CulturaGaliciaGastronomía

O Corazón da Artesanía chega esta fin de semana aos Pendellos de Agolada unindo oficios, gastronomía e música

Este venres comeza nos Pendellos de Agolada (Pontevedra) unha nova edición do Corazón da Artesanía. XI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, un evento multidisciplinar de posta en valor e enxalzamento dos nosos oficios artesanais, con especial atención aos máis tradicionais, así como da marca Artesanía de Galicia. O Corazón da Artesanía, organizado pola Xunta de Galicia desde o ano 2012, acadou o Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría Promociona para Entidades Públicas.

O Encontro arrinca cun amplo programa de actividades no que se inclúen demostracións en vivo de artesáns, exposición e venda de produtos gourmet, cursos de formación especializados, obradoiros para todos os públicos, actividades de música e baile e showcookings. O horario do evento será de 11,00 a 14,30 e de 16,00 a 21,30h.

O Corazón da Artesanía converterá un ano máis Agolada nun encontro único no que está prevista a participación de 51 profesionais da Artesanía de Galicia, 34 como expositores e outros 14 artesáns que participarán como docentes nos cursos de formación especializada e talleres abertos. En canto aos expositores de produtos gourmet, contaremos este ano coa oferta de 32 empresas, 19 das cales contan co selo de Artesanía Alimentaria.

Artesanía no Prato

A Xunta impulsará no Corazón da Artesanía de Agolada a incorporación dos produtos de Artesanía de Galicia no ámbito da gastronomía e de fomentar as sinerxías e o traballo conxunto entre estes dous sectores, a través do seu proxecto Artesanía no Prato. O programa de actividades do XI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará nos Pendellos de Agolada do 5 ao 7 de xullo, incluirá showcookings de recoñecidos chefs galegos do Grupo Nove, así como catas e un obradoiro de decoración.

Nun espazo único, os cociñeiros Álvaro Villasante, Lucía Freitas, Héctor López e Javier Rodríguez Ponte “Taky” realizarán demostracións culinarias nas que empregarán como soporte pezas de 10 obradoiros de Artesanía de Galicia. Haberá pezas de cerámica dos obradoiros de Buño (Malpica de Bergantiños), Alberto Lista e Alfarería Rulo; Cerámica Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Laura Delgado (Cambre), Ojea Studio (Vigo) e Susana Anta (A Coruña); coitelos de Celso Ferreiro (A Fonsagrada); pezas de coiro de Eferro (Merza, Vila de Cruces); e pezas de madeira elaboradas por Atalanta Madera (A Estrada) e Carballo Estrela (Pontevedra).

As sesións de showcookings iniciaranse o venres con Héctor López (dous soles Repsol), do Restaurante España (Lugo), que realizará dous pases en horario de 13,30 a 15,00 horas. O sábado, o cociñeiro Álvaro Villasante, do restaurante Paprica (Lugo), realizará tamén dúas demostracións en horario de 13,30 a 15,00 horas; e a chef Lucía Freitas (1 Estrela Michelín e dous Soles Repsol), do Restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), encargarase da demostración das 20,30 horas. O domingo será a quenda de Javier Rodríguez Ponte “Taky”, do Catering Boketé (Cambre), que se encargará dos dous showcookings que terán lugar ás 13,30 e ás 15,00 horas.

A programación de Artesanía no Prato conta coa colaboración da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural e completarase con dúas catas comentadas  o domingo 7 de xullo. A partir das 18,00h realizarase unha cata dos queixos premiados nas Catas de Galicia (das DOP Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro) a cargo de Salomé Beiroa, integrante do panel de cata dos queixos galegos con DOP. Ás 19,30 horas, está prevista unha cata comentada de augardentes e licores tradicionais de Galicia, a cargo da vicepresidenta do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, Sonia Otero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.