fbpx
A CoruñaA gorida do artistaCultura

María Maquieira: “Parto do individual para falar do colectivo, do universal”

Por Inés Silvalde

Para bautizar esta sección, na cidade da Coruña, quixera facer unha breve introdución do que significa, dentro do contexto da revista Pincha, “A gorida do artista”.

Foi a palabra gorida a que describiu á perfección a idiosincrasia do taller dun artista plástico. A gorida como refuxio. A gorida como asilo de instintos expresados en liñas, trazos e gamas cromáticas. A gorida como cova na que as sombras dos volumes describen siluetas que deberán cotexar coas miradas alleas, cando saian á luz.

Deste xeito, introducímonos na cociña, na quimera de artistas co gallo de entender mellor as súas obras e achegalas a un maior número de persoas.

Para esta primeira Gorida “Coruñesa” visito o taller de María Maquieira, artista sadense que acaba de instalarse na cidade herculina.

Camiño por rúas que xa son coñecidas para min. Eu tamén tiven unha gorida nesta fantástica cidade.

Pico na porta e recíbeme María. Guíame polo corredor orientándonos pola luz emitida dende o fondo. Chegamos á súa zona de traballo: un espazo pulcro no que as obras en papel xeran unha segunda pel nas brancas paredes.

Comezamos falando de temas que compartimos. Teño curiosidade por saber cando naceu o seu interese pola creación artística.

A necesidade de manifestarse a través da arte é algo que a acompaña dende nena, atopando no debuxo unha ferramenta inesgotable de expresión. Co paso do tempo e impulsada polo incondicional apoio familiar, fixo da arte unha forma de vida.

Estuda historia da arte na cidade de Santiago. Tempo despois, emigra a Italia para introducirse na Libera Accademia di Belle Arti, en Roma. Foron comezos complicados nos que reinaba a dúbida. “Libertá” que a motivou a procurar  recursos que lle desen forma ao seu discurso dentro das artes plásticas. Pronto descobre que era unha artista da liña: un recurso sinxelo pero moi potente, que se carga de gran expresión nas súas múltiples morfoloxías. Ficou en Italia durante seis anos, colaborando en talleres de artistas e participando en producións vinculadas ao mundo da danza e do teatro.

Volvo a fixar a mirada nas súas obras. A delicadeza das liñas lévanme a mundos oníricos dotados dunha inefable sensibilidade. Trazos que expresan escenas privadas e íntimas. Erotismo, sensualidade e vida plasmadas cunha refinada habilidade técnica.

Conversamos sobre a evolución da temática e estética. Durante un tempo, a grafía e o debuxo camiñaron da man. A escritura foi o refuxio ata acadar a madurez debuxística, así os trazos pasaron a ocupar as páxinas dun diario que falaba do íntimo para expoñerse ás lecturas globais.

A figura humana é unha constante fonte de inspiración, expresada en vermello, negro e branco. Tonalidades ás que xa se adhiren outros pigmentos na gama dos amarelos e laranxas. O apaixonante e inesgotable mundo das cores plasmado en acuarela, lapis, gravado ou bolígrafo.

A persistencia e o constante traballo, axudaron á que a súa obra teña unha notoria presencia no círculo da ilustración.

Unha das súas colaboracións máis recentes é no poemario “Cautivos” do autor Mario Espinoza Pino, presentado na feira do libro de Madrid e que proximamente amosarán en Galicia, entre outras comunidades autónomas. Cabe dicir tamén que a Asociación profesional de ilustradores de Madrid está organizando unha mostra na que María participará con tres pezas inspiradas no libro “Sueño y revolución” de Carolina Meloni.

O desexo é o fío condutor do seu novo proxecto. Desexo como expresión de sentimentos innatos e fermosos impulsados pola vontade humana dende un amplo espectro. Proxecto que medrará dentro das brancas paredes da súa gorida actual pero, quen sabe se pronto o lapis e o pincel fluirán dende terras de paredes brancas nas que as cariátides contemplan o paso do tempo. Sexa onde sexa que a arte non deixe de emanar das súas mans.

FOTOS: IVÁN BARREIRO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.