Eduardo Alonso e Luma Gómez, de Teatro do Noroeste: “O teatro e a cultura galega necesitan unha ‘primavera’ como a do 1984, que revolucione todo e nos saque do estancamento”
O vindeiro 24 de maio representarase no Teatro Principal ‘Gloria Nacional’. Será o segundo e último espectáculo do foco que lle dedica esta temporada Compostela Cultura a Teatro do Noroeste, a compañía conformada por Eduardo Alonso, Luma Gómez e Eva Alonso. Cunha traxectoria de máis de 35 anos, entre as pezas que ten producido destacan textos clásicos como ‘Rei Lear’, ‘Macbeth’ ou ‘Noite de Reis’, de William Shakespeare; e outros máis contemporáneos, como ‘Os Xustos’, de Albert Camus; ou de autores galegos, como ‘Historias Peregrinas’ e ‘A grande noite de Fiz’, de Miguel Anxo Murado, e ‘Unha rosa é unha rosa’, de Suso de Toro. Ademais de todas as obras escritas polo propio Alonso, que leva ás súas costas máis de 40 textos! O último no que está a traballar, ‘Reunión familiar’, espera que teña a súa estrea a finais deste ano ou principios do que vén.
Reunidos no compostelán Café Casino, charlamos da evolución do sector desde a chegada da democracia e das dificultades que aínda teñen compañías coma a súa, a pesar do seu recoñecemento, para sacar adiante os seus proxectos. Tras toda a unha vida dedicada ao teatro, ben paga a pena escoitalos.
Que vos parece que se vos dedique este foco dentro da programación de Compostela Cultura?
Luma: Despois dalgún tempo que levabamos sen estar programados en Santiago, creo que este foco é unha especie de recoñecemento que nos alegra moito. Compostela é moi importante para nós porque Teatro do Noroeste estreou a maioría dos seus espectáculos no Teatro Principal. Para nós é como estar na casa.
O primeiro dos vosos espectáculos que vimos ao abeiro deste foco foi a estrea de ‘Guerra’ en xaneiro. O seguinte será ‘Gloria Nacional’ o 24 de maio no Teatro Principal. Que nos agarda?
Eduardo: Escribín o texto fai cinco ou seis anos -porque a obra leva catro anos circulando- pensando que sentido ten nestes momentos a cultura, a arte, a creación en termos xerais, e a súa relación coa sociedade actual, coa economía e cos mercados. E tamén coa identidade, é dicir, os pobos que teñen cultura propia e que ademais exportan cultura propia, desenvólvense moi ben economicamente. Entón, é de meditar por que non aproveitamos esa característica, cando atoparse a un mesmo como sociedade ten que ver co progreso. Pero como me parecía un debate excesivamente intelectual, para que os espectadores o pasasen ben, tiña que elevalo a unha cuestión máis persoal. Por iso o protagonista é un escultor consagrado que está en crise de creación, e cando aparece un novo goberno, encárgalle unha gran estatua que van poñer na praza principal desa suposta nación, e que ten que ser unha escultura que represente ao país. Hai un debate entre como pode facer iso e por que ten que facelo.
É así como entendedes o voso oficio, co obxectivo de entreter pero tamén provocar unha reflexión?
Eduardo: Si, iso é verdade, pero tamén o entendemos como un oficio. É dicir, se resulta que hai que facer outro tipo de cousas, facémolas! A nós gústanos facer teatro, TODO tipo de teatro. Temos propostas infantís, gústanos a comedia, fixemos musicais tamén… Se alguén quere algo, que o pida! (risos)
Hai que vivir, claro! De feito, vós sodes uns dos causantes da profesionalización do teatro en Galicia…
Luma: Si, alá polo ano 1977, nós viñamos de estar en Madrid xa traballando de forma profesional, comprometidos coa dinámica do teatro independente, que naquel momento estaba a funcionar en todo o país; e cando volvemos a Galicia, topámonos cunha xente que tamén estaba interesada en lanzarse profesionalmente. Aquí estaban Roberto Vidal Bolaño e Laura Ponte, que tiñan Teatro Antroido. Na Coruña estaba a compañía Troula e tamén a Escola Dramática Galega. Artello en Vigo… E pouco a pouco empezamos a intentar todos esa profesionalización. Ao principio con moita precariedade. Actuabamos en todo tipo de sitios. Naquel momento era o principio da democracia. Había moita mobilización cultural. A xente tiña ganas de ver teatro, porque viñamos do Franquismo e, de súpeto, había moitas asociacións culturais en Galicia que querían facer programacións de cinema, de teatro, exposicións… Con moitísimas ganas e tamén coa certeza de que iso iría crear un espazo novo para a cultura e para os espectadores en lingua galega.
Escribrir teatro en galego era algo que tiñades claro desde o principio?
