fbpx
GaliciaNovasTurismo

Arranca a produción de 3Caminos, unha serie sobre o Camiño de Santiago que se emitirá en máis de 200 países

A terraza do Hostal dos Reis Católicos acolleu a presentación do inicio da produción de 3Caminos, primeira serie de televisión internacional e transmedia sobre o Camiño de Santiago, que encabeza a empresa compostelá Ficción Producciones e que se estreará en máis de 200 países da man de Amazon Prime. Esta historia sobre as vivencias compartidas ao longo do tempo por cinco mozos peregrinos doutros tantos países conta cunha achega de máis 1,5 millóns de euros por parte da Xunta, como adxudicataria da convocatoria dunha subvencións específica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para obras audiovisuais que difundan os valores do Camiño e a imaxe de Galicia de cara ao Xacobeo 21.

Na presentación participaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; os produtores executivos e autores da idea orixinal, Mamen Quintas e Julio Casal; o realizador galego Norberto López Amado, quen codirixirá a serie xunto ao alemán Gregor Schnitzler, así como os representante dos dous importantes socios internacionais cos que xa conta o proxecto: Ricardo Carbonero, xefe de adquisición de contidos de Amazon Prime Vídeo en España, e Christian Gockel, vicepresidente executivo de vendas e adquisicións internacionais do grupo alemán Beta Films, un dos máis importantes en distribución e produción a nivel europeo.

Como explicou Román Rodríguez, ademais de Amazon Prime Vídeo e Beta Films, 3Camiños conta con coprodutores internacionais en Italia, Corea do Sur, México e Chile, países nos que está garantida a emisión desta serie a partir da súa estrea a finais de 2020 e acompañada de “potentes estratexias de comunicación e marketing”. 

Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo fixo fincapé en que esta serie de ficción será unha inmellorable plataforma de expansión para o talento galego, coa implicación de medio cento de profesionais do noso sector audiovisual, entre os que figuran, por exemplo, Manu Riveiro e Iván Ferreiro na banda sonora. De feito, tal e como garanten as bases das axudas das que foi adxudicataria esta proposta, máis do 110% da inversión que achega a Xunta estará destinada á contratación de empresas, intérpretes e técnicos galegos, que neste caso formarán parte dun amplo equipo de traballo que rodará en seis idiomas (galego, español, inglés, francés, alemán e coreano) e en cinco países de tres continentes.

O Camiño como personaxe

A gravación desta serie dará comezo en novembro deste ano e estenderase durante oito meses, trasladándose tamén aos países de orixe dos protagonistas: ademais de España, Alemaña, Corea do Sur, Francia e México. Deste xeito, 3Camiños presentará a historia de descubrimento persoal dos seus protagonistas, centradas nos tres momentos nos que comparten peregrinación a través de flashbacks e flashforwards por 1996, 2006 e 2021. Mediante estes personaxes, a serie farase eco, así mesmo, das miles de vivencia que se suceden cada ano ao longo do Camiño de Santiago, que se converte nun protagonista máis deste ficción. 

Definida polos seus produtores executivos como unha serie feel good, trátase dunha historia de personaxes, nun contorno preciosista e único, a través da que se buscan resaltar os valores e as bondades dunha ruta de peregrinación que une as culturas e as realidades máis diversas a través de camiñantes chegados de todo o mundo.

Ademais, 3Camiños contará cunha gran campaña transmedia, elaborada especificamente por Fluor Lifestyle, recoñecida en 2018 como Mellor Axencia Independente de Innovación de España no Festival Iberoamericano de Creatividad y Estrategia. A súa implicación neste proxecto sumará esforzos na proxección exterior da imaxe de Galicia, o Camiño de Santiago e o Xacobeo 21.