‘Galicia Escena PRO’ comparte co público os seus 21 espectáculos en cartel
O mercado profesional das artes escénicas regresa a Compostela cunha escolma da máis recente produción galega de teatro, danza e circo
Ademais dun mercado profesional focalizado na contratación de espectáculos, Galicia Escena PRO é tamén unha gran festa cultural, que se abre ao público xeral para compartirlle unha nutrida escolma de propostas de teatro, danza e circo.
A Xunta de Galicia e a asociación Escena Galega organizan esta 12ª edición da feira, que do 2 ao 5 de xuño congregará uns 200 profesionais da programación, distribución e produción escénica arredor dun intenso programa de exhibición de espectáculos, presentacións de proxectos, reunións personalizadas e mesas de debate.
Ademais e como en anos anteriores, as persoas non acreditadas teñen tamén a oportunidade de gozar deste evento, que pon á súa disposición a asistencia de balde ás 21 montaxes seleccionadas para a súa representación no Auditorio Abanca, Igrexa da Universidade, Salón Teatro e Teatro Principal, así como noutros espazos ao aire libre.
Deste total de propostas, 18 son de produción galega, mentres que as tres restantes chegarán desde a Comunidade Valenciana e Madrid grazas ao acordo de intercambio que Galicia Escena PRO mantén con Dansa València e MADFeria.
A selección que ofrece esta 12ª feira combina compañías de longa traxectoria no panorama teatral galego con formacións de máis recente creación, así como distintas disciplinas e unha ampla variedade de tendencias escénicas. Así, na escolma galega figuran 12 espectáculos teatrais, dos que catro están pensados para o público familiar, cinco de danza e un de circo.
O público xeral pode acceder de balde aos espectáculos, previa retirada dos convites no Museo das Peregrinacións, sede da Zona Pro, de 9,00 a 14,00 h. e de 16,00 a 19,00 h. durante a celebración da feira.
CARTELEIRA GALEGA
Anfibia
La Guajira
As gardiás ou o nó do tecelán
Teatro de Ningures
Aurora Boreal
Paula Quintas Cía.
Bulebule
Os Náufragos Teatro
Cicatriz
Kirenia Danza
Compaña
Xampatito Pato
María Visitación
Consolación Amadora
Loia Producións
Maruxiña
Aurora Artes Escénicas
O proceso
Malasombra
Os contos do Lobicán
Redrum Teatro
Reconversión
Ibuprofeno Teatro
Rogelio III. La fête
AsSircópatas
Transeúnte
Daniel Rodríguez
Trïade
Colectivo Glovo
Tromsø
Morraoconto
Ubasute
Berrobambán
Un deus salvaxe
Talía Teatro
Vitória
Iria Pinheiro