O Entroido da Ulla, de Xenerais e Xeneralas
Por Silvia Castiñeiras
Máis alá de querer ser príncipes e princesas, heroes, toda clase de animais, facernos carpinteiras ou enfermeiros, fantasmas, monstros, volvernos velliñas ou transformarnos en nenos e nenas, o Entroido é moito máis que uns días de troula, uns días para ser algo que non somos, deixar a vergoña na casa, ocultar os rostro e sacar a retranca a pasear… Hai unha parte cultural, un patrimonio inmaterial que reside nesta celebración que transcende a idea de disfrazarse. É neste punto, cando se fala do Entroido galego, que moitas mentes visualizan aos míticos personaxes do carnaval ourensán. Pero isto é unha chamada a cidadanía compostelá e habitantes da comarca, un convite a gozar tamén do noso. E é que non hai que ir tan lonxe, porque aquí temos o noso Entroido Rural Tradicional cos seus propios protagonistas, os Xenerais da Ulla, que por sorte, dito sexa de paso, dende hai anos tamén é unha festa de Xeneralas.
A historia de Uxía Canabal
O Entroido dos Xenerais da Ulla é característico de varios concellos, como ben indica o seu nome, da comarca da Ulla, incluído Santiago. As súas orixes remóntanse a mediados do século XIX e relaciónanse coas batallas contra os invasores. Actualmente manteñen viva a tradición varias parroquias de Compostela (Marrozos, Angrois, Aríns e O Eixo) e municipios limítrofes como son Teo, Vedra e Boqueixón, ademais de celebrarse en Touro, Vila de Cruces, Silleda e A Estrada.
Entre todas as agrupacións que cada ano saen polas aldeas e continúan con este peculiar Entroido atopamos a Uxía Canabal, que sae co grupo da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo. Con 27 anos leva dende pequena sendo unha apaixonada desta celebración tan arraigada na súa terra e na que se introduciu por tradición familiar.
“No 2007 cando se propuxeron meter os Xenerais da Ulla na Festa da Filloa entraron meu pai e miña irmá e iso din que se leva no sangue. Debe ser verdade, porque despois tamén quixemos entrar meu irmán e máis eu, no 2009”, conta Uxía sobre os seus inicios, recordando que o seu pai “xa fora xeneral cando era máis novo e é algo que nos gusta moito na familia”. De feito, con tantos devotos do Entroido na familia, di entre risos que a súa nai “un mes antes xa se bota a tremer porque xa sabe que non imos ter outro tema de conversación na casa que este”.
Uxía é unha das cada vez máis mulleres Xeneralas nun mundo que, di, “era territorio de homes”. Agora, explica, “xa foron aumentando as mulleres porque cando eu entrei aínda facía pouco que empezaran a tomar parte disto”. E o resultado desta evolución é que no grupo dos Xenerais da Festa da Filloa este ano son sete mulleres e sete homes. “Este ano estamos igualados, tamén porque nos esforzamos en buscar e atraer a persoas que continúen coa tradición, sobre todo novas xeracións de mozos e mozas e este ano viñeron máis mulleres”, aclara.
En territorio de homes, ela foi benvida. “Para meu pai foi un orgullo que entraramos nos xenerais nun momento no que case non había mulleres”.
Vivas e Atranques
“Para a xente que non coñece a nosa tradición, ademais de convidalos a vir vernos claro, diríalles que somos grupos de persoas que imos polas aldeas dando vivas aos veciños e despois vémonos no campo da festa nos atranques onde falamos das cousas que acontecen ao longo do ano”. Así define nunhas poucas frases esta Xenerala o seu Entroido para quen aínda o teña por descubrir.
Pero que son os vivas e os atranques? Son os momentos nos que os Xenerais máis se locen e non coa espada, senón coas verbas, con estrofas que soltan a viva voz. “Os vivas son improvisados, vas no momento, poste ante o veciño e soltas as cousas como che saian”, relata Uxía, que comezou primeiro como Correo (outro dos personaxes) para ascender co tempo a Xenerala. “Para os atranques, o momento no que nos atopamos no campo da festa co rival, si que se soen preparar as estrofas con antelación, aínda que tamén hai quen improvisa, pero non é o caso do meu grupo”.
