Laura Delgado, premio Artesanía de Galicia 2022: “Haberá xente que teña as miñas pezas como adorno, pero a min gústame que se utilicen”
Por Silvia Castiñeiras
Artesanía de Galicia vén de recoñecer nos seus premios 2022 o traballo e enxeño daquelas persoas que se esforzan pola creación de calidade, partindo dunha paixón á que lle engaden un gran compoñente creativo e tacto na elección de materiais. É o traballo das persoas artesás, esas que lle dan sentido ao noso, ao feito aquí cunha pegada persoal, as que converten unha peza en única e o seu lugar de produción, en excepcional.
Laura Degaldo leva co seu taller de cerámica utilitaria en Cambre dende 2015, colaborando con diferentes cociñeiros e cociñeiras galegas de prestixio. É a creadora de ‘O mundo do revés. Coctelería peliqueira’, unha colección de vasos para cóctel que imitan o concepto dos chamados vasos tiki da cultura polinesia, pero desta vez decorados con motivos dos personaxes do entroido tradicional da provincia de Ourense.
Que significa para ti este premio de Artesanía de Galicia?
Significa un recoñecemento. Levo 3 ou 4 anos presentándome, xa fora finalista, e que recoñezan o teu traballo é moi gratificante. Por un lado, é un premio ao esforzo porque intento realizar pezas que se saian do que fago habitualmente no taller. Por outro lado, como a peza está ligada igualmente á cerámica utilitaria e á hostalería, ámbito no que me desenvolvo, tamén se premia o traballo en xeral do día a día.
E como chegaches a este vaso tiki á galega?
A idea inicial non era para presentar en ningún sitio. Cando teño algo de tempo trato de pensar nalgunha peza novidosa, como dicía, que se saia do habitual. Comecei a barallar o dos vasos tiki, pero non lle atopaba un significado claro nin entendía moi ben por que se lle poñían unhas máscaras determinadas. Non atopaba moita información, pero investigando descubrín unha historia curiosa de como naceu a coctelería tiki e cheguei ao meu dilema: e eu que lle poño aos vasos?
É dicir, foi un proxecto que se alongou no tempo…
Si, durante un montón de tempo dinlle voltas á historia. Noutro momento atopei un perfil de fotografías de máscaras de tradición animista e aí uníronse as dúas ideas. Despois, aínda estivo o tempo de execución porque facer unha peza leva moito. Empecei cun deseño máis redondo que quedaba moi infantil e logo fun chegando a liñas máis xeométricas. Pasaron meses dende que imaxinei a peza na miña cabeza ata o resultado final. Ademais, interviñeron outras persoas do equipo, o cal enriquece esa idea de base.
O vaso xa se comercializa?
Si, non é exclusivamente para un certame, é para o público. Xa preguntaron por el e mesmo teño lista de agarda, pero iso xa vén sendo habitual (risas).
A que se debe o título ‘O mundo do revés’?
Esa frase atopeina varias veces para referirse ao Entroido en xeral dende as súas orixes, onde non hai normas e todo se permite, sobre todo noutros tempos onde todo estaba moi regulado. Gústame a idea, porque ao final sempre vivimos rodeados de normas.
Hai pezas que parecen intocables, pero o vaso pódese usar non?
Si claro, tanto esta peza como todas as que fago son para utilizar. Todo no meu taller é utilitario e emprego materiais e técnicas que así o permitan. Se os pratos ou vasos aguantan o tute dun restaurante teñen que aguantar o da casa. Eu fago pezas para que se usen, haberá xente que as teña como adorno, pero a min gústame que se utilicen.
Gustou moito a túa presentación. Que importancia ten o envoltorio?
Creo que é importantísima a presentación. Sempre mola máis que che entreguen unha peza nunha caixa ou bolsa chula que, como antes, en papel de periódico (risas). Para presentar esta peza ocorréronseme moitas ideas, incluso pensei en entregar un libriño ou unha tira de cómic para contar a historia. Pasaron moitas cousas pola miña cabeza, pero resultábanme inviables e quedei con elementos máis prácticos, pero moi bonitos. A bolsa quedou moi ben.
Que supón para ti a marca Artesanía de Galicia?
É un aval sempre. Xa nos inicios é un gran apoio, e xa non digo económico, senón que fan un labor moi importante de márketing externo, con feiras internacionais e eventos nos que mostran o teu traballo e che dan visibilidade. Creo que Artesanía de Galicia é un exemplo de como actuar e, de feito, penso que ten gran relevancia a nivel nacional. Estoulles moi agradecida.
CARMEN RIVEIRO FERREIRO – PREMIO TRAXECTORIA 2022
Toda unha vida dedicada ao compromiso cos valores da artesanía ben merecen este recoñecemento. Carmen Riveiro (Carreira-Zas, 1949), gañadora do Premio Traxectoria 2022 de Artesanía de Galicia, é un pouco de todo: artesá, divulgadora, formadora e emprendedora. Pero, sobre todo, é unha das persoas que máis contribuíu nas últimas décadas á recuperación e promoción da artesanía do liño en Galicia.
