Crusat & Costas: Corga 2019
O val do Bibei no lugar que merece
Por Lorena Costas @lorena_costas
Semella que ultimamente non saímos da provincia de Ourense, eh? É que, das cinco Denominacións de Orixe que existen en Galicia, catro se asentan en territorio ourensán, ou de xeito íntegro ou en gran parte. Pois ben, unha vez máis quedámonos pola provincia, e volvemos á subzona Quiroga-Bibei, dentro da D.O. Ribeira Sacra. Recoñezo que o Val do Bibei me ten namorada dende hai moito e, en cuestións de viño, cada vez aparecen cousas máis interesantes. A ventilación da zona, montañosa e elevada, permite obter viños frescos e sans, fuxindo de elaboracións máis potentes e extractivas: o Bibei é un mundo de microclimas dentro da D.O.
Nesa zona é onde Benigno Pereira creou a súa Adega, Pereimós 2007 (máis coñecida pola Adega da Corga) fai escasamente sete anos. Benigno tamén é coñecido por ser o propietario da Queixería Bama, así que a súa traxectoria profesional, ata ese momento, pouco tiña que ver co viño. Mais Benigno comezou no mundo vinícola, como el di “por vicio”, probando un viño de Trives na Viña de Xabi (ai, cantos de nós lle debemos tanto á Viña de Xabi!) Entón, no 2010 mercaron unha finca na Pobra de Trives de 35 hectáreas, cun pazo do s. XVII. Acondicionaron o espazo da adega e plantaron todo de novo, todo Brancellao, que traballan en ecolóxico; unha caste minoritaria da que vos falará Crusat.
Non imaxinaba Benigno que catro anos despois da súa primeira colleita (2017-18), en plena pandemia, chegarían os recoñecementos dos críticos do sector, sobre todo do seu Brancellao, o primeiro viño galego ecolóxico en apareceres na Guía Parker. Benigno traballa outras variedades, como a Mencía e variedades brancas e comenta que as ladeiras do Bibei, no s. XIX producían arredor de dous millóns de quilos de uva ao ano, a diferenza dos 200.000 quilos da actualidade. Iso dá unha idea do importante que foi o Bibei hai anos e do interesante labor que fan os viticultores da zona intentando recuperar esa época de esplendor. A meirande parte desas ladeiras son comunais; o que quere dicir que non se sabe de quen son e, polo tanto, non se poden inscribir no rexistro vitícola: Benigno comenta o complicado que é a burocracia para poder poñerlle solución a ese problema, “é unha pandemia máis”...
Sen dúbida un viño para compartir, e agora que vén o outono... cunhas castañas asadas!
E a mencía xuntouse co queixo
Por José Crusat @choumimx
Tiramos outra vez para as terras de Trives, de montañas e viñedos en ladeiras con socalcos de viñedos mesturados con bosques de castiñeiro antigos. Terra que cativou o propietario da adega que uniu as terras de Touro, a produción de leite coas montañas e o mundo do viño.
O viño do que falamos hoxe é elaborado con mencía 100% de uva mercada a viticultores da zona, xa que a aposta persoal de Benigno Pereira foi diferenciarse do resto da Ribeira Sacra non só pola terra e a paisaxe de Trives, senón tamén pola uva principal que emprega nos seus principais viños tintos, a brancellao. Esta é unha uva minoritaria dentro do mar de Mencía nas terras galegas do interior. Trátase dunha uva de menor rendemento polo que foi desprezada en por de maiores produción. Ademais, é unha uva de ciclo longo, polo que necesita largos períodos de bo tempo para madurar adecuadamente, e en anos máis frescos e de choiva sofre tamén coa podremia.
Como dixemos este é un viño elaborado con mencía, seleccionando manualmente os bagos na viña. Posteriormente macera en frío durante un tempo previa á fermentación en depósitos de aceiro inoxidable. Despois dun tempo en repouso, fíltrase xusto antes do embotellado.
E imos coa nota de cata de este viño. Que é a imaxe viva dunha mencía pura. De cor vermello granate, no nariz é de intensidade alta, con marcados aromas a froitas vermellas frescas, coma framboesa, cereixa e amorodos. Na boca é fluído na entrada, fresco e con estrutura, de trago largo e persistencia, outra vez froita vermella con certa acidez. Un viño de beber e desfrutar por si só sen máis. E imos tamén a maridalo! Aposto por unha tortilla e como prato máis elaborado intentarei unir os mundos do propietario da adega: unha tosta feita con fariña de castaña, o seu queixo Bama, uns flocos de cebola fritida e ovas de salmón.
FICHA TÉCNICA:
Adegueiro: Adega Pereimós 2007
D.O.: Ribeira Sacra – Subzona Quiroga- Bibei
Variedades: Mencía
Grao: 13º
Colleita: 2019
Prezo: En torno aos 10€
Fotografías: Iván Barreiro