Risoto de osobuco no Ama Restaurante
Amosámosvos un dos locais que abriu as súas portas neste 2023 na Coruña. O chef Vicenzo Amaddeo está detrás deste restaurante italiano contemporáneo, no que tamén mestura produto galego e toques de cociña oriental, froito da súa experiencia noutros establecementos hostaleiros.
O espazo é pequeno, pero moi ben aproveitado. Cunha decoración e iluminación íntima que permite gozar da experiencia sen distraccións, fixándote no que realmente importa: a comida e a compañía.
Na súa visita, o noso @JuanEAT_o tivo a oportunidade de probar un dos seus pratos estrela, o máis vendido ata agora da carta: un 'Risoto de osobuco con azafrán e pimentón da Vera' do que vos fala a continuación.
Pero ademais, entre os pratos que cociñan no restaurante AMA atopamos tamén 'Ravioli con queixo do Cebreiro e manteiga de miso', 'Spaguetti Pomodoro', 'Lacón Tonnato...' así como unha coidada carta de viños. A oferta complétase cunhas deliciosas propostas para as sobremesas que inclúen 'Cannolo con crema ao pistacho', tiramisú e tarta de queixo. Non podes marchar do local sen probar algunha!
DATOS
Lugar:
Rúa Boquete de San Andrés, 14 | A Coruña
Prato:
Risoto de osobuco con azafrán e pimentón da Vera
Prezo:
Sobre 24 €
Valoración
*********
Benvidos e benvidas a AMA Restaurante, un local pequeno no que a comida é o centro de atención... case literalmente! E é que a decoración e a iluminación están pensadas para que a experiencia sexa do máis intima, con luces apuntando directamente aos pratos que nos chegan para degustar. Que boas vistas!
A min tocoume ‘observar’ e probar -moi gustosamente- o seu 'Risoto de osobuco con azafrán e pimentón da Vera'. Se xa visitastes este restaurante italiano contemporáneo nos cinco meses que leva aberto na Coruña, seguramente xa probariades este delicia culinaria, pois segundo conta Vicenzo Amaddeo, o seu chef, este é a proposta máis demandada da súa carta. “É un prato que necesita moito amor e moitas horas e creo que é un pouco a clave da cociña que facemos aquí”, contounos na nosa visita ao local.
Este risoto representa a súa aposta pola fusión entre a cociña italiana, de onde é natural, e a nosa terra galega. De aí ese toque de azafrán e pimentón. Un arroz meloso cun sabor a queixo intenso, pero con final doce. Vicenzo utiliza un parmesano curado durante 24 meses que lle aporta un sabor bastante peculiar e que tendes que probar.
Por outra parte, a carne estaba moi tenra e saborosa e, unida ao risoto, daba como resultado un bocado delicioso e divertido.
Gocei moito a miña papatoria no AMA Restaurante, sen que faltase unha boa copa de viño, e coa compañía de Vicenzo e Dari Cipión -responsable de sala-, ámbolos dous moi amables e simpáticos.
Vicenzo Amaddeo: “Propúxenme fusionar a miña raíz italiana co bo produto galego e un toque oriental”
Por Silvia Castiñeiras
O seu nome non dá lugar a equívoco, Vincenzo Amaddeo é italiano e o seu restaurante, que leva cinco meses aberto na Coruña, trata da cociña do seu país pero de moito máis. E é que o seu local leva escrito, ademais das primeiras sílabas do seu apelido, toda unha declaración de intencións: AMA Italiana contemporánea.
Tras once anos en España, este cociñeiro formado en hostalería en Roma aventurouse co seu propio negocio, despois de ter traballado noutros locais e adquirir experiencia, por exemplo, na cociña oriental. É por iso que non se pecha só no tradicional da súa terra, senón que aproveita eses coñecementos e súmalle outro ingrediente, o produto galego. Toda unha fusión que está causando sensación nos comensais que xa pasaron durante este tempo polo seu acolledor local.
Fai cinco meses que está aberto o teu restaurante, como están indo as cousas?
Estamos contentos porque vemos que á xente gústalle moito o que facemos, pero como todo negocio que arrinca precisa tempo para que nos coñezan e se vaia asentando. Iso si, non hai queixa ningunha porque foi un arranque moi bo e agora vén o difícil, hai que manterse. Estou contento coa decisión que tomei de poñer isto en marcha e tamén por como quedou a reforma que fixen do local, creando este espazo.
