César Rodríguez Castiñeiras, de Granitos San Clemente: “Os materiais que utilizo resultan curiosos para restauración, están lonxe do tradicional”
Por Silvia Castiñeiras
César é a cuarta xeración de Granitos San Clemente, empresa familiar fundada fai 70 anos como un tradicional taller de cantería. Foi el quen hai un par de anos decidiu darlle unha volta ao negocio e comezar a explorar outras posibilidades ao redor da pedra máis alá dos seus usos típicos. Así naceu unha nova liña de traballo que veu complementar a súa oferta e que pronto deu os seus froitos.
Por que se caracteriza esta nova liña dentro do negocio familiar?
Mentres meu pai continúa en activo co traballo máis tradicional, eu quixen facer cousas distintas ao negocio de toda a vida e adentreime na creación de obxectos para a hostalería e a decoración, utilizando materiais aos que non se lles daba ese uso. O que máis me gusta é buscar materiais novos e diferentes e facer cousas que pretenden ser únicas, darlle vida a esas pedras que están mortas. Tampouco preciso grandes pedras.
Cales son esas pezas en concreto?
Fago sobre todo pratos e despois voume adaptando ás necesidades dos cociñeiros cos que traballo porque eles sempre van máis alá dos típicos pratos redondos. Fago outras formas e con distintos acabados, tanto naturais como pulidos. Sobre todo fago iso, utensilios de cociña, pratos fondos, repousa cubertos… E por outro lado temos xa elementos de decoración como lámpadas ou xaboeiras.
Entón tes estreita relación coa restauración…
Si, segundo vou traballando coa hostalería e eles van tendo ideas eu vou pensando en novidades e dándolle voltas… Pregúntome, e por que non facer isto coa pedra? Os materiais que utilizo resultan curiosos para a restauración, son pezas que están lonxe das porcelanas e ese tipo de materiais e gustan moito por iso mesmo, e polo tacto que teñen. Iso si, son algo máis pesados que as vaixelas tradicionais pero tamén estou traballando en reducirlle algo o peso. Agora mesmo teñen pezas miñas en Culler de Pau, en Albante de Pablo Leite, na Tafona de Lucía Freitas e tamén fago pezas para Pepe Solla.
Que che supón pertencer a Artesanía de Galicia?
Dálle unha serie de oportunidades aos artesáns de Galicia que non teríamos de maneira particular. Sería imposible por nós mesmos acceder a esa visibilidade e protección da que gozamos con Artesanía de Galicia. Ademais, individualmente sería inviable esa capacidade para estar presente en feiras.
Onde podemos mercar as túas pezas?
Os artigos de cociña só se venden no noso obradoiro de Cuntis, aínda que estou a traballar nunha tenda online. En canto a outras pezas xa de decoración, temos presenza en tendas como Boles, en Santiago, ou AO Domini, en Ourense.
Fotos cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia.