#apaparA CoruñaGastronomía

Alcachofa confeitada no bar Barbería

Dez anos está a piques de facer a Barbería, un bar que abriu as súas portas no Nadal do 2013 na coruñesa rúa Orzán. Un local no que podemos tomar algo, comer ou incluso gozar dunha boa lectura, de sesións djs e, de cando en vez, de música en directo. Un espazo que nos recibe con xente con barba (e tamén sen ela!), libros, grandes fotografías daqueles que traballan ou traballaron alí, revistas Pincha e bonecos de Playmobil. É dicir, un bar moi caralludo!

O seu bo facer obtivo a recompensa de aparecer este ano como local recomendado na prestixiosa Guía Le Routard 2023. Toda unha sorpresa para o seu dono, Xabi Barral, quen por riba dese recoñecemento, sitúa a súa clientela tan fiel.

Entre os seus habituais seguro que se atopa desde agora o noso @JuanEAT_o, que gozou coma un anano cos dous pratos que lle deron a probar: Mexillóns en escabeche caseiro de vermú e chips e Alcachofa confeitada con chacina, queixo azul e vinagreta de mostaza. Os dous son incorporacións recentes á unha carta na que nunca faltan, entre outras, as súas propostas de polbo, fideuá e lagarto de porco, así como as súas sobremesas caseiras.

Queredes coñecer a opinión do noso comechón?
Continuade lendo!

DATOS

Lugar:
Rúa Orzán, 15  – A Coruña

Prato:
Alcachofa confeitada con chacina,
queixo azul e vinagreta de mostaza

Prezo:
6

Valoracíon

********

Cheguei á Barbería e sabía que era o meu lugar.
Os que temos barba sempre somos de fiar! 😉

O local é pequeno, pero moi acolledor e cunha decoración moi divertida e pouco convencional. O que máis chamou a miña atención foron as fotos de todas as persoas que colaboran ou colaboraron neste proxecto. Pareceume moi orixinal e moi de agradecer que se faga visible a toda esa xente que está detrás e que pon o seu gran de area para que poidamos gozar duns magníficos pratos.

Pero imos ao tema que nos incumbe: a papatoria. Desta volta puiden probar algúns dos pratos da carta que prepararon para a temporada de verán. O principal foi a Alcachofa confeitada con chacina, queixo azul e vinagreta de mostaza, que vén presentada en forma de flor, moi coidada, co que conseguen que sexa aínda máis apetecible.

Teño que dicir que a chacina é unha acompañante perfecta para a alcachofa, xa que a deixa florecer sen turbiala e sen perder o seu sabor tan característico. Aínda que eu diría que un par de liscos máis non lle virían nada mal! he, he, he! Por outro lado, o queixo non é forte, co cal conseguen que sexa un prato moi equilibrado de sabor e que, de seguro, non deixa a ninguén indiferente.

Ademais, na miña visita á Barbería tiven a sorte de poder degustar tamén uns mexillóns en escabeche caseiro, feito a partir do seu propio destilado de vermú, xunto cunhas patacas chips tamén caseiras que foron a miña perdición. Unha delicia! Un prato fresco e moi noso que creo que é un moi bo acerto para abrir boca!

Xabi Barral: “O mellor recoñecemento é o sorriso dos clientes ou esas grazas e parabéns dos que nos visitan”

Xabi Barral (no centro), cos dous cociñeiros da Barbería, Pepe Lamas e Pedro Mateo.

Por Rebeca Munín

Entro na Barbería, na rúa Orzán, e son recibida por tres homes barbudos. “É obrigatorio ter barba para traballar aquí?”, fago a broma. “Si, por suposto! De feito, Pedro viña sen barba e tivo que deixala ou non entraba”, contesta Xabi Barral entre risos. Refírese á ultima incorporación ao equipo de cociña. A súa foto, como a de todas e cada unha das persoas que traballan ou traballaron nalgún momento alí, loce nas paredes desde pequeno pero acolledor local. Un bar que a piques está de facer unha década na Coruña e iso, nos tempos nos que estamos, xa é todo un logro!

Case 10 anos... que balance fas?

Marabilloso. Cando abres aspiras a ter o teu local ata o fin das días, pero imaxínate como se torceron as cousas se falamos dun covid polo medio... Pasamos momentos de moitísima incerteza. Tamén os nervios dos inicios, ilusión, grandes momentos vividos de concertos, de visitas... O balance é moi bo.

