Crusat & Costas: Tino 2018
Homenaxe á perseveranza
Por Lorena Costas @lorena_costas
Aínda que neste número ficamos de novo no Ribeiro, imos falar dun viño realmente especial: Tino, de Manuel Formigo. Manuel, Cholo, para os amigos, responde á figura tradicional no Ribeiro, chamado “colleiteiro”, o que significa que só pode elaborar uns 60.000 litros de viño ao ano, e as uvas deben ser de colleita propia. Manuel viviu a viticultura dende neno, pois seu pai foi colleiteiro, e tamén formou parte dunha adega industrial no seu día. Foi a partires do 2006 cando volven á orixe, comezando a elaborar viños propios, nunhas seis hectáreas de terreo onde cultivan practicamente todas as variedades do Ribeiro.
Mais, hai unha que posiblemente case a ninguén lle soe, unha variedade da que só existe un viño monovarietal, unha uva que só veremos no Ribeiro, e da que vos falará Crusat largo e tendido: a Albilla do Avia. O viño do que falaremos está elaborado cun 100% desta variedade, que a piques estivo de extinguirse. Grazas a seu pai, Agustín Formigo Raña, coñecido como Tino, e que nos anos 80, ademais de viticultor, era viveirista, e a replantación de viñas de Albilla do Avia, a variedade non morreu . A partires de 2006, cando Manuel Formigo, o fillo, monta a adega nova, comezan a interesarse máis en profundidade pola variedade, e dende o ano 2016 elaboran un viño monovarietal que, como non, leva o nome do pai: TINO.
Manuel, asesorado sempre polos seus pais, traballa exclusivamente as súas propias uvas, o que lle permite controlar integramente o proceso de elaboración: todos os traballos se fan, como el di, “en familia”, o que lle aporta unha personalidade única.
Tino 2018, de tirada escasa (menos de 700 botellas) destaca por ser un viño cunha elegante acidez e concentración, moi expresivo e envolvente. O nariz, cítrico, pero tamén con notas de herbas de infusión, delicado, sutil; cunha boca que sorprende pola súa complexidade e elegancia; sen dúbida un viñazo. O viño catado por nós foi o 2018, mais tamén tedes o 2019 nas tendas! A que esperades? Agora vén o tempo de tomalo cun arrociño caldoso de marisco, bulide!
Aposta de familia
Por José Crusat @choumimx
Non saímos do Ribeiro e estamos ante uns dos referentes do colleiteiro neste territorio. Unha adega pequena pero que defende o territorio e a busca da identidade sen intervención innecesarias nin na viña nin na elaboración. Que é referente na recuperación da variedade Albilla do Avia.
A Albilla do Avia é unha desas variedades antigas que existían no territorio galego, case esquecidas e que por sorte ou po mor dunha persoa non se extinguiron. Este ultimo é o caso desta uva, recuperada polo pai do dono e colleiteiro Manuel Fomigo, TINO, que observou esta variedade nunha antiga leira dos seus avós, e sendo viveirista púxose a reproducila. En recentes estudos xenéticos e ampelográficos determinouse que se trata dunha nova variedade de uva que non ten que ver con outras coñecidas. Pero aquí e onde nos atopamos coa “burocracia” xa que non está recoñecida oficialmente (aínda que na última fase) e, polo tanto, non pode empregarse para facer viño excepto na DO Ribeiro aínda que sen mencionar o apelido “do Avia”. Na mesma situación atópanse outras uvas en proceso de recuperación, e moitas outras que nin se iniciou o proceso que que se atopan nalgún sitio da Galicia esquecidas.
É unha uva que produce viños de acidez e gradacións medias, brotación máis tardía que o albariño, e producións maiores a este e similares á treixadura.
Viño fresco, fino, agradable de boa aromática. Presenta unha cor amarela palla con reflexos de cor verdoso. Cun nariz intenso, persistente, aparecen herbáceos e aromáticas, cítricos tamén. Finalmente en boca é fresco, equilibrado, persistente, cítrico e novamente notas de herbas.
E imos papar algo con este viño. Coma o tempo vai pasando, comeza a tempada de verduras frescas, e temos algo máis de soliño que invita á barbacoa e ás brasas. Por iso propoño que tomemos este viño cuns espárragos ou uns tirabeques grellados, que acompañarán perfectamente a unhas zamburiñas á brasa, ou unhas navallas abertas ao seu calor. E que tal se lle botamos un chisco de mazá moi picadiña ou un zume de mandarina para darlle frescura?
FICHA TÉCNICA:
Adegueiro: Manuel Formigo
D.O.: Ribeiro
Variedades: Albilla do Avia
Grao: 12,8º
Colleita: 2018
Prezo: En torno aos 19€
Fotos: Iván Barreiro