GastronomíaPola gorxa

Picado de amoras

Agora que estamos no verán e apetece tomar alimentos ben fresquiños imos falar daquelas bebidas que se elaboran con xeo triturado ao que se lle engade zume ou xarope de sabores variados. Sabías que esta elaboración tan típica do período estival recibe en galego o nome de picado? No noso idioma non está admitida a palabra ‘granizado’.

Os picados máis habituais son os que están feitos con limón, amorodos, laranxa... pero tamén hai moitos de sabores máis orixinais como café, manga ou moras. Estas últimas, que o dicionario da Real Academia Galega define como froitas da silva ou da moreira de forma redonda e constituída por pequenos grans que cando están maduros son de cor negra, pódense chamar tamén amoras.

As amoras son froitas silvestres, que é a denominación popular e gastronómica coa que se coñece un grupo de froitas miúdas e comestibles que tradicionalmente non se cultivaban, senón que medraban en gamallos, arbustos e incluso árbores bravas nos bosques e fragas. Neste conxunto podemos incluír ademais as framboesas e os arandos.

No noso repaso polos froitos propios deste tempo non podemos esquecer as cereixas. E dentro delas, as picotas, que son aquelas que teñen a pel de cor vermella escura e carne dura e moi doce, e que se comercializan sen o pedúnculo.

onde probalo?

Lixeiros e frescos, os picados son unha das bebidas máis típicas nos chiringos de praia. Pero se o que buscas son bebidas con alto contido en froitas naturais, recomendámosche visitar A Carrilana, na rúa de San Paio de Antealtares, en Santiago. Na súa carta ofrecen unha ampla variedade de zumes e batidos. Ademais dos chamados ‘mocktails’ (cócteles sen alcol), entre outras deliciosas e refrescantes propostas.

No que respecta á cidade da Coruña, un dos locais referentes no mundo da coctelaría é o Bordello Cocktail Parlour, na rúa de Varela Silvari, moi preto da praza de María Pita. Alí, Miguel Arbe, crea cócteles únicos con ingredientes frescos e de temporada, inspirados na tradición dos ‘izakayas’ xaponeses.

E se queres probar un prato moi orixinal no que as amoras son protagonistas, visita O Testo, na compostelá rúa de Abril Ares, e pide a súa ‘mandarina morada do Cebreiro’. Esta elaboración, que se fixo viral na pasada edición do concurso Santiago(é)Tapas por imitar o aspecto dunha froita sen selo, sorprende polo seu interior, no que saboreamos queixo e unha esfera de mora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.