceso de adaptación das súas ilustracións en diferentes formatos para poder ser comercializados en diferentes produtos.
Esta artista ten unha gran implicación na defensa da muller como creadora e reflexiona ante as dificultades que existen á hora de poder desenvolver un traballo digno combinado coa rutina diaria. Actualmente participa nun proxecto impulsado por Bea López Jerez no que se reclama unha maior presenza da muller artista a partir dos corenta anos. Un regalo para Natalia, xa que o contacto permanente con outras mulleres artistas e o coñecemento de diferentes situacións e circunstancias fai que medre como artista.
Un regalo para nós tamén poder compartir boas faladoiros artísticos xunto a esta muller cargada de enerxía positiva.