fbpx

Inés Penelas: “Nos uniformes para a hostalaría busco estética e funcionalidade”

Foto cortesía de Artesanía de Galicia.

Inés Penelas é unha peleteira con máis de tres décadas de experiencia ás súas costas. Desde fai un ano e medio traballa co mundo da hostalaría, creando mandís e outras vestimentas que destacan polo seu deseño, calidade, funcionalidade e comodidade. As súas coleccións adáptanse ás necesidades dos restauradores e dos seus modelos de negocio, creando pezas personalizadas e que contan coa marca de Artesanía de Galicia.

Cando e por que comezou a túa relación coa gastronomía?

Un día empecei a pensar no mundo dos uniformes, que creo que nunca se lle deu tanta importancia como deben ter, porque é algo que necesitas todos os días no teu traballo. Comecei co mundo da estética e desde fai un ano e medio incluín a gastronomía, que é unha das miñas paixóns, unha vocación frustrada. E a verdade é que estou moi contenta da boa acollida que ten o proxecto.

Que destacarías dos teus deseños?

Unha das miñas maiores inquedanzas é a aposta pola innovación e a tecnoloxía, por iso investigo sobre materiais como tecidos reciclados, sostibles e ecolóxicos, de fibra natural cen por cen de orixe vexetal… Teñen ademais unhas características que van moi ben á restauración como é que son antibacterianos, que dan menos calor, que non se engurran…

Busco estética pero tamén funcionalidade. E como boa peleteira, sempre trato de incorporar algún desmontable, como tirantes de coiro, petos…

Por outra banda, a miña produción é local e ética. Traballo sempre con obradoiros galegos, como Confecciones Maime. Colaboro tamén cun taller de mulleres en situación de vulnerabilidade. Creo que é importante que nos axudemos entre todos e seguir loitando porque haxa máis talleres aquí en Galicia, porque moitos están en perigo de extinción.

Por que é importante que os restauradores coiden a súa estética?

Eu creo que hoxe máis que ir comer a un sitio, imos vivir experiencias. Valoras todo: como te serven, como te atenden, como van vestidos… É importante o conxunto de todas as cousas. Á parte de que nos dean unha comida rica e ben presentada, a imaxe de quen nola serve ou prepara debe ter unha sintonía, ser todo acorde.

Que supón para ti contar coa marca de Artesanía de Galicia?

É un orgullo. Paréceme que é unha maneira de chegar a moitos máis sitios. Coidan e miman moito o produto, o xeito de presentalo. Supón unha gran axuda que temos que saber aproveitar e valorar. Creo que están facendo unha labor importantísima.

Onde podemos atoparvos?

Estamos en Miguel de Cervantes, 12 (Lugo) e en Instagram como 2iuniformes.