fbpx
#SomosCoruñaA CoruñaGastronomíaNovas

Marabaixo: a mellor terraza da Coruña está sobre o mar

Conta Xandro García, responsable do proxecto de ecoturismo náutico Marabaixo, que no seu barco teñen subido coruñeses que despois de 60 anos era a primeira vez que vían a cidade desde as súas augas. “A Coruña está moi vinculada ao mar, pero moitos veciños e veciñas viven de costas a el. Non hai demasiada xente que navegue, non é algo do que se fale habitualmente... Coas nosas rutas o que queremos é contarlles o que está pasando preto das súas casas”, explica. E recorda neste momento a famosa frase que sempre repite o escritor herculino Xurxo Souto: “As cousas do mar non se contan na terra”.

Eu mesma confeso que nunca antes estivera navegando polas augas coruñesas. “Non me marearei, non?”, preguntei dubidosa antes de subir ao barco. “Esa é a pregunta máis habitual que temos”, dime Xandro entre risos. Pero non. O Punta Pragueira é unha embarcación moi tranquila e estable. “A intención é que a xente o pase ben, así que se vemos que as condicións meteorolóxicas non son as oportunas para navegar, cancelámolo”, sinala. O único que recomenda é levar chuvasqueiro, así como crema e gafas para o sol.

A aventura comeza no porto deportivo, na Marina Coruña. Unha vez alí o primeiro que chama a atención é a preciosidade de nave na que imos montar. Trátase dun galeón tradicional galego, que pertence á asociación Amigos das Embarcacións Tradicionais de Galicia, con sede na Coruña. “No 2021 entrei en contacto con eles e xustamente estaban buscando un proxecto para que o barco non estivese parado. Foi unha feliz coincidencia”, recorda Xandro. E así, uns meses despois, arrancou o proxecto de Marabaixo.

Como fai un século

O Punta Pragueira construíuse no 2005 do mesmo xeito que se facían cen anos antes. O galeón é unha das tipoloxías de embarcacións tradicionais galegas que están incluídas no censo do patrimonio cultural da Xunta de Galicia. Esta nave dedicábase ao transporte de mercadorías entre as diferentes vilas costeiras de Galicia e caracterizábase porque a cuberta non existía cando se usaban para o traballo. A súa propulsión pode ser a motor ou a vela e a súa capacidade é de 7 persoas, máis unha de tripulación. “Navegamos como fai un século, coa única referencia que é un compás que levamos a bordo. Non temos outro tipo de electrónica. É unha navegación á vella usanza”, conta Xandro.

A súa historia de amor co mar comezou sendo ben pequeno. Cando desde a súa casa, en Malpica, vía pasar os arroaces e contaba cando tempo tardaban en mergullarse os cormoráns. “Creo que por iso me fixen biólogo mariño”, apunta. E despois dun tempo exercendo a súa profesión, descubriu que a súa verdadeira paixón era navegar. Sacou o título de patrón de barco e, tras traballar noutros proxectos como unha embarcación turística na Ribeira Sacra, fai un ano que puxo en marcha as rutas de Marabaixo.

Ecoturismo

Aínda que Xandro non é moi amigo da etiqueta ‘eco’, ‘ecoturismo’ é precisamente o que fai nas rutas que nos ofrecen en Marabaixo: “Valorizamos usos sustentables do entorno, colaboramos activamente con asociacións que defenden o territorio e todos os produtos que servimos son de quilómetro cero”. Porque si, enriba do Punta Pragueira podemos comer e beber produtos das marcas Porto-Muíños, Bodegas Rilo, galletas Raizame, cervexas AleAlé e patacas Bonilla. “Vemos toda a parte histórica da cidade, o museo militar, o baluarte do xardín de San Carlos... non hai unha terraza na que poidas estar tan preto da auga e con estas vistas inmellorables. É a mellor terraza da Coruña”, asegura.

Ademais, estas viaxes tamén serven para concienciar sobre a contaminación: “Eu sempre fago esta reflexión porque a maior parte do lixo que vemos no mar procede da terra”.

Actualmente teñen en marcha dúas rutas, cada unha delas de dúas horas de duración. Por un lado, en ‘A Coruña desde o mar’ podes coñecer a cidade desde outro punto de vista, descubrindo desde espazos de gran valor histórico e patrimonial -como o Castelo de San Antón e as historias das batallas de Francis Drake- ata a súa riqueza paisaxística e de tradición mariñeira. E, por suposto, nunca falta o aperitivo con produtos galegos.

Por outra banda, na chamada ‘Ruta Salgada’, tras un paseo pola baía da Coruña, realízase unha degustación de produtos do menú atlántico. “Percorremos lugares que teñen que ver coa forma de alimentarnos. Por exemplo, non se ve porque xa non existe, pero pasamos pola que foi a primeira fábrica de conservas de Galicia, que pouca xente sabe que estivo aquí na Coruña. Ou onde estivo a multinacional que fundou Calvo Sotelo, e que foi das empresas máis grandes de transformación de peixe de España”, revela Xandro.

En Marabaixo levan tamén un tempo traballando nunha ruta para a observación da fauna que esperan lanzar moi cedo. O sábado 2, ás 18.30 h, e o domingo 3 de setembro, ás 11.30 h, acollerán un concerto de Silvia Penide. O domingo 17, ás 11.30 h, será o turno de Bea a de Estrella. Serán actuacións exclusivas para 6 persoas, que incluirán ademais algún agasallo. A entrada é de 50 €.

Se ti tamén queres gozar dalgunha destas experiencias ecoturísticas, tes toda a información na súa web marabaixo.gal Sempre é necesaria a reserva, cunha antelación mínima de 24 horas, no teléfono 623 393 705. As rutas realízanse durante todo o ano, podendo mercar billetes individuais en temporada alta, sen ben na baixa hai que contratar o barco enteiro.

 

FOTOS: IVÁN BARREIRO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.