CulturaGastronomíaReportaxesTurismo

Apertas dende o Padrón máis natural!

Banco dos namorados no Xardín Botánico Artístico de Padrón
Banco dos namorados no Xardín Botánico Artístico de Padrón. Foto: Iván Barreiro

Lede este titular como se dunha grata benvida ou despedida se tratase, desas que recitaban as cartas de papel, abrazando ao destinatario!

De sobras é coñecido este concello veciño de Compostela, tanto polas súas delicias gastronómicas, como o pemento ou a lamprea, como polo seu patrimonio histórico, e cultural. Pero velaquí que hoxe escribimos dende os recunchos padroneses máis segredos e naturais... Coa misiva de embelecarvos e atraervos ata el!

Porque se aínda non cruzastes o Xardín Botánico Artístico, sentándovos no banco dos namorados, ou aínda non subistes ao Santiaguiño do Monte, polas festas do Apóstolo: estades a tempo! E ímosvos revelar máis puntos a visitar, co obxectivo de respirar, observar, aprender e sobre todo prezar e abrazar a natureza padronesa!

Quen mellor que o alcalde, para transportarnos ata os puntos máis fermosos e, quizais, menos coñecidos de Padrón. Anxo Rei Arca, ademais de non reparar en falar das marabillas do seu concello, trae consigo datos que descoñecía e que, pola súa natureza de historiador e arqueólogo curioso, leva no peto. Pero se seguides atentos a súa descrición de rutas e lugares, veredes que vos convida a percorrer a pé, reconectando cos sentidos, enredando a vista con liques, parando en cada pedra e escoitando e rebuscando na historia da contorna, en cada árbore ou solpor... O natural ofrece tanto!

“Creo que se revalorizou a nosa conciencia sobre a importancia que ten o noso patrimonio natural e como accedemos e desfrutamos del. Eu que son de Extramundi e vou polo Santiaguiño, vexo que a xente descubriu os lugares que ten máis preto. E onde, de cando en vez, aínda podes ver un faisán ou outra fauna que non resulta habitual... Vas a outro ritmo, deixas de estar pendente do móbil... Houbo un reencontro, unha revalorización, a xente está atenta a gozar do entorno, especialmente dende o confinamento. Iso reconfórtame!”... A Jessi máis escéptica interrompe ao alcalde... -Eu non sei se estou de todo de acordo con isto! -Eu teño días tamén!, -responde-. E rimos a gargalladas. Non teño fe na conciencia da xente, pero encántame oír que cada vez máis abrazamos o natural.

“En Padrón hai un grupo moi importante de xente que lle gusta facer sendeirismo e que sempre están buscando lugares por descubrir e que inviste parte do seu tempo e fai o esforzo por descubrir o patrimonio natural, o de preto e o de lonxe. As comunidades de montes fan actividades cos colexios, fai pouco houbo unha para retirar a casca das acacias e para que non se reproduzan, porque son invasoras, teñen unha conciencia ecolóxica e de protección do noso monte. Dende o Concello, as actividades que facemos funcionan moi ben, como a de recollida das herbas de San Xoán... Fai uns días, desprazámonos por distintos puntos importantes do Ulla, para coñecer como funcionan as pesqueiras e como vive a lamprea. Eu creo que aquí estamos ben neste sentido e o enfoque é mellorar”.

Paseo da Constitución. Foto: Iván Barreiro
Paseo da Constitución. Foto: Iván Barreiro

Soan de fondo as campás da igrexa parroquial de Santiago de Padrón, (onde reside o Pedrón), mentres Anxo nos invita a camiñar polo paseo da Constitución, “é o paseo máis transitado no día a día dos padroneses e padronesas, con esta iniciativa poñemos en valor o ámbito fluvial, unimos o pobo dende a praza de abastos ata a desembocadura, unha ruta circular, plana e fermosa, onde temos algunhas fotos incribles de solpores e que como inicio da ría de Arousa é un lugar moi destacado. No miradoiro do monte Lapido podes ver todo o canón do Ulla, que foi vítima de vandalismo fai pouco, ao igual que o paseo da Constitución, nada máis rematado o proxecto de acondicionamento, por certo”.