Eduardo: Si, iso foi un pacto en Ribadavia, cando aínda non existía o teatro profesional e ían alí moitas compañías afeccionadas que facían teatro en castelán. Houbo un debate sobre se o teatro galego era o que se facía en Galicia ou o que se facía en galego. E aí decidiuse que debería ser en galego. Pareceunos moi ben a todos porque as culturas se sustentan nos idiomas.
Nesa profesionalización tivo tamén moito que ver a creación do Centro Dramático Galego fai 40 anos, na que participaches ti, Eduardo. Hoxe en día como vedes o sector?
Eduardo: Leva moitos anos estancado. Non desde o punto de vista creativo, porque o teatro galego é moi rico. Hai moi bos directores e directoras, algúns autores e autoras moi interesantes e espléndidos actores e actrices. Pero estruturalmente, leva estancado practicamente desde hai máis de 20 anos. É dicir, o teatro galego deu uns pasos moi importantes ata 1984, coa creación do Centro Dramático Galego, que foi como o cume de todo ese proceso. Iso aguantouse case ata finais dos 90, pero a partir de aí, estancouse. E ademais mirouse moito no teatro español, que é un un teatro excepcional dentro de Europa. O sistema europeo é doutra maneira, onde é inconcibible que a unha compañía como a nosa, consolidada, as autoridades non lle cederán a un teatro para que desenvolva o seu labor e esteamos aínda dun lado para outro. Antes, cando eramos novos e faciamos teatro independente, en furgonetas. Agora imos en coche, pero seguimos igual! (Risos) Mañá imos a Burela, faremos unha función e volvemos.
Porque segue sendo moi habitual que as obras se representen só un día en cada lugar…
Eduardo: Porque a xente que dirixe os teatros non ten a mentalidade de que un espazo sen usar é un fracaso. Os teatros hai que usalos constantemente. Por iso ás veces facemos obras e non pasan por Santiago. Compostela ten unha programación excepcional de teatro, pero é unha media programación porque é estritamente para o primeiro semestre do ano. E non ten sentido que unha capital dun país con cultura propia propia pase medio ano sen programar.
Unha sociedade como a santiaguesa ou a galega que consome cultura está moi ben, é unha sociedade culta. Pero unha sociedade que xera cultura, iso é outro tema, é outro nivel. Aí deberían estar todos apoiando.
Durante un tempo chegastes a estar na Sala Yago, ata que pechou no 2007 e é unha mágoa que nunca se dera recuperado como espazo cultural compostelán.
Luma: Si, pasaron moitas cousas. Como á familia dona do edificio lle pareciamos ‘titiriteiros’ e xente de pouco ‘caché’, quixeron botarnos. Leváronnos a xuízo varias veces ata que o conseguiron. Gañamos creo que dúas veces ata que perdemos e tivemos marchar. Despois houbo xente que intentou facer cousas aí, pero nunca estimulou o interese das institucións.
Vós dicides que cada vez é máis difícil facer o que facedes…
Eduardo: Si, cada vez é máis difícil. De feito, baixamos bastante as nosas expectativas. É dicir, houbo momentos nos que faciamos grandes espectáculos, con doce, quince actores… Agora iso é imposible. ‘Guerra’, que é un espectáculo de seis actores, é un suicidio. Porque, loxicamente, a parte economicamente máis potente dun espectáculo son as nóminas.
E por que decidides metervos nalgo así entón?
Eduardo: Porque nós non miramos só o beneficio económico, senón tamén o social. E tamén por facer o que nos gusta e polo que levamos traballando toda a vida.
E despois de como dis toda unha vida dedicada ao teatro, seguides con ganas de continuar?
Luma: Niso empezamos a fraquear un pouco. Polo menos eu. Houbo momentos nos que estivemos cun espectáculo 7 días no Teatro Principal. Iso xa non pasa. Pero o que é sorprendente é que non esteamos 12. Estamos 1. É dicir, hai un retroceso importantísimo no que se refire ás funcións.
Creouse unha Rede Galega de Teatros e Auditorios e cada vez está máis comprimida, máis restrinxida, non mellora orzamentariamente, non se poñen cartos para programación, non se engaden lugares novos onde ir actuar… E as estruturas cando non se melloran, se desmelloran elas soas, porque non se manteñen, porque non se coida delas, porque non se fai nada para que funcionen. Eu creo que parte da situación é de abandono.
Eduardo: Foi en 1984, que lle chamamos un pouco de broma ‘a primavera do 84’, estando Luis Álvarez Pousa na Dirección Xeral de Cultura, cando se crearon moitas estruturas. E esas estruturas son as que están agora. Practicamente non se fixeron máis. Entón, o teatro e a cultura galega necesitan outra ‘primavera’, que revolucione outra vez todo, que lle dea a volta e que se reorganice en función da sociedade.