fbpx
A CoruñaCulturaNovas

O ciclo TRC Danza arrancará o 19 de abril coa estrea de Anöa de Elvi Balboa no Teatro Rosalía de Castro

Paulo Rodríguez, Gonzalo Castro e Jacobo Sutil. Foto: Concello da Coruña

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade da Coruña, Gonzalo Castro, presentou a programación do ciclo TRC Danza de Primavera e Outono, que está composto dun total de 13 obras contemporáneas que se representarán entre abril e novembro no Teatro Rosalía de Castro, agás unha delas, de contido infantil, que terá lugar no Fórum Metropolitano. Castro estivo acompañado por Jacobo Sutil, director do Agadic, e polo director do Rosalía, Paulo Rodríguez.

“O Goberno de Inés Rey volve apostar un ano máis por unha programación de danza de primeiro nivel, que volverá a un dos escenarios máis prestixiosos de Galicia como é o do Teatro Rosalía de Castro”, indicou Gonzalo Castro. A programación de TRC Danza divídese nas temporadas de primavera, con oito funcións, e de outono, con outras cinco.

TRC Danza comezará o vindeiro venres 19 de abril coa estrea absoluta de ‘Anöa’, de Elvi Balboa. Neste mes de abril realizaranse outras dúas sesións: ‘Multiperspectivas#2‘, o venres 26 de abril, e ‘É difícil fotografar o baleiro‘, o sábado 27. En maio realizaranse as outras cinco funcións desta parte do programa, mentres que o ciclo de outono comezará en setembro. Pódese consultar aquí o programa completo.

Todas as funcións se representarán ás 20.30 horas e haberá, tal e como se indica no programa completo, dous prezos: unha de 12 euros e outra de 8 euros. Haberá tamén a posibilidade de adquirir abonos e bonificacións para diferentes colectivos, como é habitual. As entradas e abonos xa están á venda en Ataquilla e nos despachos de billetes da praza de Ourense e do propio Teatro Rosalía de Castro. Coa organización do TRC Danza colaboran o circuíto estatal Danza a Escena e Agadic.

Proxecto de mediación cultural

Desde o ano 2014 o Teatro Rosalía Castro acompaña o seu programa anual de danza TRC Danza cun proxecto innovador de mediación cultural e programación expandida. Este proxecto articula mecanismos de relación entre as e os artistas convidados e a cidadanía da Coruña coa intención de xerar un contexto na cidade que poña en valor a danza e as artes do movemento. A través de diferentes actividades, pensadas en colaboración con distintas comunidades e colectivos da cidade, poderemos coñecer de forma máis profunda os universos artísticos das compañías convidadas así como reforzar os seus vencellos coa nosa cidade. Colaboran co Concello nesta iniciativa o Centro Coreográfico Galego e o Agadic.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.