fbpx
CulturaEntrevistasGaliciaNovas

A Pedreira: “Sinto que cando vou a algún lugar cantar hai unha forza máis poderosa que a de entreter”

A Pedreira está a traballar no seu novo álbum, ‘Basal’. Foto: Yas de Luaces

Recordo que a primeira vez que falamos desta entrevista foi hai case un ano. As dúas eramos finalistas dos Premios da Crítica de Galicia e sentáronnos ao lado. Ela gañou na categoría musical e cando chegou a miña quenda, sen coñecerme de nada pero sabendo polo que estaba alí, apuntoume co seu premio como querendo dar sorte. E aínda que non funcionou -Pincha foi finalista como proxecto gastronómico- quedei moi agradecida por ese xesto dunha artista referente da nosa música.

Ugia Pedreria, A Pedreira -que é cantante, compositora, escritora e psicóloga- iniciou a súa carreira musical no 1995. Formou parte dos grupos Chouteira, Nordestinas e Marful; ademais de botar a andar aCentral Folque, entre outros proxectos e colaboracións. No 2021 lanzou o seu primeiro disco en solitario, ‘Segmento cantábrico’, e agora estalle dando forma ao que será o seu segundo traballo ‘Basal’.

Fálanos de ‘Basal’, o teu segundo proxecto en solitario despois de ‘Segmento cantábrico’. Cando sairá á venda e que imos atopar nel?

Certo, é o meu segundo proxecto “solitude” Basal, bem acompañada de Arturo Vaquero e Guadi Galego en co-produción e con colaboracións amigas. Non sei ben cando vai saír, tampouco teño présa, cando saia será o momento idóneo. Vai desde o canto popular  da miña mai Isabel do Roxego, até a nova forma de sentir a música da miña nena Lua Avel. E eu no medio de esta liña xenealóxica. Ides atopar cancións miñas coma sempre, mas o importante é a proposta particular de escuita. O cesto de cancións leva un fío condutor sonoro. Como penso que se pode escoitar o son na casa patrucial de meu pai estando sentada na cociña. Ao completo sería unha estampa sonora desde un espazo concreto. E nela hai cancións que son pratos de gastronomía diversa a comer tambén por separado também quem quixer. Sinto unha urxencia de atencionalidade: refírome a revisar o trato do noso primeiro sentido, o ouvido. Podemos reflexionar sobre a nosa atención? Podemos variar a nosa forma de escoitar? Paréceme básico, basal.

O proxecto incluíu tamén un obradoiro online de escritura creativa. Vaise repetir? Que che aporta a ti esta faceta didáctica? 

Con Lidia (a escritora Lidia Luna) atopámonos como amigas e logo investigamos formas de contar e cantar sobre as baleas, a BaleaNOrte. Logo veu o obradoiro de escrita creativa ‘O Basal desde unha perspectiva compartida’, a de psicólogas.  Comezamos pola osteopatía das cancións para logo centrarse no seu poder mais intrínseco, na toma de consciencia co que se di, como se di, ou non se di. Cal é a idea, o valor, o sentir da construción creativa,  como conecta con detalles da nosa vida e pode axudarnos a avanzar. É unha das vías deste álbum.  Seguiremos facéndoos.

Despois dunha longa traxectoria, deixaches durante uns anos os escenarios, ata que decides volver no 2020. Por que? Que é o que botabas de menos?

Volvín con Uxía, chamoume para un proxecto bonitísimo que continua de xira por España, ‘Enredadas’ con Martirio e Carmen Paris. E mentres, tiven moitas vivencias noutro tipo de palco. Por exemplo, coa Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento con Marina Oural que laboramos arte-saúde, comunidade rural, diversidade artística e funcional. Mesmo agora estamos na preparación da xira nova da amiga Guadi Galego e noutras lides.  Sigo con parcerías varias. Os encontros e concertos selvaxes coas miñas amazonas Erikas que transformamos cancións populares e falamos da vida.

Agora que mo preguntas, supoño que a construción escénica dun proxecto musical foi o que me chamou.  Comunicar ideas no espazo escénico neste caso a través da música, do movemento, da palabra. É un xogo de infancia, de nena solitaria imaxinando interpretacións posibeis. Isto é non perder de vista o lume interno. Tamén viver o reto, as aventuras da ruta.

Por que volver como A Pedreira e en que cambiaches?

