Lomedro

En lingua galega chamamos lomedro (en castelán ‘codillo’) á peza de carne de animais como o porco ou a vaca que comprende a articulación que une o fémur coa tibia e o peroné, xunto coa musculatura que a envolve, rica en graxa. Un sinónimo para esa mesma zona sería coxa (ou cuxa, aínda que esta é unha palabra menos recomendable).
Segundo o dicionario da Real Academia Galega, tamén recibe o nome de lomedro o óso que forma a anca nos animais cuadrúpedes, e nas persoas, o que vai desde a pube ata o xeonllo. Ou o que sería o mesmo: o fémur.
As coxas son tamén esa parte das aves que se corresponde coa tibia, ou dito doutras maneiras: coxigón, coxote, perna ou zanco.
O lomedro de porco asado é un prato típico de Austria e Alemaña, especialmente popular en Baviera, que chegou tamén ata as nosas mesas. En Berlín adoita servirse acompañado de puré de chícharos (as sementes comestibles que en castelán se chaman ‘guisantes’).
A versión galega desta receita leva lomedro, viño branco, pemento verde e allo. Cocíñase a lume lento durante varias horas ata que a carne está incriblemente suave e tenra. Aínda que é unha proposta orixinaria do século XVI, na nosa terra popularizouse no XIX, cando se servía a miúdo como o prato principal en reunións familiares e festas. Hoxe en día adoita acompañarse de patacas fervidas ou arroz.
onde probalo?
Son moitos os establecementos hostaleiros que inclúen nas súas cartas o lomedro. En Santiago, podemos comelo en diversas ocasións en locais de moita tradición como O Dezaseis, na rúa de San Pedro, ou Casa Manolo, na praza de Cervantes. Na Coruña é tamén un prato habitual en espazos como o restaurante de Pablo Gallego.
Pero falando de lugares onde comer moi boa carne, non podemos esquecer o Milongas Parrillada, un grupo con presenza en numerosas localidades galegas, entre elas, tanto Compostela como a cidade herculina.
E como en Galicia temos festas para (case) todo, non podían faltar aquelas dedicadas ao lomedro. Atopámolas en lugares como Chaián, no Concello de Trazo (A Coruña), no mes de maio ou na localidade da Rúa, na comarca de Valdeorras (Ourense), que se celebra habitualmente o último sábado de xaneiro.
Tamén en Mos (Pontevedra) teñen unha festa gastronómica dedicada ao lomedro, unha foliada que organiza a finais de outubro ou principios de novembro, desde o ano 1998, o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia.