GastronomíaOído, artesanía!

Pablo Rodríguez, Artesanía Armaior: “Unha vez que consegues dominar a oliveira, tes éxito”

Pablo Rodríguez é o fundador da marca de artesanía Armaior, que xestiona xunto coa súa muller, Anabel Couto. Dedícase á fabricación de utensilios de cociña en madeira de oliveira, moi apreciada polo difícil que resulta de traballar. Tamén fan obxectos de decoración.

Como chegastes a elaborar utensilios de cociña?

Vimos dunha familia de carpinteiros. Empezamos co moble tradicional galego no 1999. No 2008 coa crise era difícil captar clientes que souberan apreciar o moble artesanal por encargo e tivemos que reiventarnos.

Que teñen de especial os vosos obxectos?

O espectacular da madeira da oliveira. É a idónea porque é moi dura e antibacteriana. É moi resistente e aguanta a calor. Ademais non hai moitos artesáns que a traballen porque é difícil de secar. Hai que mimala moito, pero unha vez que consegues dominala, tes éxito.

De onde vén?

Nun 20% vén don Val de Quiroga. O resto, do Val do Ebro (Logroño, Castellón, Tarragona, Teruel). É madeira de poda, madeira “farga”, as famosas ‘Oliveiras milenarias’. Son troncos inmensos.

Canto tempo tardades en facer as pezas?
É un proceso laborioso. Unha vez que se poda o tronco e escolles o que queres, o ideal é que estea un ano ou dos ‘estabilizando’, é dicir, que estea á sombra para perder á humidade. Tamén unha vez feitas as pezas, hai que deixalas secar.

Unha táboa de cortar pode tardar ata 3 anos desde que se poda a árbore ata que chega ao cliente.

 

Cales son os obxectos con máis éxito?

Táboas de cortar, que custan 20 ou 30 euros, porque nos adaptamos a un poder adquisitivo medio. Valen para calquera casa. Tamén teñen moito éxito os crebanoces de panca, cuncas para ensaladas, de pan, xogos de cubertos…

Facedes pezas tamén para Estrelas Michelin. Que é o que máis lles gustan aos cociñeiros dos vosos utensilios?

Sobre todo coñecen a calidade da madeira da oliveira os cociñeiros do Sur de España. Aprecian que sexa dura. En Galicia temos que explicar un pouco máis as calidades.

Que supón para ti contar coa marca de Artesanía de Galicia? 

Penso que están facendo as cousas moi ben. Danche prestixio. Organizan feiras e tes que estar aí. Se queres tirar cara a calidade, tes que estar en Artesanía de Galicia.

Onde podemos adquirir os teus produtos?

Temos tenda física no Lugar de A Toca (preto de Quiroga) e na web artesaniaarmaior.com