Benditas as súas hamburguesas e bendito sexa o Argentinos Burguer!
Gonzalo Pose, en Argentinos Burguer, coa mellor hamburguesa de España. Foto: Ana Parraga
Que as hamburguesas nunca pasan de moda é unha verdade verdadeira, á que xa nos teñen acostumados os de Argentinos Burguer. Porque a súa “Old School 1980” foi coroada como a mellor hamburguesa de España 2024, pero levamos comendo as súas deliciosas creacións fai moitos anos!
Porque é de recibo dicir que na Estrada levan 43 anos servindo comida da rúa, con salsas curiosas e diferentes, pratos de comer coas mans, enzoufarse e lamber os dedos... Porque nos pobos innóvase tanto e máis que en calquera gran cidade! Feita esta reivindicación dos bares e dos enormes cociñeiros que xorden en pequenos concellos e volvendo a felicitar con moitísimo agarimo á familia do Argentinos Burguer, engadimos que aquí aínda queda moito por comer!
“A nosa filosofía de traballo sempre foi traer novidades e tendencias non só á Estrada, senón a Galicia. Fomos os primeiros que comezamos a traballar con ingredientes máis coidados para facer hamburguesas gourmet, como o pulled pork que descubrimos nunha viaxe aos Estados Unidos. Este premio é un recoñecemento aos últimos 30 anos do Argentinos Burguer. Está implícito no noso ADN é un galardón a ese traballo, ao esforzo e ao risco: a apostar por facer cousas diferentes!”, asegura Gonzalo Pose.
“Eu medrei detrás desta barra. Servindo cañas. Nacín e crieime neste ambiente. Separaba as moedas das maquiniñas para ter cambio no negocio... E apaixóname a gastronomía! Cando non existían os youtubers xa faciamos hamburguesas, xa visitabamos todos aqueles sitios onde facían as mellores, fáloche dos anos noventa”, engade.
Porque o traballo para conseguir provedores e produtos nun concello como a Estrada ou mesmo en Galicia, é máis duro que en Madrid ou Barcelona, non? “Atopar a materia prima cóstache o triplo que noutros lugares máis grandes. Os nosos clientes están acostumados a comer unha hamburguesa cunha marmelada de ‘jalapeños’, touciño entrefebrado e whisky. Meus pais meteron os nachos con carne, chile e guacamole caseiro en carta no ano 97 e agora non hai unha hamburguesería que non os teña! Sempre quixemos traer cousas ao concello que non había nin nas cidades da contorna. Tolerías! (Ri) O noso primeiro provedor de pastrami foi un provedor polaco, no 2013, agora atópalo ata debaixo das pedras! Moitas veces, dende un sitio tan pequeno non alcanzamos... Co cal que alguén che diga que estás facendo as cousas ben é moi bo, pero que che digan que es o mellor de España, pois máis aínda! (Ri con esa risa de orgullo, satisfacción, humildade e de emoción. Coa mirada posta en todo o seu equipo, amigos, na súa familia e a súa parella —Sindo, Marta, Guillermina e Vanesa— e nos apoios de sempre, os que os levaron aquí, con todo o sacrifico... Porque Gonzalo Pose ri como come, con gañas! E contaxia. Bendito sexa! Rimos máis e amén!).
Hoxe están desbordados, con todo o bo é o malo que ten. E agora que? “Uff! Poñernos ao día. Estamos sobre pasados. O 95% son clientes novos, de fóra. Pedimos paciencia aos nosos clientes de sempre, porque estamos tendo moita afluencia e temos que controlar o tema. Queremos seguir dando de comer á xente da Estrada. É unha sensación agridoce. A ver se conseguimos organizarnos un pouco mellor. Haberá moito curioso que veña probar. Nós encantados de recibilos! E tamén queremos seguir sacando pratos fóra de carta. Dándolle pulo aos bocadillos de autor, os que chamamos simpáticos: como o de albóndegas o de cocido, o de entrecosto con patacas fritidas. Imos mirar de ter opcións máis vexetais, tamén. Cubrir os eventos que nos están xurdindo... Que nos fan saír da casa, que nos vexa outra xente. Porque aínda hai moitos composteláns que din que seica estamos a desman... ESTAMOS A VINTEDOUS MINUTOS POR AUTOVÍA. Pono en grande, fai o favor! (Gargalladas punto com) Hai o mesmo que ao Milladoiro ou Bertamiráns!”. Non están en Laponia, oístes?
En Pincha encántanos que premien o traballo ben feito, os sabores que conquistan e toda unha traxectoria. Porque os de aquí e os que imos á festa á Estrada estabamos moi acostumados a todas esas receitas traídas dende distintos puntos do mundo. Porque aos Pose Ventura gústalle comer e dar de comer. Non lles gusta quedar atrás! Proban, inventan e agariman aos seus comensais pola ‘panza’!! Esta é unha oda, non a unha hamburguesa, senón a unha familia que experimentou con produtos que nunca pisaran Galicia, nunha época onde non había redes sociais que levaran a súa mensaxe aos confíns da terra. Que estes recoñecementos vaian para que o global revalorice o local.
Porque os pequenos proxectos que poñen toda a carne no asador para facer en Galicia, e na Estrada, das melloriñas creacións de España e coas dificultades que iso supón, no mercado gastronómico de hoxe en día é moito mérito! “É o impulso que nos facía falta. Levamos moitos anos nisto, hai que seguir traballando. A competencia é moi boa. Foi unha proposta moi equilibrada, nada destacaba por enriba doutra cousa. Son sabores que a xente coñece, aínda que están tuneados, pero que lles recordou a esa hamburguesa que comías cando eras pequeno!”.
Vivimos querendo que nos sorprendan, esquecendo a inmellorable calidade coa que nos premian os nosos cociñeiros, a diario, e o respecto co que traballan o produto e a consideración que teñen cara nós, para que relambamos os fociños, para que volvamos... Benditas as súas hamburguesas e bendito o Argentinos Burguer!