Neste labor de recuperación da tradición vinculada á artesanía téxtil do liño tivo un papel importante a veciñanza de Zas, de onde é Carmen e onde promoveu en 1993 a asociación Amigos do Liño. Desta primeira iniciativa e froito do seu traballo entusiasta xurdiu posteriormente o obradoiro artesanal Liño de Galicia, que na actualidade xera unha importante actividade económica na zona en todas as accións de produción: tecidos, acabados, confección, complementos ou encaixes. Ademais, continúa con ese cometido divulgativo, organizando desfiles ou distintas iniciativas en centros educativos.
JULIA PÉREZ VILARIÑO – PREMIO BOLSA ELOY GESTO 2022
Julia Vilariño (Pontedeume) é a titular do obradoiro de sombreirería que leva o seu mesmo nome. Ela é a gañadora da Bolsa Eloy Gesto, que lle permitirá ampliar a súa formación artística con tres artesáns de referencia no eido da sombreirería tanto en Galicia como en España e Europa. Con esta axuda, incluída nos Premios Artesanía de Galicia, facilítaselles a persoas como Julia que poidan afondar nas metodoloxías de traballo e nas diferentes técnicas da súa especialidade.
Hai un ano que se lanzou co seu proxecto, despois de diversas ocupacións como foi o eido social (estudou Traballo Social na USC). No 2018 coñeceu ao artesán Félix Martín e comezou a formarse nisto de crear sombreiros, tomando a decisión de dar un xiro na súa carreira laboral.
En 2021 lanzou a súa primeira colección, titulada Folklore, con nove pezas que levan cadanseu nome dunha danza do repertorio do grupo de baile tradicional ao que pertenece a creadora. Dúas paixóns unidas.
SANTIAGO BESTEIRO DESIGN – FINALISTA PREMIO ARTESANÍA DE GALICIA 2022
Un dos tres proxectos finalistas dos Premios Artesanía de Galicia 2022 está asinado por Santiago Besteiro (Monterroso, Lugo). A súa creación titúlase Chantos, un conxunto escultórico realizado con coiro moldeado e ratán (planta que se utiliza na confección de obxectos).
O traballo ten moito que ver co entorno natural no que se move o autor e a súa identidade. Baseouse para esta peza nas tradicionais pedras que pechaban os terreos no rural galego.
Partindo desta idea e tomando o coiro como material principal, o autor tentou atopar novas linguaxes expresivas dentro da artesanía contemporánea. O modelado do coiro e a inclusión do ratán na intervención dan lugar a estas dúas esculturas que parecen emerxer da natureza amosando perennidade, unidade e forza.
No proceso, Santiago conta que foi facendo varios bosquexos con diferentes tipoloxías de pedras na busca dunha simplificación das formas que eliminase os ángulos e lle permitisen facer unhas pezas con forma agradable visualmente. O resultado: pezas contemplativas e relaxantes.
RAÍCES NÓMADAS – FINALISTA PREMIOS ARTESANÍA DE GALICIA 2022
Baixo o título Crioulo atopamos un bolso de man realizado con técnicas mixtas que se basean na “soguería criolla” (artesanía en coiro cru orixinaria de Arxentina) e marroquinería europea. É outra das pezas finalistas, desta vez saída do obradoiro Raíces Nómadas con Ezequiel Franchi (Ribadeo, Lugo) á fronte.
A elección dos materiais e as distintas técnicas empregadas teñen unha razón de ser, plasmar unha fusión de culturas. Neste senso, di o autor que a súa obra Crioulo é a síntese da historia tan ligada entre Sudamérica e Galicia, xuntando así técnicas propias dun e doutro lado. Un resumo, afirma Ezequiel, do sentimento que ten como tantas outras persoas, fillas, netas ou bisnetas de migrantes, recollendo sabiduría de ambos mundos.
Na composición da peza o coiro cru da asa supón unha representación fiel da cultura gaucha, mentres que a pel de curtido vexetal utilizada para o corpo do bolso é característica de España, cun tacto suave e liso que contrasta co trenzado.
VERÓNICA MOAR – FINALISTA PREMIOS ARTESANÍA DE GALICIA 2022
Con In Itinere (“no camiño”), Verónica Moar (A Coruña) propúxose sacar do seu obradoiro unha peza que rendera homenaxe aos oficios como un dos patrimonios máis importantes da cultura popular galega. O concepto poético desta obra valeulle un lugar destacado nos Premios Artesanía de Galicia 2022.
O proxecto está composto por tres pezas de cerámica, ás que hai que engadir o importante papel da súa presentación. E é que Verónica Moar instalounas sobre dúas estruturas deseñadas a propósito.
Unha das pezas é o canabarro para transportar o viño, realizado con barro de Buño. Outra delas é a cántara, inspirada nos recipientes de gran tamaño que as mulleres asentaban sobre as súas cabezas para levar a auga da fonte, o leite… E atopamos tamén a ámboa, centrada na figura da persoa que se desprazaba de aldea en aldea para ocuparse da vaixela rota, uníndoa con arames a modo de grampas.