E como decidiches lanzarte e poñer en marcha o teu propio negocio?
Levo dez anos en Galicia e a idea do local foi unha historia bastante particular porque a miña idea era completamente outra. Xusto antes do covid, en 2019 estiven traballando en Baleares, e a miña intención naquel entón era mudarme e vivir alí. O caso é que volvín momentaneamente á Coruña, pero coa idea de volver e establecerme nas illas, e pilloume a pandemia. Aí tiven moito tempo para pensar no que realmente quería facer e axudou moito que co parón en xeral e o estancamento do turismo a cousa en Baleares tampouco pintaba tan ben. Aí estiven madurando a miña idea, pensei en abrir o restaurante e en canto puiden, fíxeno.
E mentres se facía realidade o proxecto?
Estiven traballando nunha taberna xaponesa no centro da cidade, no Monkee Ramen, pero ao final todo cociñeiro ten o soño de montar algo algún día. O proceso levou o seu, estiven buscando o local máis axeitado e cando atopei o que me gustaba púxenme co proxecto… Ata ter todo listo.
Tiñas claro cal querías que fora o concepto do local?
A verdade que en canto ao espazo tíñao moi claro. Quería dende un principio un local que fora pequeno, algo íntimo e con poucas mesas. O interior ten unha cor escura coa luz enfocada nas mesas. Ademais, ten varios niveis e en cada mesa parece que estiveras nun recuncho propio e particular.
E no tipo de cociña que defines como italiana contemporánea tamén o tiñas claro?
Si, tamén clarísimo. Parto de que son italiano pero levo moitos anos aquí, traballando sobre todo na cociña oriental, así que tampouco é que me sinta un cociñeiro italiano clásico. É precisamente esa experiencia no oriental, que xa me viña de Italia porque o meu primeiro traballo alá xa foi nun bar de sushi, a que me impulsou dalgunha maneira a esta idea. Propúxenme fusionar esa raíz italiana co bo produto galego e cun toque marcado polos meus coñecementos na cociña oriental.
Algún prato destacado do menú, exemplo dese tipo de cociña?
Démonos conta durante estes meses que levamos traballando, porque ao final é a xente a que decide estas cousas, que o noso prato estrela é o risoto de azafrán e pimentón con osobuco. Estamos vendo que é o prato que gusta máis porque é claramente o máis demandado. Pero hai outras receitas importantes que tamén están a triunfar como é o ravioli con queixo do Cebreiro e manteiga de miso. Este último é un prato que precisamente nos representa moito.
Entón nada de pizza, non?
Non, non, na nosa carta non hai pizza aínda que todo o mundo pense niso cando falas dun italiano. O certo é que en Italia hai dúas escolas: os cociñeiros e os pizzeiros. E é que os italianos o tema da pizza tómano moi en serio, é algo moi profesional. Tendo en conta isto non é algo no que eu me sinto cómodo, non é o meu campo e para facer unha cousa mal, non a fago. Ademais, para facelo ben necesitaría habilitar un forno de leña…
Varías moito a carta ou é máis ben fixa?
Si varío, movémonos continuamente en base ás estacións do ano e imos cambiando pratos segundo iso. Xa o fixemos agora con respecto ao verán, que xa substituímos algunhas propostas, e cara o inverno tamén o faremos. Gústame cambiar e ir ofrecendo produto de tempada. Iso si, algunha receita xa a levo comigo dende sempre, dende a miña infancia no sur de Italia. Pero tamén teño influencias do norte porque os meus pais viviron en Venecia por traballo, de feito nacín no norte, e trouxeron pratos que aprenderon alí e facían despois na casa.
Pero, o mundo da cociña venche de familia?
Non, nada que ver. Eu formeime nisto porque na miña casa sempre cociñou moito miña avoa e miña nai e sempre tiven curiosidade, pero ninguén se dedicaba a isto profesionalmente. Á hora de pensar nunha saída profesional decidín que cociñeiro podía ser un bo oficio para min.
Hemos repetido en Ama restaurante italiano y solo decir que es muy difícil encontrar algo mejor en esta ciudad y alrededores.
Un lujo coruñés