fbpx
A CoruñaGastronomíaNovasPublirreportaxe

‘A provincia que sabe’, a campaña coa que presumimos da nosa riqueza gastronómica e turística

‘A provincia que sabe’ é o nome da campaña coa que a Deputación da Coruña promove a zona como un destino que ofrece calidade na súa gastronomía, pero tamén nas súas paisaxes, cultura, patrimonio, historia... “É o paraugas que nos permite levar os saberes e sabores dos diferentes axentes gastronómicos a tódolos eventos de relevancia nacionais e internacionais, investindo importantes recursos na súa promoción”, sinala o vicepresidente do organismo e deputado de turismo, Xosé Regueira.

E é que ‘A provincia que sabe’ viaxa, da man da entidade provincial, a citas turísticas e gastronómicas de referencia nacional e internacional como Gastronómic Fórum Barcelona, Madrid Fusión, Fitur, Biocultura ou Galicia Fórum Gastronómico, entre moitas outras. E faino cos seus produtores locais e pemes, chefs e asociacións e entidades que a representan á perfección como principais protagonistas. Produtores e pemes que contan coa mellor materia prima; cociñeiros de primeiro nivel que imparten ‘showcookings’ con eses produtos; e asociacións e entidades que velan pola profesionalización dos diferentes destinos turísticos, e tamén pola súa promoción e posta en valor.

Produtores como La Despensa d`Lujo, que abastece a cociña dos mellores restaurantes de todo o estado (El Celler de Can Roca, Diverxo ou Restaurante Gaytán, entre moitos outros) ou o queixo Galmesán, premiado nos World Cheese Awards, e outros como Costumes Empanadas de Galicia; Choiva Viños; Vermús Lodeiros; Maruxas de Nata; A Conserveira; Cafés Aruba; San Isidro Bakery; Algas Mar de Ardora; Cafés Lúa ou Bonilla á vista coas súas emblemáticas patacas fritas son algúns dos moitos que acompañan á Deputación promocionando a provincia nas diferentes feiras.

No mapa internacional

‘A provincia que sabe’ é o fío condutor de todo un sector agroalimentario e turístico que sitúa a provincia no mapa internacional do turismo, baixo o amparo institucional da Deputación da Coruña, que pon en marcha iniciativas propias, e tamén participa apoiando moitas outras para impulsar esta marca que é sinónimo de excelencia e sustentabilidade económica, social e ambiental.

“A enogastronomía pode significar unha oportunidade turística comprometida co territorio e a súa conservación, coa promoción da diversidade histórica e cultural, coa loita contra a homoxenización cultural e a turistificación e sobre todo coa procura dun turismo máis consciente, no que pese máis a calidade que a cantidade e no que se xeren oportunidades para recuperar o pulso social e económico, sobre todo no medio rural. Con ese obxectivo traballamos, e nel cremos”, explica o deputado Xosé Regueira.

A entidade provincial promociona o bo facer de produtores locais que traballan a materia prima con respecto e devoción, e tamén o dos e as chefs da provincia que xuntan innovación e respecto pola contorna para ofrecer pratos de máximo nivel. Procedentes dos oito xeodestinos da provincia (Ferrolterra, As Mariñas, Muros-Noia, Costa da Morte, Terras de Santiago, Terras da Comarca de Ordes, Ulla – Tambre – Mandeo e Barbanza), todos eles acompañan á Deputación levando os seus produtos e as súas receitas a diferentes feiras de todo o territorio estatal.

Diversidade e excelencia gastronómica

Falar da Coruña é falar de diversidade: é o lugar no que podemos atopar destinos urbanos cunha ampla oferta cultural e de lecer e, a menos de vinte minutos de distancia, refuxios en plena natureza para desconectar e perdernos. E esta diversidade trasládase tamén á súa cociña porque, sobre todo, A Coruña é o territorio da excelencia gastronómica. Produtos de calidade, de quilómetro cero, que foron cultivados, criados, colleitados, pescados e preparados con profesionalidade e entrega.

Con ‘A provincia que sabe’ a Deputación da Coruña expón tamén a cociña de grandes restaurantes da provincia, procedentes dos diferentes xeodestinos, como é o caso de Pementa Rosa; Restaurante Balarés; As Garzas e Terra (Costa da Morte); Casa Barqueiro e A Maceta (Terras de Santiago); A Artesa da Moza Crecha e Nado (As Mariñas); O Secadeiro de Outes e A Muradana de Muros (Muros – Noia); Sinxelo Ferrol (Ferrolterra); Gastrolab Arousa (Barbanza) ou Casa Alongos de Melide e Casa Nené (Ulla – Tambre – Mandeo), entre outros.

Esa é, en definitiva, a aposta da Deputación da Coruña: exhibir os sabores e saberes da provincia en espazos de referencia, poñendo en valor o traballo dos produtores agroalimentarios locais, os cociñeiros e cociñeiras de restaurantes dos oito xeodestinos, e tamén de entidades e asociacións locais gastronómicas e/o turísticas que velan polos intereses do noso territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.