Neste punto o mandatario padronés fala ao respecto e cóntanos que a Asociación Itínera, conformada por persoas con trastornos mentais graves, son os encargados da limpeza precisamente do paseo da Constitución, “detrás de cada sendeiro hai traballo: a recollida do lixo, repoñer rótulos, todo ten un custe, hai un moi bo traballo na sombra. É dicir que este proxecto tamén ten unha vertente social, unha posta en valor das nosas zonas verdes e unha boa política de mantemento, 360 graos, por iso quen comete actos vandálicos ten que saber que atenta contra todo isto, o que se ve e o que non se ve”.

Pero Anxo continúa e recoméndanos unha voltiña polo Santiaguiño do Monte: “máis grande ou máis pequena, porque as pistas forestais permiten adaptar o paseo ao tempo que teñamos. É un monte pequeno, non ten grandes desniveis, pero ten moitos paseos circulares, é o linde entre tres municipios. As pistas forestais están moi ben coidadas, podes ver variedade de monte atlántico, na parte sombría conserva moita humidade, e atopas columnas de fentos, carballos recubertos de liques, un marcador natural que che di que as condicións do monte son boas. Temos o monte Meda, o fondo de pantalla dos padroneses, onde a subida é máis esixente, eu subo polo Roucón e tardo uns 40 minutos costa arriba, ao chegar ao vértice xeodésico tes unha panorámica de todo Padrón, cara a península do Barbanza, e do outro, todo Carcacía e ves perfectamente o Pico Sacro”.

Engade ao listado toda a ribeira do Ulla “que poñeremos en valor co proxecto da ruta das pesqueiras, situados en Herbón e Carcacía... Os pasos de pescadores que se poden transitar, hai puntos nos que a veciñanza se pode bañar, ves cordas colgadas nas árbores de onde a mocidade se tira a auga, existe todo un proxecto para limpar a maleza, facer máis transitables as ribeiras, sinalizar e incluír algún muíño... Todo o patrimonio ligado ao río Ulla é importantísimo, a nivel de fauna e flora, estamos inmersos na súa defensa, posicionándonos, claramente, en contra do macroproxecto de Altri, polo tanto queremos que a xente se achegue ao río, porque todos bebemos do Ulla, aínda que non sexa directamente e a auga pase pola ETAP”.

Recomenda tamén o castro Valente, “un xacemento arqueolóxico, importante, dende alí as vistas son xeniais, dende a torre vixía abandonada ves ata a illa de Cortegada. Para chegar a el cruzamos Pontecesures  e durante  a subida vas atopando a muralla do recinto fortificado nalgúns puntos. Financiamos unha campaña arqueolóxica anual e sempre hai visitas guiadas, para explicar onde foi a escavación, os resultados, que estruturas foron saíndo”.

Pero de ningunha maneira imos esquecer o Xardín Botánico Artístico de Padrón... Ao que Anxo responde: “Si, claro, eu estaba pensando no noso patrimonio natural salvaxe...”. “No máis silvestre!”, engado e rimos! “Si, o xardín é o noso patrimonio natural máis domesticado! (Máis risas). Dende o punto de vista natural ten moito que ver e poñer en valor. É un elemento moi singular, dentro dun BIC, xa Rosalía falaba da súa existencia. Temos un plan director para mellorar todos os elementos deteriorados, como as drenaxes dos camiños, etc. e para vixiar a saúde das plantas e árbores. É un dos elementos máis visitados e queridos polos padroneses e padronesas”.

Quero que conste en acta que a min quen me mergullou na poesía que recita o Padrón máis natural foi meu amiguiño Alberto Rey! Quen, ademais de ser un namorado do seu pobo, é técnico de Turismo no concello. Non me canso de volver a ese xardín e pedirlle unha aperta co que alí se garda, co que alí se agocha, unha aperta coa natureza máis padronesa! Pois con esa aperta de todo o equipo da Revista Pincha e unha postal da desembocadura do Ulla, despídome -en papel-: Ata máis ler, queridos e queridas!

Outra vista das marabillosas zonas verdes das que gozar en Padrón. 
Foto: Iván Barreiro

Outra vista das marabillosas zonas verdes das que gozar en Padrón. Foto: Iván Barreiro

O alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca. Foto: Iván Barreiro
O alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca.
Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.