fbpx
A CoruñaEntrevistasGastronomía

Ucraína na Coruña, comida e música para a paz

Hai na Coruña un anaco de Ucraína. Dende que Rusia iniciou a invasión a grande escala dese país, o 24 de marzo de 2022, produciuse un éxodo de ucraínos que xa supera os 6 millóns de persoas, sobre todo mulleres e nenos. Moitos deses refuxiados acabaron noutros países europeos. A España chegaron case 170.000 (segundo datos de febreiro de 2023 do Ministerio de Interior), dos cales parte recalaron na Coruña.

Cada sábado, dende hai moitos sábados, ucraínos e galegos maniféstanse en diversos lugares públicos da Coruña para recordar que o conflito segue aberto. Esas concentracións tamén son oportunidades de  recadar fondos e de expresarse para reconfortar a dor: conversar, facer discursos, cantar...

Esta comunidade aglutínase en torno a AGA Ucraína (www.agaucraina.org) asociación de axuda ás vítimas da guerra. Tal como a propia AGA explica na súa web, poñen “o foco nos civís que escapan da guerra, dende a acollida dos refuxiados en Galicia ata a asesoría sobre protección internacional”.

Pero hoxe non queremos falar da guerra, aínda que sexa inevitable, senón das historias de mulleres como Masha, Ana ou Oksana, que, coa súa dedicación, manteñen vivo o espírito do seu país nesta cidade galega ao lado do mar. Elas son maioría entre os refuxiados, aínda que tamén haxa homes ucraínos en Galicia. Tamén queremos amosar aos galegos que axudan na causa.

Como revista de gastronomía e cultura que somos, imos falar de como a música e a comida serven para facer comunidade a miles de quilómetros da casa e sacar vidas adiante, á espera de tempos mellores para regresar ao fogar. E para isto, nada mellor que xuntar aos nosos protagonistas ao redor dunha mesa, con abundante comida ucraína, neste caso nunha cafetería de nome evocador: Esperanza.

Conversamos primeiro con Masha Pavlenko, actual presidenta de AGA Ucraína. Masha leva en España dende 2014, cando a invasión rusa de Crimea. “A idea da asociación xurdiu nas primeiras manifestacións contra a guerra. Os ucraínos que vivían na Coruña saíron á rúa coas bandeiras dende o mesmo momento da invasión, en 2022. Comezamos a falar entre ucraínos e galegos, e decidimos crear unha asociación para organizar mellor a colaboración (xuntar cartos, enviar axuda humanitaria e dar aloxamento na Coruña aos refuxiados), ante unha certa pasividade inicial das institucións”. “A xente de Galicia abriu a súas casas para aloxar aos compatriotas ucraínos. Así conseguimos traer a unhas 400 persoas”, lembra Masha.

Sobre as necesidades actuais da comunidade ucraína, Masha explica que as principais son traballo e vivenda, porque é onde a xente atopa máis problemas: “Moitos ucraínos non se poden independizar das casas de acollida por ter un traballo temporal. Tamén é moi difícil alugar unha vivenda, porque lles piden avais ou nóminas por seis meses, que moitos non teñen”. Nestes aspectos céntrase a función de AGA na actualidade.

Preguntada polo futuro, Masha soña con “gañar a guerra, volver a ser un país independente e reconstruír a democracia, para que a xente poida regresar as súas casas”.

Cancións para a alma

Nunca falta apoio musical nas concentracións por parte de diferentes artistas. É o caso de Ana Haidukova, unha rapaza de apenas 19 anos que escapou do horror e vive na Coruña dende abril de 2022. Entre outras cousas, fai labores de difusión en redes sociais das concentracións semanais de AGA. Tamén comparte o seu talento como cantante nas xuntanzas.

Ela comezou a cantar aos 9 anos. Logo deixouno, pero retomouno na Coruña, nunha das manifestacións. “Unha noite, cando estaba no meu pobo, en Ucraína, prometinme que, se sobrevivía, volvería a cantar”. Así cumpre coa súa promesa.

Ana di que, coas súas cancións, o mais importante que está a facer é “amosar a cultura ucraína á xente local, as nosas cancións, a nosa esencia”.