Agora estamos nerviosos para ver como o celebraremos. A clientela está sempre moi expectante para ver como festexamos os nosos aniversarios. E este ano que son 10 e co que nos gusta a nós unha festa... haberá que liar algo! (Sorrí).

Cal é o segredo para facer unha década neste sector?

Como todo o mundo sabe, a hostalaría é unha profesión moi dura, pero tamén moi bonita. O único segredo é estar un pouco tolo por esta profesión. É un negocio, temos facturas que pagar, e é complicado compaxinalo coa vida persoal; así que ou che gusta... ou nin dez anos, nin cinco, nin tres.

O mellor recoñecemento é ese sorriso dun cliente e esas grazas e parabéns dos que nos visitan. Temos veciñanza que leva dez anos vindo e tamén clientela de turismo nacional que cada vez que pasa pola Coruña vén a verte. E incluso turistas europeos que nos visitan todos os veráns. Iso é moi satisfactorio.

Aparecedes como local recomendado na prestixiosa Guía Le Routard 2023. Supoño que iso tamén atrae clientes...

Si, iso foi unha gratísima sorpresa. Nós somos un bar, onde damos de comer, onde se pode tomar un viño, charlar, estar a gusto... pero nunca aspiras a nada así. Sobre todo porque na Coruña hai un nivel de hostalaría alucinante. Que chegue ese recoñecemento é moi emocionante. Tivo a súa repercusión: a xente que había tempo que non viña, volveu; algúns coñecéronnos así... e todo ese turismo europeo que comentabamos se aumenta por aparecer neste Guía, benvido será.

Este foi un ano de cambios para vós coa entrada de Pedro Mateo ao equipo de cociña. Como influíu a súa chegada?

Pedro chegou en febreiro e fixo moi bo equipo con Pepe Lamas, que xa estaba na nosa cociña. Hai moi boa onda entre eles e decidiron coller a carta e revisala. De aí xurdiu, por exemplo, a alcachofa confeitada que probou @JuanEAT_o. Este verán lanzamos unha proposta fresquiña, unha carta de pratos para tomar na barra. Porque tendo só sete mesas, necesitamos poder ter esa oferta. Inclúe navallas, mexillóns en escabeche, unha ‘ensaladilla’ que está moi rica...

Despois hai unha serie de clásicos que cremos que non podemos tocar, porque moitos clientes deixarían de vir: ese lagarto de porco á prancha, ese polbo, esa fideuá e ese arroz. Polo demais, intentaremos irnos adaptando á temporada. En outono volverán os cogomelos, os peixe de mercado... Traballamos coas peixeiras e co marisco das señoras do Mercado de San Agustín. Eliximos ese produto de proximidade. Temos a sorte de vivir na terra que vivimos, así que hai que apostar por esa cociña con mimo e moito cariño.

E a carta de viños como é?

Igual que a carta é corta -15 pratos- de viños agora mesmo temos unha decena. Gustaríame ter máis pero por almacenamento e orde, non podemos. A miña sumiller é Sonia Morelo. Procuramos que un 80% dos viños sexan galegos ou do norte do Portugal e o resto, nacionais e internacionais. Ese mesmo mimo que temos na carta, tratamos de telo nos viños.

A parte cultural tamén é moi importante neste bar, non si?

Si, desde o principio. Desde os libros que temos polo local ata fomentar a música en vinilo. Tamén acollemos algún concerto pequeno en formato acústico. O concepto podería ser o de bar cultural, ser ese espazo de encontro para a charla. Moita xente da cultura local ten de referencia a Barbería para tomarse un viño ou unha caña e desconectar despois dun evento.

Non considero que inventaramos nada. Aínda que a Barbería ten o seu carácter, a súa personalidade, ao final non deixa de ser o que ti viviches. Eu tiña claro que se algún día tiña un negocio propio, despois de traballar moitos anos para outra xente, tería que ser un local do que eu sería cliente. Sobre todo porque ía pasar aquí moitas horas!

Na decoración, ademais dos libros, os Playmobil, os aparellos de barbería... destacan tamén as fotos do equipo. Por que?

Porque ademais de acompañar moi ben á decoración do local, é como terlles un respecto e facerlles unha homenaxe. Un negocio mantense grazas á clientela, pero se o equipo non funciona, nada o fai. É un agradecemento a toda a xente coa que tiven ou teño a sorte de traballar.

FOTOS: IVÁN BARREIRO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.