Agarreime a seguridade do apelido, un topónimo ben coñecido e próximo. Deixei o escenario común sete anos, co que iso implica a volta para quen quere entender. Escrivin algún poemario autoeditado. Fixen o disco da comuna del Barruzo en galegoasturiano. Formei un coro, unha asociación para aunar abrazos entre Galiza e Asturias a través do canto, estiven en inmersión coa diversidade funcional a moitos niveis e iso dá magna información do cerebro human. Formeime, estudei, no corpo tamén, escrivin e agora axudo a outras persoas na súa presencia escénica, axudo a compoñer cancións, á xestión emocional desta nora de profesión. Por todo isto cambiei bastante. Teño maior campo visual e capacidade de improvisación nun concerto. Doume conta de mais cousas, do que está pasando acima e abaixo do escenario. Sinto que cando vou a algún lugar cantar hai unha forza mais poderosa que a de entreter, pasar o tempo, parece que teño unha función mais rica e cun feedback mais rico ante un público, que tamén son. Sinto en algún caso como se abre algo nos corpos que teño afronte ese momento é estremecedor desde o meu lado. E afortunadamente sigo descobrindo, e sigenme descobrindo.

No 2022 recibiches o Premio da Crítica de Galicia na categoría de Música, un galardón que viña a destacar a túa aportación á industria musical. Que supuxo para ti?

A semana pasada souben que recibira o Alfredo Iglesias da Música. Sabes? Son persoa de agasallar, de eloxiar e botar piropos, e de recoñecer o labor dos demais e da visibilización do mercado. Cando saco un álbum como ‘Segmento Cantábrico’ ou como ‘Basal’, aseguro que vai cosidiño titulo, idea, deseño, música, escena… Todo ten un cosido que vai mais alá do gosto e das fabricas musicais. Para min o álbum é un livro carregado de pensamentos sonoros e leva una Nova de Trasmison Social, que é o lazo profundo que envolve toda creación.

A música galega está a vivir un moi bo momento cunha nova xeración de artistas que están a chamar moito a atención (Tanxugueiras, Mondra, Fillas de Cassandra…). Que opinión tes do momento que vive a nosa música e que influencia cres que tiveches ti e outras artistas neste éxito?

Esta pregunta encántame porque se me repite desde 1995. Ao meu modo de ver a música galega ten un continuum. Para min como amante da historia da música do noso país, paréceme toda e en cada momento interesante e útil. Entendo que cada xeración pensa que é o momento culmen da historia do planeta. Segundo o meu parecer daría a mesma importancia a todas as xeracións pois cada unha deixou pousos de coñecemento. É normal que artistas mais vellos deixen relevo aos novos, e así nunha roda eterna, se non fose así habería que preocuparse. Somos herdanza doutras vidas, músicos que vimos do que deixou Meendinho, o Camiño de Stgo, Adalid, a música nas aldeas, nos portos, as autorías… En Galiza alomenos temos bons feixes de legado patrimonial non só o da señora coa pandeireta na mao. Iso é unha porcentaxe ao lado doutras manifestacións musicais da galeguia. Encántame este momento de moda coas músicas tradicionais, aumento das vendas dos instrumentos, das aulas de baile, nesta vida vin como medrou e por que. Sigo sendo feliz se atopo cantos de taberna non organizados en calquera lugar da xeografía e son moi fan da expansión que colleu a regueifa.

Adiquei muita enerxía ao ensino e xestión cultural da música galega, e tamén adicoa á creación diariamente, en principio pola miña saúde mental e física e pola necesidade que teño de explorar, aventurarme, axudar, comunicar determinados aspectos artísticos que ás veces non se ven. Se a alguén lle sirve é xenial, e se ademais agradece, eu celebro, claro. Entón o círculo de compartir vai en paz.

Ademais do disco, tes máis proxectos previstos para os vindeiros meses? 

Poñer en marcha comunicación e produción coa equipa de Nordesia lévanos tempo, finura e enerxía da que rima. Na web pódese ver as diferentes andanzas e parcerías de dentro cara a fóra: www.apedreira.eu

Mas nos vindeiros meses espero reestruturarme dun duelo,  estar mais tempo de calidade soa, aboiar moito de deusas, e coidar de meus pais, de Lua, cultivar a miña horta particular.

A Pedreira.
A Pedreira. Foto: Nachok

ENTRE FOGÓNS

Gústache cociñar?
Muito.

E ir de bares?
Tamén mas xa non o fago apenas.

Con que prato poden conquistarte?
Cun guiso de verduriñas da horta que estexa feito con lentitude, concentración e amore.

A que bar/restaurante procuras ir cando visitas Compostela?
Varío, non teño nada fixo, exploro. Fun moi feliz no muiño do Lermo. Cada vez máis valoro a relación do espazo-coa natureza para estar comendo ou conversando. Ese lugar sinxelo á beira do rio é un descanso da pedra.  (non sei se tá aberto….)

Un recordo gastronómico da túa infancia
O caldo galego de cor branca da señora Angelita (supoño que con unto e soá). A esa casa era onde me escapaba polo caldo e para vela bailar e cantar a jota.

A quen convidarías a comer?
A un grupo de artistas de diferentes países que sexan tan flipados coma min das jam sesions improvisadas de verdade. Para facer a festa free free despois. Expresarse sen normativas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.