En canto a súa experiencia na Coruña, di: “A miña familia e máis eu (son oito irmáns) estamos moi agradecidos, porque os nenos están escolarizados, a xente é moi boa connosco e estamos encantados”.

Pratos ucraínos que serven na cafetería Esperanza, na Coruña.
Pratos ucraínos que serven na cafetería Esperanza, na Coruña.

Xuntarse á mesa

Ucraína e Galicia teñen algo en común: o gusto por xuntarse co galo dunha boa comida. Así o comprobou o equipo de Pincha, que foi agasallado coa mellor mostra da comida ucraína.

Este festín estivo a cargo de Oksana Ponomarova, propietaria da cafetería Esperanza, situada na rúa San Diego 4, e que chegou dende Jersón hai pouco mais dun ano. Preguntámoslle que a moveu a abrir este negocio na Coruña. “Sempre fun moi activa, co meu propio negocio, non son capaz de estar sen facer nada. Cando cheguei á Coruña, estiven traballando un tempo nunha cociña dun restaurante, como forma tamén de non volverme tola na casa. Logo xurdiu a oportunidade de abrir esta cafetería”.

Na Esperanza, Oksana ofrece unha  cociña local tradicional coruñesa, á que lle engade toques da cociña ucraína. Todos os días cambia o menú e introduce algunha opción propia da súa terra. Ademais, hai produtos que se utilizan de formas semellantes tanto na cociña galega como na do seu país de orixe.

Se vos achegades á cafetería, podedes gozar de pratos pouco coñecidos en Galicia, como o borsch (sopa de remolacha cunha característica cor vermella, declarada Patrimonio Cultural Inmaterial pola UNESCO, e que ata deu nome a unha guerra), salo (tiras curadas de touciño de porco), os holubtsí (deliciosos rolos de repolo recheos de carne e arroz e aromatizados con loureiro), ou repolo fermentado e cogombriños. Todas elas, receitas saborosas e consistentes, quizais polas similitudes dos climas fríos de Galicia e de Ucraína.

Conexión galega

Os galegos tamén estamos axudando a facer un pouco máis fácil a vida dos refuxiados ucraínos.

Como exemplo, temos a Óscar García, parella de Masha, vicepresidente de AGA e cabeza visible da conexión galega con Ucraína. “Cando adoras tanto a un país por unha implicación persoal, sentes que tes que facer algo”.

Este empresario coruñés, socio dunha importante compañía de transportes internacionais, non o dubidou: “No momento da noticia da invasión rusa de 2022, falei co meu socio e díxenlle que non debiamos seguir traballando con Rusia de forma que o país puidera recadar ingresos ou aprovisionamentos. A continuación, chamei aos socios maioritarios da sede central para comunicarlles que as oficinas de A Coruña e Vigo deixaban de dar servizo a Rusia”. Aos cinco minutos desa chamada, Óscar recibiu outra de volta na que o socio maioritario lle anunciaba que “todo o grupo deixaba de traballar con Rusia”, conta aínda emocionado.

Óscar recorda a importancia de seguir apoiando á comunidade ucraína: preguntarlles como están, axudarlles a introducirse no mercado laboral e a atopar piso. “Todos podemos apoiar”.

Nese labor de apoio tamén xoga un papel fundamental a comunicación. Polas redes sociais, todo o equipo de Aga relata as manifestacións semanais e pide doazóns para as campañas de recadacións de fondos. Un dos membros deste equipo é Óscar Curros, xornalista compostelán que dende o primeiro momento decidiu vencellarse á causa para axudar nas coberturas e outras tarefas. “Paréceme que é unha guerra ás portas de Europa, que pon en perigo a paz de todo o continente”. “Quería axudar dende Galicia. Por iso estou en AGA Ucraína”.

En definitiva, está nas mans de todos nós o facerlles a vida un pouco mais fácil aos ucraínos e ucraínas que un día tiveron que deixar o seu país de forma precipitada e  agora conviven connosco. Grazas por abrirnos as portas da súa cultura e inquedanzas. Paz!

FOTOS: IVÁN BARREIRO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.