Para argallar esta batalla dialéctica, esta moza de Lestedo considera que “é cuestión de práctica para que saia ben, porque ao principio custa. Iso si, aínda que te confundas tes que tirar para adiante e listo, aínda que a estrofa non teña sentido ningún”. E engade, sobre a temática das coplas, que “son temas que tratan de cousas nosas das aldeas, pero tamén abordamos temas en xeral que teñen que ver con acontecementos como poden ser unhas eleccións políticas”.
Os Xenerais non van sós, ademais dos Correos, están acompañados dos seus ‘exércitos’ de coros e comparsas.
Un sentimento
Ata o día do atranque hai que gardar as estrofas baixo chave na memoria, pero antes de telas preparadas “hai que espremer o cerebro para facer as rimas e todo iso, pero pouco a pouco todos podemos facelo”, afirma convencida unha moza que confesa, ademais, ser “unha persoa moi tímida no día a día, pero para isto esquézome de todo. Iso si, sentes certo reparo porque tes moita xente diante mirando”. É sorprendente porque unha imaxina sempre que son xente moi botada para adiante, que se fan visibles aos ollos de todos subidos nos cabalos, tal cal fora un estrado, e recitando sen que lles treme a voz. Pero quizais aí estea a esencia desta celebración, deixar a un lado todo iso que nos poida limitar no día a día, atreverse.
E Uxía atrévese con esta paixón como Xenerala. De feito, revélanos que “tampouco son moi ‘carnavaleira’ eu, disto de disfrazarme e andar a esas cousas. Eu o que teño é paixón por este Entroido da Ulla”. E tanto que lle vai entón o corazón nisto porque é certo que na conversa nótaselle esa timidez que a fai tan próxima, pero que deixa fóra cando se sube ao cabalo uniformada para o seu atranque. “É co que máis desfruto, cos atranques. Non me perdo un ano, nin sequera o ano pasado que estaba embarazada e non podía ir no cabalo. Son tan importantes para nós que durante a pandemia fixemos atranques virtuais”.
E é que o de “ser Xenerala é un sentimento, é algo que vai de xeración en xeración. Outras persoas poden participar por outras cousas, eu fágoo por sentimento cara esta tradición”, recalca Uxía.
O de ir a cabalo é algo que dá curiosidade, porque un pode ter máis ou menos destreza mental para crear estrofas, ter máis ou menos vergoña para poñerte aí a recitalas, pero o de montar a cabalo non é algo que domine todo o mundo así dun día para outro. Neste senso, precisamente ela non tivo problema. “Eu é que xa sempre tiven cabalos na casa pero hai xente que vai a clases de hípica para ese día e despois buscan un cabalo para poder participar”, puntualiza.
Mantemento da tradición
Unha das cousas que me causou máis tenrura na conversa con Uxía foi cando me contou isto: “A miña nena de sete meses xa ten o traxe feito para estrear neste Entroido, unha adaptación de traxe claro. Esperemos que queira seguir con isto, é moi importante ter novas xeracións que continúen con esta tradición para que non se perda”.
E é que se lle nota ese compromiso con que o Entroido da Ulla non se perda e a responsabilidade de preservalo. Penso que é moi importante esa disposición dos propios protagonistas, porque neles reside a súa esencia. Aínda así, un pouco de axuda institucional é o que fai falta e por fin hai uns días coñecemos que o Entroido galego será recoñecido coa máxima figura patrimonial existente en Galicia: a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). Un recoñecemento co que, indican dende o Goberno galego, se quere “asentar unha metodoloxía específica de preservación, coidado, estudo e divulgación desta celebración e sinalalo como un elemento central do noso patrimonio inmaterial”.
O Entroido dos Xenerais da Ulla está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia dende 2013. Ademais, a unión para traballar en prol desta tradición dos concellos de Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces está a favorecer a súa promoción conxunta.
Neste senso, Uxía Canabal recoñece que “hai anos isto estaba case perdido, o de xuntarse todos os concellos foi moi positivo e axudou moito a recuperar a festa. É moi importante seguir traballando, inculcarllo aos máis novos para que se metan de cheo e continúen coa tradición. Estanse facendo moitas cousas pero non se pode deixar de loitar para que isto non se perda”.
