Crusat e Costas: Almalarga 2023

Amor a primeira vista
Por Lorena Costas
Aló, Pincheir@s! Xa estamos de volta como binomio indivisíbel o Crusat e mais unha servidora! E comezo preguntándome que terá Galiza para que todo o mundo acabe querendo vivir aquí? Iso mesmo debeuse preguntar Roberto Flammini hai uns anos cando, tras coñecer a nosa terra estando de Erasmus, acabou namorado dela e tamén dunha moza galega.
Como adoita suceder en moitas ocasións, Roberto, italiano de orixe, tiña outra profesión e outro traballo antes de dedicarse a facer viño: Licenciado en Económicas, traballou no sector das finanzas ata que decidiu deixar todo atrás e dedicarse á súa paixón desde pequeno. Certo é que a súa relación coa viticultura xa lle vén de pequeno, porque axudaba a recoller as uvas da familia, na rexión do Piamonte.
Roberto cóntanos (en galego!) que escolleu a Ribeira Sacra polo tipo de viticultura tan extrema que se practica, polo traballo manual moito máis pegado á tradición dos devanceiros que tanto lle gusta. Di el que non hai mellor xeito de garantir o futuro que preservando o pasado, e non podo estar máis de acordo.
Se vos estades preguntando de que adega estou a falar, trátase de Alma das Donas, un proxecto novo que se puxo en marcha no 2017, cando Roberto xunto coa súa parella Lara, mercaron unha adega na parroquia pantonesa de Pombeiro que conta con máis de 3 hectáreas de viñedo.
Comezaron desde cero, aprendendo sobre cultivo, elaboración do viño e sen deixar de soñar en que se podía conseguir. A día de hoxe encárganse de todos os procesos coa axuda de expertos e poden dicir que teñen o control da elaboración de principio a fin.
Hoxe, para romper un pouco co clásico Ribeira Sacra = viño tinto, imos falar do seu Godello sobre lías: Almalarga. Aproveitando que está de moda esta uva, non está de máis facer unha pequena reivindicación polas cousas ben feitas, porque unha se atopa viños feitos con Godello que teñen de godello o que teño eu de australiana...
(Volvendo ao viño,) aínda que Cru vos contará moito mellor ca min da variedade, das elaboracións e do solo, Almalarga 2023 pasa unha pequena crianza de catro meses sobre as súas lías finas, o que fai que, aínda que sexa un viño fresco e lixeiro, teña unha sensación envolvente na boca e toques a froita madura, que o fai apto para acompañar pratos moi diversos (meteríalle un polo ao curry, por exemplo!). A garda en botella sentaralle fenomenal.
Alma das Donas tamén conta con Enoturismo, que non só inclúe a visita á adega, senón tamén aos marabillosos Canóns do Sil e á paisaxe que os rodea. Esta é a parte da que se encarga Lara, ademais da comunicación e márketing da adega. Xa tardades en ir!
Reivindicación da tradición da RS
Por José Crusat
Se ben normalmente asociamos a Ribeira Sacra aos viños elaborados coa uva mencía, hoxe falaremos dun viño coa uva godello. Para min isto é o propio, porque o que ten que caracterizar, o que debe de apostar un territorio é por iso mesmo, polo territorio que o fai diferente, e non por unha uva concreta. Polo tanto tampouco vos vou falar da godello en concreto.
Para min esta postura de identificar o territorio cunha soa uva é un grave erro, xa que as uvas poden ser trasladadas dun lugar a outro. Recordade que a viticultura no noso territorio vén dos romanos, e posteriormente moitas castes trasladáronse dun lugar a outro ao longo dos camiños por onde se desprazaba a xente: Camiños de Santiago, emigracións, exploracións, comercio...
No caso dos viñedos de Alma das Donas, trátanse de 3 hectáreas no canon do río Sil en socalcos de tradicionais, chan de xistos e lousas, con cepas de mencía e godello de 50 anos. Quero quedar con isto, con eses socalcos tradicionais, se ben dificultosos de traballar, pero que son os que confiren a identidade a zona da Ribeira Sacra. A Ribeira Sacra non é unha uva, non é a mencía, nin a godello, nin o merenzao. O corazón da Ribeira Sacra, o seu “Sumum”, é a paisaxe, un territorio que fala da unión da natureza e o home. Pendentes e socalcos, auga, pedra e a transformación que as súas xentes fixeron dese lenzo. Isto é o que hai que diferenciar e protexer, isto é a verdadeira Ribeira Sacra. O que dá sentido á solicitude de recoñecemento coma patrimonio da humanidade.
Catarémolo viño comezando coma sempre pola parte visual, no que atopamos un viño limpo, brillante, claro cunha cor amarela palliza e revetes dourados. No nariz é intenso, mineral con froita branca coma pera e melocotón. É un viño fácil de entrada, amable, cunha acidez media, persistente na boca e cun final longo e lambón.
Como maridaxe vou propoñer dúas receitas feitas cun peixe moi humilde, pero que me trae recordos de neno. Trátase do melgacho, ‘jaxapo’ ou ‘pintarroja’. De vez en cando podedes atopalo na Praza de Abastos de Santiago, así que cando o vexo, eu non dubido en collelo.
Comezaremos cun guiso de tradicional que podemos elaborar con pataca cocida ou facer un arroz branco e poñer o guiso por riba. Á vosa elección! E claro, fáltanos a “modernidade”, que vos parecen uns tacos mexicanos co peixe enfariñado cunha mestura de fariña branca de millo e chile? Despois de fritir, poñémolo nos tacos cunha crema de aguacate e chipotle e salsa de millo asado.


FICHA DO VIÑO
Adega:
Alma das Donas
D.O.:
Ribeira Sacra
Variedades:
100% Godello
Grao: 13º
Colleita: 2023
Prezo:En torno aos 17€