TRAXE
Chaman ou non chaman a atención eses traxes tan impoñentes? Que mellor que falar así de primeira man sobre a indumentaria que con alguén que de verdade viste este traxe, o loce e mesmo o carga, porque o sombreiro ten un bo peso. O primeiro que nos apunta Uxía é que se trata de pezas “con moito traballo e moi custosas”. Así, indícanos que “cada vez hai menos persoas xa que fagan os traxes. É complicado facelos a nivel persoal e case todos son compartidos, como os nosos que son da asociación (Asociación Cultural da Festa da Filloa de Lestedo).
Tanto é así que cada ano pode tocarche unha chaqueta diferente, e por iso Uxía ten moita ansia de quitar de cada vez unha medalla moi especial e tela a bo recado o resto do ano ata o vindeiro Entroido. É entón cando volve prender da nova chaqueta o distintivo que recibiu no 2022 como Xenerala de Honra da Festa da Filloa, polos seus 10 anos exercendo como tal. E é que se vos fixades, a chaqueta destes personaxes está ateigada nun lado de medallas e do outro sae a bandeira galega ou española.
Tamén nos anima Uxía a contemplar as chamadas charreteiras, esas ombreiras de flocos dourados que lle dan ao traxe ese toque de distinción. Así como o fai o cordón, tamén dourado, que vai dende o ombro ao lado oposto rematando cunhas borlas.
O faxín é outro dos compoñentes da vestimenta. “Normalmente era vermello, pero se tes a chaqueta desa cor tamén o podes levar azul ou negro”, aclara a nosa Xenerala de referencia.
De todo o traxe o que nos resulta máis pintoresco é o sombreiro, chamado tricorne. Xa o podíamos imaxinar, pero Uxía confirma que “pesa bastante e hai que andar con tino para equilibrarse e que non se che vaia a cabeza. Ademais, deben asentar ben para non ter complicacións”. O de ir a cabalo “é unha dificultade engadida e máis se hai vento, temos que ter moito coidado”, apunta. É por iso que se soe levar “nos atranques pero para ir polas aldeas non, porque ademais quitan visibilidade”. Son pezas moi delicadas, pois os tricornes están decorados con plumas de pavo real e outras plumaxes de cores, cintas, abelorios… Así que se chove, nada de sacalos a paseo.
O conxunto complétase con camisa branca e gravata vermella, pantalón branco de montar a cabalo, cunha franxa vermella no lateral, e botas de montar. Luvas brancas e espada, e listos para atacar… verbalmente, entendámonos.
A nai de Uxía axudándolle co seu traxe. Foto: Iván Barreiro
UNHA FESTA MOI APETITOSA
A Festa de Filloa de Lestedo celebrarase o 18 de febreiro. Foto: Iván Barreiro
Non hai festa, e máis en Galicia, que non vaia acompañada de doces e manxares propios para a celebración e o Entroido non ía ser menos. Se de algo se goza con entusiasmo durante estes días, ademais da troula, é das comidas típicas. Eu non sei que teñen as filloas e as orellas nesta época que saben a gloria, porque ben é verdade que se che apetecen podes facelas cando queiras, pero non, non saben igual que cando estás en pleno Entroido.
Quen non estivo de pequeno (por non dicir que tamén de maior) ao pé da tixola, ou do filloeiro nas casas máis tradicionais, para coller a filloa recén feita? Ou a vós non vos berraban porque o prato nunca acababa de acumular unha cantidade xeitosa de filloas?
Iso si, para os que teñen máis paciencia para agardar hai toda unha serie de opcións para comer as filloas de maneira máis elaborada. Falamos das filloas recheas para as que cada vez hai máis propostas culinarias e que xa son todo un reto para os profesionais da cociña. Hai para os que prefiren o salgado (recheos con chourizo, touciño…) e para os que son máis de doce (con mel, nata, chocolate…).
Disto saben moito en Lestedo (Boqueixón), onde a súa Festa da Filloa está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. É tal a devoción por esta sobremesa e a cantidade de visitantes que reciben que no seu momento tiveron que tirar de enxeño para sacar filloas a toda velocidade. Así crearon a súa gran máquina filloeira que saca 1.200 filloas á hora. Como lle gustaría a miña nai ter algo así na casa!
Esta festa está organizada pola Asociación Cultural da Filloa de Lestedo en colaboración co Concello de Boqueixón, un gran evento que se celebra o 18 de febreiro e que conta con varias actividades e accións complementarias, incluídos os Xenerais da Ulla, repartidas noutros